Jocelyn Bell, convidada estrela do XXIV Congreso Estatal de Astronomía na Coruña


– O XXIV CEA, organizado pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, celebrarase na Coruña do 30 de abril ao 3 de maio de 2020.

A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío avanzou esta mañá en rolda de prensa algunhas informacións sobre o Congreso Estatal de Astronomía 2020 (CEA2020) que acollerá a nosa cidade o vindeiro ano. Como primeiro contido destacado, a organización anunciou a presenza da lendaria astrofísica Jocelyn Bell, descubridora dos púlsares, como convidada principal do congreso.

Nacida en Belfast, Irlanda do Norte, en 1943, Jocelyn Bell Burnell era unha estudante de doutoramento da Universidade de Cambridge cando, en 1967, atopou un sinal periódico entre os rexistros dun radiotelescopio. Foi a primeira detección dun “púlsar”, estrelas de neutróns en rotación moi rápida que emiten radiación de grande intensidade con intervalos regulares. Un descubrimento de extrema importancia que foi merecedor do Premio Nobel de Física… mais o premio non foi parar a Jocelyn Bell, senón unicamente ao seu director de tese, Anthony Hewish, como cabeza visíbel do grupo investigador. Que a academia sueca ignorara o papel fundamental de Jocelyn Bell ao outorgar ese Nobel é, aínda hoxe, unha das maiores controversias científicas da historia deste premio.

Durante os seus xa máis de 50 anos de traxectoria enfocada á astronomía, tanto na investigación como na docencia, Jocelyn Bell erixiuse nun referente tamén polo seu compromiso activo en favor da educación e da igualdade de oportunidades en ciencia. Unha mostra excepcional desta actitude foi a súa decisión de doar o ano pasado o importe íntegro do “Breakthrough Prize”, dotado con 3 millóns de dólares, para financiar bolsas de investigación dirixidas a mulleres, colectivos infrarrepresentados na ciencia e refuxiados. Unha decisión exemplar e inspiradora que encaixa plenamente co espírito do noso CEA2020, que ten como lema o fomento da igualdade, a equidade e a inclusión na astronomía.

Datas clave do CEA2020
A Agrupación Ío deu a coñecer tamén as datas clave para o XXIV Congreso Estatal de Astronomía. Así, desde o 30 de xuño até o 30 de novembro de 2019 poderán remitirse resumos das comunicacións orais, pósteres e obradoiros para a súa avaliación por parte do comité científico, e do 1 de decembro de 2019 ao 28 de febreiro de 2020 estará aberto o prazo para os concursos de fotografía e debuxo astronómico. A inscrición de congresistas será posíbel entre o 30 de xuño de 2019 e o 31 de marzo de 2020.

Congreso Estatal de Astronomía
O Congreso Estatal de Astronomía é o principal punto de encontro das asociacións astronómicas que hai en España. O obxectivo dos congresos é dar a coñecer as experiencias e os avances en calquera campo, tanto no que se refire ás técnicas e procedementos de observación como á educación e divulgación da astronomía e as ciencias do espazo e a colaboración Pro-Am entre a astronomía profesional e a amadora. O primeiro tivo lugar en 1976 en Barcelona; desde entón, van xa 23 edicións, a última a que se celebrou en Cuenca a comezos de novembro, onde foi elixida a candidatura da Agrupación Ío para organizar na Coruña o seguinte congreso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Contacto

Agrupación Ío

Casa das Ciencias da Coruña

Parque de Santa Margarida s/n 15005

Teléfono : +34 604 05 49 06

Email : info@agrupacionio.com