A “undécima emoción” levounos a moitos de nós á astronomía. Poden experimentala aínda hoxe as nenas e os nenos?

Artigo de William Sheehan, cortesía de Sky & Telescope

Awe

Mentres loitaba contra a abxecta pobreza en Nashville logo da Guerra Civil, o futuro astrónomo Edward Emerson Barnard recibiu unha Biblia do seu profesor da escola dominical. Gardouna toda a vida, mais á parte de escribir nela o seu nome, só subliñou unha pasaxe (Xob 38:31-32):

Podes manter unida a doce ligazón das Pléiades, ou desfacer as ataduras de Orión?
Podes facer saír as constelacións ao seu tempo, ou guiar a Arcturus e os seus fillos?

Cando Barnard era mozo aínda era posíbel ver a Vía Láctea dende o centro de Nashville, e a súa visión enchíao de abraio. Hoxe, nos Estados Unidos, menos do 10% dos nenos e nenas viven en zonas onde a visión do ceo nocturno se parece á que gozaba Barnard. Se vivise baixo ceos con contaminación luminosa, experimentaría Barnard a mesma sensación de abraio baixo o ceo nocturno que o motivou a subliñar a pasaxe de Xob e o encamiñou a unha vida apaixonada de estudo e observación do ceo?

O abraio, a emoción que está na cerna da nosa motivación cara á astronomía, só en tempo recente recibiu a atención dos psicólogos. Menos coñecida cás “dez grandes” (amor, medo, tristeza, etc), hai quen a chama a “undécima emoción”. Os seres humanos poden ser a única especie que a sinta, e algunha xente talvez nunca a experimente. Outras persoas, porén, están intimamente familiarizadas con ela e coñecen ben ese arreguizo que percorre a espiña dorsal.

O neuropsicólogo Paul Pearsall define abraio coma un “abafador e desconcertante sentimento de conexión cun universo sorprendente que adoita estar máis alá da estreita franxa da nosa conciencia”. Sen dúbida moitos lectores de Sky & Telescope poden datar o comezo do seu interese cun episodio específico de abraio, quizais a visión dunha eclipse total ou un cometa maxestoso.

A xente moza hoxe aínda experimenta o abraio? Cada vez máis, o universo visíbel está en claro retroceso. Por suposto, sempre haberá substitutos virtuais: a visión da Cassini dos aneis de Saturno, as imaxes do Telescopio Espacial Hubble de galaxias distantes, e todo o demais.

Mais por espectaculares que sexan, levantan as mesmas emocións profundas, con potencial para cambiarche a vida, que proporciona o sentimento directo de pertenza ao universo? Con esas imaxes, canto tempo transcorre entre o “que abraiante!” e o “que aburrido!”?

Quizais Barnard, se vivise hoxe, en vez de reflexionar en soidade sobre os planetas veciños co seu pequeno telescopio ocuparía o seu tempo en Facebook. Quizais tería máis autoestima, pois algúns estudos recentes proban que o uso das redes sociais incrementa o narcisismo (amor propio).

O abraio, pola contra, conduce a un sentimento de pequenez, di o psicólogo Paul Piff (Universidade de California, Irvine) e iso alenta aos que o senten a amosar máis tendencias sociais. Son máis xenerosos e empáticos e coidan aos outros máis que os seus pares non inspirados polo abraio.

Este é un argumento, na miña opinión, para facer da astronomía -e a exposición a outros aspectos do “descoñecido”- unha materia central nos planos de desenvolvemento infantil e os currículos educativos. Se alentamos o abraio, a emoción esencial da astronomía, non só estaremos convidando aos nenos e nenas a unha paixón polo estudo do universo para toda a vida, senón que os animaremos a forxaren comunidades máis consideradas e cariñosas na Terra.

*O colaborador William Sheehan, que publicou en 1995 unha biografía de E. E. Barnard, retirouse recentemente despois de tres décadas coma psiquiatra. Este artigo publicouse primeiro en Sky & Telescope. A International Dark-Sky Association dá as grazas a Sky & Telescope por permitirlle a republicación do artigo e nós agradecemos á IDA por deixarnos traducir os seus contidos ao galego. Tradución: Martin Pawley.

Nota: no orixinal a pasaxe de Xob emprega o hápax “Mazzaroth“, que se refire ás constelacións. O volume manexado por Barnard cita nese verso a estrela Arcturus en lugar da Osa Maior como fan outras Biblias.