Boletín IAU de divulgación da astronomía

Maio #2

Neste boletín:

0) Nota editorial
1) Grazas por un exitoso Día Internacional da Luz
2) Posto na oficina IAU OAO
3) Recursos NOC sobre a eclipse lunar
4) Novas NOC: Obradoiro de formación para a protección do medio ambiente no deserto do Gobi
5) Serie de charlas sobre Mulleres na Ciencia na semana mundial do espazo
6) Clases maxistrais de xornalismo científico Open Notebook
7) Ciclo de conferencias de xornalismo científico do MIT
8) Novo programa informático para facer máis accesíbeis as imaxes astronómicas
9) Repositorio de actividades e recursos en liña
10) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
11) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

0) Nota editorial

Prezados amigos, amigas e colegas,

Xa está aquí! Esta semana celebramos a Conferencia Comunicar Astronomía co Público (Conferencia CAP). Agardamos que nos acompañedes na conferencia para poñervos en contacto con compañeiros e compañeiras da comunicación pública de astronomía. Se non estás desta vez, a próxima Conferencia CAP terá lugar en Australia en 2022 e esperamos que daquela poidas acompañarnos.

Na Oficina IAU de Divulgación da Astronomía (IAU OAO) estamos felices de compartir diversos anuncios da nosa oficina e das Coordinacións Nacionais de Divulgación da IAU. Destaca a convocatoria dun posto de traballo na nosa oficina, cun proceso de selección que comeza o 15 de xullo. Ademais, o noso NOC Mongolia forma parte do comité organizador dun obradoiro que combina astronomía e sustentabilidade ambiental para o cal aceptan presentacións até o 1 de xuño. As dúas convocatorias están abertas a calquera persoa do mundo. Agardamos que consideredes participar ou informar destes anuncios a persoas que poidan estar interesadas neles.

Este boletín tamén inclúe recursos útiles para mellorar as vosas competencias na divulgación da astronomía. Dúas organizacións, The Open Notebook e Knight Science Journalism do MIT, crearon programas para mellorar o xornalismo científico. Desde Estados Unidos chega ademais un novo programa informático gratuíto que fai máis accesíbeis as imaxes astronómicas. Tedes ligazóns sobre todo isto a continuación.

Desexámosvos os ceos máis despexados e boa saúde,

Lina Canas e Izumi Hansen, en nome do equipo da Oficina IAU de Divulgación da Astronomía

1) Grazas por un exitoso Día Internacional da Luz

Grazas por participardes na sensibilización sobre o ceo escuro e tranquilo durante o Día Internacional da Luz. A Oficina IAU de Divulgación da Astronomía (IAU OAO) compartiu do 15 ao 17 de maio recursos das persoas que exercen a Coordinación de Divulgación Nacional da IAU (NOC) e envolveu xente nas redes sociais para reflexionarmos sobre o papel da luz na astronomía. Coa axuda de todos e todas vós compartíronse eventos e recursos en 10 idiomas dos cinco continentes durante a fin de semana.

Máis información: https://www.iau.org/public/darkskiesawareness/

O noso próximo evento do Proxecto IAU de Divulgación Global serán as 100 horas de Astronomía, así que prestade atención para obterdes máis información durante o verán.

2) Posto na oficina IAU OAO

A Oficina IAU de Divulgación da Astronomía (IAU OAO) busca cubrir un posto na oficina de divulgación internacional para unirse ao equipo e apoiar as súas actividades. O posto está aberto a calquera persoa en todo o mundo. O proceso de selección comezará despois do 15 de xullo de 2021.

Máis información: https://iau.org/news/announcements/detail/ann21032/

3) Recursos NOC sobre a eclipse lunar

As Coordinacións de Divulgación Nacional da IAU comparten recursos e eventos para que calquera persoa do mundo poida observar a eclipse lunar total do 26 de maio de 2021. Reunímolos nunha mesma páxina web para que calquera persoa poida observar facilmente o eclipse.

Máis información: https://iau.org/public/noc/eclipse/

4) Novas NOC: Obradoiro de formación para a protección do medio ambiente no deserto do Gobi

A NOC de Mongolia Tsolmon Renchin e un equipo local organizan un obradoiro para ampliar horizontes sobre a protección cultural e ambiental do deserto de Gobi desde a perspectiva da astronomía. O obradoiro virtual e as actividades de divulgación presenciais están financiadas pola Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento. O rexistro e as entregas de resumos pecharán o 1 de xuño de 2021.

Máis información: https://sas.num.edu.mn/IAU100/

Grazas a Tsolmon Renchin por compartir con nós esta noticia.

5) Serie de charlas sobre Mulleres na Ciencia na semana mundial do espazo

A Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento asociouse coa Semana Mundial do Espazo para un ciclo de conferencias sobre Mulleres na ciencia. Estas conferencias terán lugar cada poucos meses antes da Semana Mundial do Espazo en outubro e o público está convidado a participar.

Máis información: https://www.eventbrite.com/o/world-space-week-association-32869594749

6) Clases maxistrais de xornalismo científico Open Notebook

Open Notebook lanza clases maxistrais gratuítas de xornalismo científico para axudar a desenvolver competencias relevantes como atopar e examinar ideas de historias e escribir historias impactantes. Estas clases fanse por correo electrónico e pódense iniciar en calquera momento.

Máis información: https://www.theopennotebook.com/science-journalism-master-classes/

7) Ciclo de conferencias de xornalismo científico do MIT

O programa Knight de xornalismo científico do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT) nos Estados Unidos organiza seminarios web gratuítos mensuais sobre xornalismo científico. A serie realízase en relación coa publicación dun manual gratuíto para xornalistas científicos.

Máis información: https://ksjhandbook.org/webinar/science-editing-webinar-series/

8) Novo programa informático para facer máis accesíbeis as imaxes astronómicas

O programa Afterglow Access (AgA), dispoñíbel desde hai pouco, fai que a análise de ficheiros de imaxes astronómicas (FITS) sexa máis accesíbel tanto para persoas cegas ou con discapacidade visual como para persoas con visión. O programa foi creado polo equipo Innovators Developing Accessible Tools for Astronomy (IDATA) nos Estados Unidos.

Para saber máis: https://idataproject.org/resources/

Grazas a Tim Spuck por compartir este recurso connosco.

9) Actividades destacadas e repositorio de recursos en liña

a) Conferencia virtual Comunicar a astronomía co público (CAP)
Onde: virtual
Cando: do 24 ao 27 de maio de 2021
Sitio web: https://www.communicatingastronomy.org/cap2021/

b) Comunicación pública de ciencia e tecnoloxía (PCST) 2020 + 1
Onde: virtual
Cando: do 24 ao 27 de maio de 2021
Sitio web: https://www.abdn.ac.uk/events/conferences/pcst/

c) SciComPT
Onde: virtual
Cando: do 23 ao 25 de xuño de 2021
Sitio web: http://scicom.pt/index.php/scicompt-2021/

d) Conferencia Futuro da Comunicación Científica
Onde: virtual
Cando: do 24 ao 25 de xuño de 2021
Sitio web: https://future-of-scicomm.converve.io/index.html

e) Reunión anual da Sociedade Astronómica Europea
Onde: virtual
Cando: do 28 de xuño ao 2 de xullo de 2021
Sitio web: https://eas.unige.ch/EAS_meeting/

f) 238º Encontro da Sociedade Astronómica Americana 
Onde: virtual
Cando: do 7 ao 9 de xullo de 2021
Sitio web: https://aas.org/meetings/aas238

g) Comunicar o Futuro: Envolver o Público na Ciencia Básica
Lugar: virtual
Cando: 27 e 28 de xullo de 2021
Sitio web: https://scipep.org/conference/

Podedes atopar recursos gratuítos para a divulgación da astronomía en liña aquí: https://docs.google.com/document/d/1RgKVmO-JkuiWMV55syx3EwUS2-hnYcJ72Ks3HLKex2A/edit?usp=sharing

10) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Árabe: https://stargazersbh.wixsite.com/bsac/iau
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.

Español: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html
Traducións grazas a Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés: https://haitiastronomie.blogspot.com/p/bulletin-dinformationde-luai-sur.html
Traducións grazas a Rulx Narcisse da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau
Traducións grazas a Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo): https://drive.google.com/drive/folders/1wN1txv57CLoDbLEEwNjStBMk6CrlkTxu?usp=sharing
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés: http://bit.ly/2xlNyCR
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados (http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html) ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía (http://www.tenkyo.net/).

Se queredes traducir o noso boletín ao voso idioma, por favor escribídenos a public@oao.iau.org.

11) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Estamos sempre na busca de noticias sobre divulgación astronómica en todo o mundo para incluílas no seguinte boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.