Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Xaneiro 2020 #1

Neste boletín:

0) Nota dos editores
1) Convocatoria aberta para participar no proxecto Escolas de Astronomía Aberta 2020
2) Actividades mundiais para celebrar o 30 aniversario do Punto Azul Pálido
3) Podcast diario entra na súa segunda década compartindo astronomía co mundo
4) O proxecto Luz Son esténdese á eclipse anular en Malaisia
5) A IAU anuncia os resultados da campaña NameExoWorlds
6) Curso de astronomía amadora en Nicaragua
7) Asinado o acordo da Oficina de Astronomía para a Educación da IAU
8) Simposios de divulgación da IAU para 2020
9) Reunións e eventos globais
10) Boletín Informativo de Divulgación de Astronomía da IAU noutros idiomas
11) Contribucións ao Boletín de Divulgación da IAU

0) Nota dos editores

Prezados amigos, amigas e colegas,

Queremos comezar o primeiro boletín de 2020 dándolles as grazas a todos os nosos colaboradores e colaboradoras: as persoas que nos últimos anos compartiron con este boletín as súas iniciativas favoritas ou que consideran relevantes de divulgación de astronomía en todo o mundo, e que son unha parte vital da nosa fantástica comunidade.

Neste número tomamos un tempo para ver como terminou o ano pasado, como a conclusión da campaña IAU100 NameExoWorlds ou o primeiro obradoiro IAU-Shaw. Mais un novo ano trae moitas oportunidades novas para involucrarse en proxectos de divulgación de astronomía, como os proxectos Punto Azul Pálido ou as Escolas de Astronomía Aberta: hai todo un ano emocionante para a divulgación da astronomía e esperamos que esteades con ganas de unirvos a nós na diversión.

Durante 2019 tivemos números especiais centrados principalmente nas celebracións IAU100, mais en 2020 volveremos co noso formato habitual e continuaremos compartindo as vosas noticias coa comunidade. Esperamos ter noticias vosas e que compartades as vosas historias connosco en 2020!

Desexámosvos ceos despexados!

Lina Canas e Izumi Hansen, en nome do equipo da Oficina de Divulgación de Astronomía da IAU

1) Convocatoria aberta para participar no proxecto Escolas de Astronomía Aberta 2020

Para afondar nas inmensas capacidades en educación, divulgación e inspiración dos docentes de astronomía de todo o mundo, IAU100 lanza unha segunda convocatoria de solicitudes para os eventos de formación das Escolas de Astronomía Aberta en 2020. A data límite para presentar propostas é xaneiro 31 de 2020.

Máis información, aquí: https://www.iau-100.org/open-astronomy-schools-2020

2) Actividades mundiais para celebrar o 30 aniversario do Punto Azul Pálido
Despois dun ano que puxo os ollos en cen anos de fitos da astronomía co IAU100, a IAU mira agora o planeta Terra. No proxecto global final IAU100, diversos eventos en todo o mundo mostrarán como a astronomía nos axuda a comprender o lugar do noso planeta no universo e como podemos abordar os desafíos globais. As actividades terán lugar entre o 13 e o 20 de febreiro de 2020.

Máis información: https://www.iau-100.org/pale-blue-dot-announcement

3) Podcast diario entra na súa segunda década compartindo astronomía co mundo

O galardoado podcast 365 Days of Astronomy entra agora na súa segunda década de publicación, celebrando 10 anos de educación astronómica todos os días do ano. Con contidos que van da exobioloxía aos exoplanetas e das supernovas aos supercúmulos, o programa comparte avances emocionantes da ciencia espacial e a alegría de aprender sobre astronomía.

365 Days of Astronomy convida a podcasters novos e ou xa existentes a compartir non só historias de descubrimento da astronomía, senón tamén información sobre misións espaciais actuais e futuras, así como a importancia da astronomía como ferramenta para aprendermos ciencia. Os podcasters participantes poden compartir información sobre temas de astronomía, as súas experiencias ou mesmo consellos sobre a astronomía como pasatempo.

Para saber máis: https://www.psi.edu/news/365decade

Queremos darlle as grazas a Avivah Yamani por compartir a noticia.

4) O proxecto Luz Son esténdese á eclipse anular en Malaisia

O sueste asiático experimentou unha eclipse anual o 26 de decembro de 2019. Realizouse unha observación no Parque Nacional Tanjung Piai, o punto máis ao sur da Eurasia continental. As universidades, clubs de astronomía e persoas particulares achegaron 120 telescopios para o evento, ademais da transmisión en vivo da eclipse con visualización segura e oportunidades educativas a través dun autobús científico, obradoiros e eventos de observación de estrelas. Hefez Murtza e o seu equipo, do Apadilangit, e Universe Awareness Malaisia, fixeron demostracións do dispositivo Luz Son, que traduce a luz en son, durante un evento con case 6000 asistentes, permitindo que outras persoas experimenten a eclipse. O evento tamén se fixo accesible grazas a libros en braille.

Podes ler un artigo sobre o evento aquí: https://www.thestar.com.my/news/nation/2019/12/27/annular-solar-eclipse-a-real-crowd-puller

Queremos darlle as grazas a Hafez Murtza por compartir a noticia.

5) A IAU anuncia os resultados da campaña NameExoWorlds

O 17 de decembro de 2019, os nomes das 112 parellas de exoplanetas e estrelas anfitrioas elixidas nas campañas IAU100 NameExoWorlds foron anunciados nunha conferencia de prensa en París, Francia. No marco das conmemoracións do centenario da Unión Astronómica Internacional (IAU100) en 2019, 112 países organizaron campañas nacionais que estimularon a participación directa de máis de 780000 persoas en todo o mundo, que propuxeron e axudaron a seleccionar nomes para os exoplanetas e as súas estrelas anfitrioas.

Podes ver os nomes elixidos e ler o comunicado de prensa oficial aquí: https://www.iau.org/news/pressreleases/detail/iau1912/

6) Curso de astronomía amadora en Nicaragua

A Asociación de Astrónomos Afeccionados de Nicaragua “Carl Sagan” (ANASA) celebra o seu 15º Curso de Astronomía Amadora en Managua, Nicaragua. O curso realizarase do 27 de xaneiro de 2020 ao 30 de marzo de 2020. O obxectivo deste curso é crear conciencia entre o público sobre a importancia da astronomía como ferramenta de desenvolvemento para as sociedades e animar as persoas a observar os ceos e preguntarse sobre o noso lugar no Universo.

Hai máis información dispoñible en Facebook, en español: https://www.facebook.com/events/2838134719574491/ (Folleto dispoñible en Google Drive).

Queremos darlle as grazas a Emilio Zúniga, o noso NOC de Nicaragua, por compartir este evento.

7) Asinado o acordo da Oficina de Astronomía para a Educación da IAU

O acordo para establecer a Oficina de Astronomía para a Educación da IAU (OAE, polas siglas en inglés) foi asinado pola IAU e o Instituto Max Planck de Astronomía durante o primeiro obradoiro IAU-Shaw do 17 ao 19 de decembro de 2019. Co xeneroso apoio da Fundación Shaw Prize, o primeiro dunha serie de obradoiros anuais tivo lugar no auditorio do Instituto de Astrofísica de París, perto da sede da IAU nesta cidade Aproximadamente 50 participantes do obradoiro discutiron unha variedade de temas en educación astronómica.

Para saber máis: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann19071/

8) Simposios de divulgación da IAU para 2020

Once simposios da IAU terán lugar en 2020 e os seguintes planean organizar actividades de divulgación para o público:

IAUS 359 en Bento Gonçalves, Brasil do 2 ao 6 de marzo de 2020

-Actividades educativas e de divulgación con centros locais de secundaria e bacharelato. Actividades relacionadas cos dous programas de divulgación, “Meninas na Ciência” e “Observatório Educativo Itinerante”, da Universidade Federal do Rio Grande do Sul.
-Observación nocturna de estrelas no hotel anfitrión.
-Participación de estudantes de grao da área de astrofísica extragaláctica nos simposios.

Máis información: http://www.ufrgs.br/galfeed2020

IAUS 360 en Hiroshima, Xapón, do 2 ao 6 de marzo de 2020

-Programación educativa aberta ao público o 22 de marzo de 2020 preto do lugar da conferencia.

Máis información: http://milkyway.sci.kagoshima-ou.ac.jp/shinnaga/Astropol2020-IAU/

IAUS 361 en Ballyconnell, Cavan, Irlanda do 18 ao 22 de maio de 2020

-Charlas públicas (por determinar)
-Observación de estrelas (por determinar)

Máis información: https://www.iau.org/science/meetings/future/symposia/2523/

IAUS 363 en L’Aquila, Italia, do 22 ao 26 de xuño de 2020

Por determinar

Máis información: http://astromeeting.gssi.it

IAUS 364 en Iasi, Rumania do 6 ao 10 de xullo de 2020

-Charlas públicas sobre a dinámica dos corpos celestes.
-Presentacións de planetario para estudantes.

Máis información: https://www.math.uaic.ro/iau_s364/

IAUS 366 en Lovaina, Bélxica, do 5 ao 10 de outubro de 2020

Por determinar

Máis información: https://www.iaus366.be

IAUS 367 en Bariloche, Arxentina, do 9 ao 14 de decembro de 2020

-Obradoiros para profesores sobre a eclipse solar local e outros temas de astronomía.
-Eventos públicos relacionados coa eclipse solar total o 14 de decembro de 2019.

Máis información: http://sion.frm.utn.edu.ar/iaus367/

As ligazóns a todos os simposios están aquí: https://www.iau.org/science/meetings/future/

9) Encontros e actividades globais

Aquí podes atopar unha listaxe de conferencias e eventos sobre divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planifica con antelación un ano moi especial para a astronomía, cheo de eventos interesantes!

a) Encontro rexional IAU Asia-Pacífico (APRIM)
Datas: do 6 ao 10 de xullo de 2020
Lugar: Perth, Australia
Máis información: https://aprim2020.org/

b) Conferencia CAP 2020
Datas: do 21 ao 25 de setembro de 2020
Lugar: Sydney, Australia
Máis información: https://www.communicatingastronomy.org/cap2020/

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;

-Traducións ao galego, por Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

-Traducións ao español, elaboradas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

-Tradución ao italiano, feitas por Eleonora Piromalli, AstronomiAmo, de Italia, nesta ligazón: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last

-Tradución ao ruso, elaboradas por Artem Mokhnaktin, do Observatorio Astronómico Central da Academia Rusa das Ciencias en Pulkovo. Podes atopar as últimas traducións do boletín aquí.

-Tradución ao portugués elaborada por Catarina Leote e João Ferreira a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica (o último número do boletín está aquí).

Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2020!

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.