Boletín de Divulgación da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía (IAU OAO)

Febreiro #1

Neste boletín:

0) Nota editorial
1) A IAU OAO e a rede NOC celebran ás mulleres e ás nenas na astronomía
2) Propón unha persoa que faga comunicación da astronomía ao premio Klumpke-Roberts
3) Bolsas de educación e divulgación da Royal Astronomical Society
4) Únete á Rede Africana de Mulleres en Astronomía
5) Aberto o prazo de propostas para participar en “Frontiers in Education: aprender ciencia en actividades extraescolares”
6) Investigación: O papel dos astrónomos e as astrónomas na educación
7) A Fundación Space for Art solicita arte espacial de nenos e nenas
8) Unha noite en liña con astronomía e arte
9) Repositorio de actividades e recursos en liña – Edición COVID-19
10) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación de Astronomía noutros idiomas
11) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

0) Nota editorial

Prezados amigos, amigas e colegas,

Chega o noso primeiro grande evento do ano: a celebración do Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia. A partir do 11 de febreiro, a Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía (IAU OAO) porá o foco nas mulleres e nenas na astronomía por medio dunha serie de entrevistas con figuras femininas desta ciencia, mentres que moitos e moitas NOC organizarán eventos para recoñecer as achegas das mulleres e as nenas. Indicamos máis adiante unha ligazón con información para que poidades participar.

Este boletín dá conta tamén dunha serie de oportunidades de desenvolvemento profesional na divulgación da astronomía, desde unha oportunidade de traballo en rede até unha convocatoria aberta para publicar nunha revista, así como algúns recursos xerais para o público, como unha convocatoria de arte internacional.

Desexámosvos os ceos máis despexados e boa saúde,

Lina Canas e Izumi Hansen, en nome do equipo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

1) A IAU OAO e a rede NOC celebran as mulleres e as nenas na astronomía

Do 11 de febreiro ao 8 de marzo de 2021, a Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía (IAU OAO) e as persoas encargadas da Coordinación Nacional de Divulgación da IAU (NOC) celebrarán un mes enteiro de mulleres na astronomía. Compartiremos entrevistas con mulleres inspiradoras da astronomía durante todo o mes e a nosa rede NOC organizará eventos en todo o mundo. Esta celebración coincide co Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia o 11 de febreiro e o Día Internacional da Muller o 8 de marzo.

Para saberdes máis: https://www.iau.org/public/women-and-girls-in-astronomy/

2) Propón unha persoa que faga comunicación da astronomía ao premio Klumpke-Roberts

Están abertas as candidaturas ao premio Klumpke-Roberts, que recoñece as persoas cunha contribución destacada ao longo da vida para a comprensión e recoñecemento público da astronomía. Concedido pola Sociedade Astronómica do Pacífico, este premio acepta candidaturas de calquera lugar do mundo. As candidaturas deberán presentarse antes do 1 de marzo de 2021.

Máis información: https://astrosociety.org/who-we-are/awards/klumpke-roberts-award.html

3) Bolsas de educación e divulgación da Royal Astronomical Society

Achégase a data límite do 15 de febreiro para concorrerdes ás bolsas de educación e divulgación da Royal Astronomical Society. Estas subvencións puntuais de 5.000 libras esterlinas teñen como obxectivo o financiamento de proxectos específicos que acheguen a astronomía ao público.

Máis información: https://ras.ac.uk/awards-and-grants/outreach/education-outreach-small-grants-scheme

4) Únete á Rede Africana de Mulleres en Astronomía

A Rede Africana de Mulleres en Astronomía (AfNWA) convida a que se una a esta nova rede a calquera muller en África que traballe en astronomía e os campos relacionados. AfNWA pretende conectar e aumentar a visibilidade de todas as mulleres que traballan na astronomía e arredor da astronomía no continente. A rede está aloxada na African Astronomical Society (AfAS), mais non é precisa a afiliación a esta sociedade para unirse a AfNWA.

Máis información: https://www.africanastronomicalsociety.org/afnwa

Grazas ao equipo da AfNWA por compartir con nós esta noticia.

5) Aberto o prazo de propostas para participar en “Frontiers in Education: aprender ciencia en actividades extraescolares”

A revista Frontiers in Education acepta artigos para un próximo número relacionado coa aprendizaxe de ciencias fóra da educación formal. Entre os asuntos deste número está a educación informal, a comunicación científica, a divulgación científica, o compromiso científico e a ciencia participativa. Os textos deben enviarse antes do 2 de marzo de 2021 e hai tarifas de publicación (hai exencións dispoñíbeis).

Máis información: https://www.frontiersin.org/research-topics/15616/learning-science-in-out-of-school-settings

6) Investigación: O papel dos astrónomos e as astrónomas na educación

Os nosos colegas de Leiden e o NOIRlab da NSF publicaron un novo artigo, “Astronomers Engaging with the Education Ecosystem: A Best-Evidence Synthesis”. O artigo trata sobre o papel dos astrónomos e as astrónomas en diferentes sistemas educativos, fai unha revisión das mellores prácticas e explica como a astronomía pode contribuír aínda máis ao desenvolvemento dunha sociedade científicamente alfabetizada e inclusiva.

Podedes lelo nesta ligazón: http://www.annualreviews.org/eprint/4FQTAJVSAQQCFPA4MA6V/full/10.1146/annurev-astro-032620-021943

Grazas a Pedro Russo por compartir con nós esta noticia.

7) A Fundación Space for Art solicita arte espacial de nenos e nenas

A Fundación Space for Art convida a nenos e nenas de calquera lugar do mundo a que contribúan coas súas creacións artísticas ao seu próximo proxecto: un traxe espacial chamado BEYOND. As propostas pódense enviar por correo electrónico á fundación ou publicarse na páxina de Facebook da fundación. As inscricións deben presentarse antes do 1 de maio de 2021.

Máis información: https://www.spaceforartfoundation.org/projects

Grazas a Miracle Chibuzor Marcel por compartir esta nova.

8) Unha noite con astronomía e arte en liña

O astrónomo español José Antonio Caballero e o músico Antonio Arias produciron hai un pouco un espectáculo en liña que mestura astronomía, poesía e música coa colaboración dunha organización de noticias da Illa de La Palma, nas Illas Canarias. O evento en español mostra o ben que a ciencia e a arte se complementan.

Podedes velo aquí: https://www.youtube.com/watch?v=UZbRaiuJuZM

Grazas a Amelia Ortiz-Gil por compartir con nós este recurso.

9) Repositorio de actividades e recursos en liña – Edición COVID-19

Recursos

“Compartimos a mesma lúa”
Historias de todo o mundo para que os nenos e nenas celebren a nosa conexión cultural coa Lúa
Ligazón: https://www.wesharethesamemoon.org/

Curso en liña “Lúas do noso sistema solar”
Curso gratuíto en liña sobre lúas no sistema solar de The Open University
Ligazón: https://www.futurelearn.com/courses/moons
Ligazón: https://www.open.edu/openlearn/ocw/mod/oucontent/view.php?id=6910

AstroCTEM
Leccións e actividades sobre astronomía e outros campos CTEM
Ligazón: http://www.astrostem.org/

Podedes ver a listaxe completa de recursos e eventos en liña aquí: https://docs.google.com/document/d/1RgKVmO-JkuiWMV55syx3EwUS2-hnYcJ72Ks3HLKex2A/edit?usp=sharing

10) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación de Astronomía noutros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Árabe: https://stargazersbh.wixsite.com/bsac/iau
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.

Español: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html
Traducións grazas a Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés: https://haitiastronomie.blogspot.com/p/bulletin-dinformationde-luai-sur.html
Traducións grazas a Rulx Narcisse da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau
Traducións grazas a Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo): https://drive.google.com/drive/folders/1wN1txv57CLoDbLEEwNjStBMk6CrlkTxu?usp=sharing
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés: http://bit.ly/2xlNyCR
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados (http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html) ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía (http://www.tenkyo.net/).

Se queredes traducir o noso boletín ao voso idioma, por favor escribídenos a public@oao.iau.org.

11) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Estamos sempre na busca de noticias sobre divulgación astronómica en todo o mundo para incluílas no seguinte boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.