-A exposición poderá verse durante as próximas semanas na contorna da Casa das Ciencias, no Parque de Santa Margarita.

Coa colaboración do Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses, a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío trae por primeira vez a Galicia unha exposición que conmemora o centenario da Unión Astronómica Internacional (IAU, polas siglas en inglés), entidade fundada en 1919 que agrupa os astrónomos e astrónomas profesionais de todo o planeta. Entre as moitas actividades coas que celebrou o seu primeiro século de vida, ademais da campaña “NameExoWorlds” que lle acabou dando a unha estrela o nome de Rosalía de Castro, a IAU produciu unha ambiciosa exposición, “Arriba e máis aló”, que repasa algúns dos principais fitos científicos no campo da astronomía e a cosmoloxía. Ao longo dos doce paneis que a forman imos descubrindo, década a década, os descubrimentos máis destacados que transformaron para sempre a nosa visión do cosmos: a comprobación experimental da Teoría da Relatividade, a expansión do universo, a orixe dos elementos químicos, a carreira espacial ou, en época máis recente, as achegas do telescopio espacial Hubble e a detección de ondas gravitacionais. O último panel contrapón o coñecemento que había en 1919 co que temos cen anos despois: pasamos dun universo cunha única galaxia coñecida a outro poboado por douscentos mil millóns de galaxias. Cambiaron, tamén, as preguntas que nos facemos. Xa non cuestionamos, como en 1919, se sería posíbel viaxar un día ao espazo ou se tiña razón Einstein, mais desde entón xurdiron moitas outras cuestións: Hai máis dun universo? Atoparemos algún día vida extraterrestre? Que é a materia e a enerxía escura?

Orixinalmente producida en inglés pola IAU en parzaría con Science Now, a Agrupación Ío presenta agora a versión galega da exposición, o que reafirma o noso compromiso coa normalización lingüística dos contidos científicos do que son boa mostra os moitos materiais divulgativos que producimos nos últimos anos.

Cultura científica segura

As medidas de control da pandemia da COVID-19 impoñen, en favor da saúde pública, limitacións ao desenvolvemento de actividades culturais. Conscientes de que a promoción da cultura científica é hoxe máis importante ca nunca, na Agrupación Ío adaptámonos ao difícil contexto actual e optamos por sacar a ciencia á rúa nas mellores condicións de seguridade. Así, os paneis da exposición estarán situados durante os próximos meses no exterior da Casa das Ciencias, no Parque de Santa Margarita, para facilitar a visita a todas as persoas interesadas.