Fabio Falchi, coordinador do Atlas Mundial do Brillo do Ceo. Foto: Riccardo Furgoni
Fabio Falchi. Foto: Riccardo Furgoni

A publicación en xuño da nova edición do Atlas Mundial do Brillo do Ceo introduciu nos medios de comunicación titulares tan rechamantes coma desoladores: o 80% da poboación mundial convive con ceos afectados pola contaminación luminosa. Falamos co coordinador do Atlas, Fabio Falchi, profesor dun instituto técnico en Mantova (Italia) e investigador no seu tempo libre no ISTIL, Istituto di Scienza e Tecnologia dell’Inquinamento Luminoso. Un verdadeiro titán na loita polos ceos escuros.

Por que debemos estar preocupados pola contaminación luminosa?

Desde o punto de vista ecolóxico, a contaminación luminosa é o problema máis espallado e tamén o máis ignorado. Ten fortes consecuencias ambientais na ecoloxía do comportamento das poboacións; modifica os hábitos de alimentación, apareamento, migración, comunicación, competencia e predación. Aínda máis, os médicos empezan a mostrar preocupación polo efecto da exposición á luz cando o noso corpo debería estar na escuridade. Estudos recentes atoparon que a iluminación residencial nocturna máis brillante está asociada á redución da calidade e duración do sono, e en consecuencia un sono excesivo que limita o bo funcionamento diúrno. Outras enfermidades parecen estar conectadas coa luz pola noite, como certos tipos de cancro e a obesidade. A American Medical Association publicou en xuño un informe alertando dos efectos adversos da luz pola noite, especialmente a que posúe compoñente azul, típica dos LED brancos que se empregan hoxe.

Como nace o teu interese e preocupación polo tema?

É unha longa historia. Na adolescencia lin sobre contaminación luminosa e de inmediato conmocionoume o absurdo do asunto. Para a miña tese en Física traballei na xeración dos primeiros mapas [de contaminación luminosa] a partir de datos de satélite, usados para modelar a propagación da luz na atmosfera; xa hai diso vinte anos. O meu titor, Dr. Pierantonio Cinzano, desenvolveu os modelos que logo usamos para posteriores investigacións, incluídos o Atlas de 2001 e o de 2016.

Na altura do primeiro Atlas, da autoría de Cinzano, Chris Elvidge e máis eu (PDF, 650KB), pensabamos facer unha nova edición periodicamente. Logo as cousas non foron así. Nin eu nin Cinzano traballabamos na investigación, aínda que nos gustaría! Traballando só no tempo libre só agora puidemos obter resultados. Por suposto, grazas á axuda de todos os autores.

Fálanos do Atlas de 2016. Por que era necesaria unha actualización?

O primeiro Atlas é de hai quince anos e os datos de satélite que empregamos eran de 1996-1997. O novo é un paso de xigante en todos os aspectos, temos mellores datos de satélite con moita máis resolución, mellores modelos e técnicas de computación e unha mellor calibración grazas a miles de medicións de brillo do ceo. Na calibración do Atlas foi moi importante o traballo de dous grupos de investigadores españois, un da Complutense de Madrid co profesor Jaime Zamoramo e o Dr. Alejandro Sánchez de Miguel, e outro no Parc Astronòmic Montsec, co Dr. Salvador Ribas.

Que conclusións extraes do Atlas 2016?

A principal conclusión que sacamos do Atlas e das estatísticas de contaminación luminosa é que o problema debe ser afrontado con urxencia, pois xa se excederon todos os límites tolerábeis. Non pode ser que en practicamente toda Europa non haxa ningún lugar sen contaminación! As solucións existen e son coñecidas, mais aínda non se aplican. Co paso ao LED, impulsado pola industria, está perdéndose unha ocasión fundamental para diminuír o problema. Ao contrario, estámolo aumentando pola forte compoñente azul dos LED brancos que se instalan en substitución das lámpadas de sodio.

Cal é o estado do problema en España e Portugal?

A península ibérica está extremadamente contaminada. No estado español a totalidade da poboación vive baixo ceo contaminado desde o punto de vista astronómico, tres cuartas partes non ven a Vía Láctea onde viven (a media na UE é o 60%) e un 40% viven en lugares con tanta contaminación luminosa que seguen activos os conos cando se observa o ceo nocturno (na UE, o 20%). En Portugal a situación é case idéntica. En termos do territorio, o Estado español está un pouco mellor que Portugal, con vastas zonas pouco poboadas que teñen ceos bastante escuros.

O gran problema do Estado español (e de Italia) é que a contaminación per cápita é elevadísima. Basta comparar Madrid con Berlín para darse conta. Son cidades coa mesma poboación, mais a capital española ten moita máis contaminación cá alemá.

Iluminamos demasiado. Canto é “demasiado”?

É demasiado en canto se supera o nivel mínimo necesario para o que hai que facer. Por exemplo, non é preciso poder ler o xornal no medio da rúa, a iluminación só debe servir para evitar eventuais obstáculos. Non podemos iluminar toda a noite aínda que non haxa ninguén a utilizar as luces. É unha dilapidación de recursos inmensa.

Como ves o futuro próximo respecto da contaminación luminosa?

A curto prazo aumentará seguramente, sobre todo por culpa dos novos LED brancos. En canto aumente o coñecemento do problema, con todo o relativo á produción de melatonina, imaxino que a xente comezará a preocuparse e a entender que a luz pola noite é un contaminante. A longo prazo até é posíbel que volvamos a niveis máis soportábeis. Existe xa a tecnoloxía para diminuír polo menos dez veces o nivel de contaminación actual, sen poñer a cidade completamente ás escuras.

Na actualidade vemos a instalación masiva de lámpadas LED. É unha boa decisión?

A migración a esta tecnoloxía non está reducindo a contaminación luminosa, senón ao contrario. Para ser unha solución, a iluminación LED debería usarse empregando as mellores propiedades destas luces, o feito de que poden acenderse inmediatamente e regular até niveis moi baixos. Poderíamos apostar en ter luz só onde é estritamente necesaria, co horario correcto e con intensidades máis baixas que as instaladas hoxe. No pasado todas as melloras de eficiencia provocaron un incremento do consumo de enerxía e con el un incremento maior da luz no ambiente nocturno. Desta vez, se non se corrixe, a transición á luz LED dará o mesmo resultado.

Hai outro aspecto máis, as novas instalacións de luz LED teñen un único obxectivo: a eficiencia enerxética. Non podemos pensar na eficiencia enerxética coma nun “Santo Grial”. A maior eficiencia hoxe obtense co LED branco frío, que é xusto o tipo de LED que ten máis compoñente azul, a que trae peores consecuencias para o ceo e os ritmos circadianos. Baixando un pouco a eficiencia podemos conseguir luz branca máis cálida e LED máis acolledores ou LED que case non teñen compoñente azul (LED PC ámbar, por exemplo).

Como debe enfocarse, na túa opinión, a divulgación ante a cidadanía deste problema?

Até agora viuse como algo que atinxe só os amantes da astronomía. Non é así, é un problema cultural para todos e un problema ambiental de máxima importancia. A xente debe ser informada de todos os aspectos negativos do uso da luz artificial na noite. Hoxe só coñece os positivos ou os considerados positivos, como os relativos á seguridade. As últimas investigacións móstrannos que a seguridade das persoas e a seguridade nas estradas non depende en absoluto da luz artificial.

Cal é o “mínimo” que lle deberíamos esixir aos nosos representantes políticos na loita contra a contaminación luminosa?

Para empezar, que imiten o que se fixo en Italia, onde gran parte das rexións adoptaron leis contra a contaminación luminosa. E con iso a contaminación non diminuíu, mais polo menos non aumentou nos últimos quince anos. Para reducir a contaminación basta seguir coidadosamente estas suxestións: non permitir luminarias que envíen luz directamente por riba da horizontal; non dilapidar fluxo luminoso fóra da zona que debe ser iluminada; evitar a iluminación excesiva; apagar as luces cando a zona non está en uso; apostar primeiro no crecemento cero do fluxo total instalado e logo na redución, como se fai con todos os outros contaminantes; e limitar severamente a luz azul, de lonxitude de onda corta. A luz non pode verse, como até agora, como unha cousa positiva “per se”; a luz, coma calquera outro contaminante, debe estar sometida a control coidadoso.

Hai case vinte anos que empezou a actividade da asociación Cielo Buio, da que es presidente. Podes facernos un balanzo deste tempo?

A nosa maior vitoria foi a aprobación de quince leis rexionais eficaces, con parámetros técnicos capaces de deter o aumento da contaminación luminosa. A derrota é que as leis a miúdo non se aplican, sobre todo no ámbito privado. Isto ten que ver co feito de que case ningún astrónomo afeccionado denuncia a contaminación ante os Concellos. Ademais, estamos perdendo a batalla da substitución das lámpadas de sodio polos novos LED brancos, moi contaminantes. Conseguimos facer entender que as luminarias deben estar totalmente apantalladas, mais non conseguimos que diminuíse o seu número. Cos anos seguiron aparecendo novas instalacións.

Sen CieloBuio hoxe Italia tería unha contaminación luminosa como mínimo o duplo da que xa ten, que é altísima (somos o país do G20 co territorio máis contaminado). O traballo das asociacións é fundamental. Sen elas as cousas serían moito peor, sobre todo no que atinxe á toma de conciencia do problema.

* * *

Entrevista a Fabio Falchi realizada por correo electrónico por Martin Pawley. Foi feita para o caderno “A Fondo” dedicado á contaminación luminosa que publicou o semanario Sermos Galiza o 22 de setembro de 2016.