Farois acendidos en pleno día na Coruña. Foto: Xoán Cardelle.
Farois acendidos en pleno día na Coruña. Foto: Xoán Cardelle.

por Martin Pawley

Por obvio que pareza nunca está de máis recordalo. A Terra dá voltas sobre o seu eixo e ese movemento de rotación xustifica que cada lugar do planeta estea exposto unhas veces de forma directa á luz do Sol e outras non, ou o que é o mesmo, que sexa “de día” ou que sexa “de noite”. A alternancia do día e da noite, da luz e a escuridade, é unha característica esencial do planeta en que vivimos. No tempo transcorrido dende que apareceron as primeiras formas de vida a Terra deu máis dun billón de voltas; un billón -con “b”- de días co seu correspondente billón de noites. Non parece insólito, dende logo, que a vida, en todas as súas formas, se acomodase a esa circunstancia, a esa sucesión segura de períodos de luz e períodos de escuridade. Que desenvolvesen mecanismos para axustarse a esa alternancia de días e noites. Tamén, por suposto, para adaptarse á diferente duración dos días e noites ao longo do ano e así recoñecer con antelación a chegada do verán e do inverno.

Nós, os humanos, non somos seres alleos a ese padrón día/noite. Estamos tan afeitos dende que nacemos que acabamos por non reparar niso, mais non é casual que descansemos cando o ceo está escuro e “fagamos vida” cando a luz do Sol domina o ceo, nin son casuais as variacións ao longo dunha mesma xornada da temperatura do noso corpo ou da presión arterial. A nosa intelixencia e capacidade transformadora fainos crer ás veces que para nós non hai barreiras, mais hainas, e non poucas. Ir contra ritmos biolóxicos forxados durante millóns de anos trae consecuencias. A desmedida iluminación artificial que (case) varreu a noite produce danos que a ciencia hoxe é quen de explicar.

Coñecemos o grave impacto ambiental da contaminación luminosa, como altera os ciclos biolóxicos de árbores e plantas, como dificulta a migración das aves, como desequilibra as delicadas relacións tecidas na fauna nocturna. Sabemos os riscos para a saúde humana, as alteracións do sono, o potencial que a luz pola noite ten para reducir a produción de melatonina e como iso se relaciona con diversas enfermidades, dende a diabetes ao cancro. Podemos calcular a enerxía e o diñeiro que dilapidamos en iluminar a noite, 950 millóns de euros ao ano en España, bastante máis có que custou toda a misión New Horizons da NASA que conseguiu enviar unha sonda a Plutón. Como mínimo a metade da iluminación nocturna que temos é inútil. Iso significa que tiramos cada ano varios centos de millóns de euros ao lixo (máis ben ao ceo). Canto I+D+i poderíamos financiar con esa cantidade inmensa de cartos?

E si, a contaminación luminosa -por aí empezou todo- dificulta ou impide vermos o ceo. A observación da noite serviunos durante milenios para guiarnos no tempo e no espazo: valémonos do firmamento para elaborar calendarios e para movernos polo mundo. Perder a noite é perder unha parte esencial da nosa cultura.

Temos razóns de sobra para estarmos preocupados. Temos razóns de sobra para esixirlle aos responsábeis públicos que tomen este problema en serio. Por iso o ano pasado a Agrupación Ío impulsou, co apoio doutras nove asociacións, unha iniciativa a favor dunha Declaración Institucional do Parlamento de Galicia en defensa do ceo nocturno que foi aceptada por todas as forzas políticas presentes na cámara [ver vídeo]:

O Parlamento de Galicia asume na súa integridade a “Declaración sobre a defensa do ceo nocturno e o dereito á luz das estrelas” (Declaración de La Palma, 2007), e de maneira explícita recolle algunhas das súas ideas fundamentais:

1.- O dereito a un ceo nocturno non contaminado que permita gozar da contemplación do firmamento debe considerarse un dereito inalienable da Humanidade, equiparable ao resto dos dereitos ambientais, sociais e culturais.

2.- A difusión da astronomía e dos valores científicos e culturais asociados deberán considerarse contidos básicos a tratar na actividade educativa.

3.- É imprescindible o control da contaminación luminosa en todo o territorio galego dado o impacto que xera sobre moitas especies, hábitats, ecosistemas e paisaxes. Deberá promoverse e esixirse o uso racional da iluminación artificial para minimizar o resplandor que provoca no ceo e evitar a nociva intrusión de luz sobre os seres humanos e o medio natural.

4.- Os lugares que presenten condicións excepcionais para a contemplación do ceo, e en particular aqueles máis aptos para a observación con fins científicos, serán obxecto dunha protección especial.

5.- Deberá fomentarse o turismo responsable e sostible que faga da paisaxe nocturna un recurso a protexer e poñer en valor.

Compostela, 29 de setembro de 2015

Un ano despois, é hora de que estas fermosas palabras se convertan en feitos.

* * *

Martin Pawley é membro da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío. O artigo foi escrito para o caderno “A Fondo” dedicado á contaminación luminosa que publicou o semanario Sermos Galiza o 22 de setembro de 2016.