DeclaracionStarlight

Os participantes da Conferencia Internacional en Defensa da Calidade do Ceo Nocturno e o Dereito a Observar as Estrelas, conxuntamente cos representantes da UNESCO, OMT, IAU, e outras axencias e organizacións internacionais citadas na versión íntegra da Declaración, así como membros da comunidade científica e académica, reunidos en La Palma, Illas Canarias, España, o 20 de Abril de 2007; sendo conscientes de que a visión da luz das estrelas foi e é unha inspiración para toda a Humanidade, e que a súa observación representou un elemento esencial no desenvolvemento cultural e científico de todas as civilizacións;

Declaramos que:

a. O dereito a un ceo nocturno non contaminado que permita gozar da contemplación do firmamento debe considerarse como un dereito inalienábel da Humanidade, equiparábel ao resto dos dereitos ambientais, sociais e culturais. A progresiva degradación do ceo nocturno ha ser considerada un risco inminente que leva a perda dun recurso fundamental.

b. O coñecemento, apoiado na educación, constitúe a clave que permite integrar a ciencia na nosa cultura actual, contribuíndo ao avance de toda a Humanidade. A difusión da astronomía e dos valores científicos e culturais asociados deberán considerarse contidos básicos a incluír na actividade educativa.

c. O control da contaminación lumínica debe ser un requisito básico nas políticas de conservación da natureza dado o impacto que xera sobre moitas especies, hábitats, ecosistemas e paisaxes.

d. A protección da calidade astronómica das áreas privilexiadas para a observación científica do universo deberá constituír unha prioridade nas políticas ambientais e científicas de carácter rexional, nacional e internacional.

e. Deberá promoverse o uso racional da iluminación artificial, minimizando o resplandor que provoca no ceo e evitando a nociva intrusión do exceso de luz sobre os seres humanos e o medio natural. Esta estratexia implica un uso máis eficiente da enerxía en consonancia cos acordos sobre o cambio climático e a protección do medio ambiente.

f. Igual que outras actividades, o turismo pode converterse nun poderoso instrumento para desenvolver unha nova alianza en favor da calidade do ceo nocturno. O turismo responsábel, en todas as súas manifestacións, pode e debe integrar a paisaxe do ceo nocturno como un recurso a resgardar e valorar en todos os destinos.

Deberán poñerse en práctica todas as medidas necesarias co fin de informar e sensibilizar ao conxunto de implicados na protección do medio ambiente nocturno, xa sexa a nivel local, nacional, rexional ou internacional, sobre o contido e os obxectivos da Conferencia Internacional en Defensa da Calidade do Ceo Nocturno e o Dereito a Observar as Estrelas celebrada na illa de La Palma.

Adoptada o 20 Abril de 2007, en La Palma, Illas Canarias, España. Podes descargar a versión íntegra da declaración en PDF en inglés ou español.