O conto da vida de Caroline Herschel


Este de hoxe parece un conto clásico, mais é un conto real. Coma en todo bo conto hai dificultades sen fin, hai xente boa e xente mala, hai obstinación para saír adiante, hai sacrificio. E hai, digámolo xa, un final feliz.

Retrato de M. F. Tielemanm. Fonte: Wikipedia.

Retrato de M. F. Tielemanm. Fonte: Wikipedia.

Empeza o conto en Hanover, na Alemaña, un 16 de marzo de 1750. Tal foi o día que naceu Caroline Lucretia Herschel, a oitava dos dez fillos que tiveron Isaac Herschel, xardineiro e músico (tocaba o oboe), e Anna Ilse Moritzen. A historia acaba ben mais empeza triste. A infancia de Caroline estivo marcada por enfermidades que lle produciron permanentes secuelas físicas: aos tres anos a varíola, da que quedaron cicatrices nas meixelas e unha lixeira deformación nun ollo, e logo aos dez o tifo, que limitou o seu crecemento: non medraría máis alá de 1m 30cm. Para a familia era evidente que nunca chegaría a casar -nesa altura o destino principal de calquera muller en Europa- e a nai pensou que o mellor para Caroline era preparala para traballar coma criada nunha casa.

Á nena Caroline non lle aprenderon moita cousa, a nai nin sequera deixou que o pai lle proporcionase coñecementos musicais. Aprendeu costura, iso si, mais tampouco como para facer dela unha gran modista. As súas esperanzas empeoraron coa morte do pai en 1767. O seu destino era o de ser a “Cincenta” da familia. Mais para esta Cincenta non houbo príncipes nin feitizos máxicos, só moito traballo e ciencia.

O irmán favorito de Caroline, William Herschel, deixara Hanover tempo atrás e establecérase coma músico en Bath, Inglaterra, e foi el quen acudiu ao rescate de Caroline. Estaba solteiro e iso serviu de escusa: precisaba alguén que puidera “levarlle a casa” e quen mellor que a irmá, a quen quizais, xa de paso, podía aprenderlle música e valerse dela coma cantante nalgúns concertos. Así foi como conseguiu convencer a familia, así foi como Caroline Herschel deixou Hanover en agosto de 1772.

Chegou a Bath disposta a atender os labores do fogar e aprender a cantar, mais axiña descubriu que ao seu irmán William lle nacera unha nova obsesión: a astronomía. Ás tarefas previstas engadíronse outras inesperadas, como a de lerlle libros ao irmán para entretelo durante as longuísimas horas que dedicaba a pulir espellos para os telescopios que el mesmo fabricaba. Coa casa convertida nun obradoiro de toda sorte de trebellos astronómicos, o papel de Caroline multiplicouse para ser unha verdadeira “axudante para todo”. Aínda así, conseguiu aprender canto e foi unha solvente intérprete nas actuacións do irmán William. Suficientemente boa como para que despois dunha interpretación até lle ofreceran a ela un contrato coma cantante. Nese momento puido independizarse de William mais non quixo: declinou abandonar o home que a salvara de Hanover, decidiu quedar con el e apoialo nos seus proxectos.

Os proxectos para entón eran xa máis astronómicos que musicais e neles William contou co apoio fiel de Caroline. Construíu un telescopio dun espello de seis polgadas de diámetro, naquel momento o mellor do mundo, e con el descubriu en marzo de 1781 o planeta Urano, un éxito tal que o Rei Xurxo III lle outorgou o ano seguinte un salario para dedicarse profesionalmente á astronomía, co único compromiso de vivir perto do Castelo de Windsor e atender os visitantes reais que quixeran botar unha ollada aos ceos. E canda el, Caroline, a Cincenta que deixara Alemaña soñando con ser cantante e se converteu na máis eficaz astrónoma axudante, autorizada a facer as súas propias observacións. No verán de 1783 William constrúe un telescopio maior que permite a detección visual de obxectos máis febles. O procedemento é ineficaz: cando el observa algo debe tomar nota e para iso válese dunha vela, mais logo de facelo ten que agardar varios minutos até que o ollo se acostuma de novo á escuridade e a pupila se dilata. Iso fai que perda moito tempo. Ocorréselle que o mellor é traballar man con man con Caroline: mentres el observa, coa vista afeita á escuridade, ela pode tomar notas.

Caroline non é en todo caso unha mera copista. Encárgase de reorganizar o catálogo estelar feito décadas atrás por John Flamsteed, que incluía tres mil estrelas, e ordénao non por constelacións, que teñen formas e fronteiras arbitrarias, senón en función da súa distancia respecto da Polar, o que melloraba a súa utilidade para os observadores por telescopio. As táboas eras máis útiles para William que con elas podía facer un seguimento preciso das estrelas que “debía ir vendo” e así marcar con máis precisión a observación de novos obxectos. Os progresos foron tan grandes que conseguiron financiamento real para un telescopio xigantesco para a época, cun espello de 1,2 metros. Os Herschel, William e Caroline, descubriron neste período de frenético traballo máis de 2000 nebulosas. Todo ía de fábula cando en 1788, aos 49 anos, William casou cunha viúva rica, Mary Pitt, e iso puxo nunha delicada situación a Caroline: xa non era necesaria para atender a casa do irmán.

William ofreceulle unha pensión, mais Caroline foi máis audaz: pediulle ao irmán que intercedese por ela para conseguirlle un soldo do Rei coma a súa axudante. E así foi. Caroline converteuse na primeira astrónoma profesional da historia. E a medida que William Herschel foi reducindo a súa dedicación á astronomía, en función da súa nova situación familiar, Caroline dispuxo de máis tempo para explorar os seus propios intereses. Os cometas, por exemplo: descubriu oito en nove anos. O descubrimento do segundo deles notificouno por carta ao Observatorio de Greenwich, mais a carta tardou dous días en chegar alá, en percorrer os apenas 50 km de distancia dende Windsor. Nese tempo o ceo cubriuse e foi imposíbel confirmar a súa observación até uns días despois. Cando anos despois descubriu o seu último cometa decidiu ir ela mesma dar a nova, montando a cabalo con destino a Greenwich, non fora ser que se repetise a desfeita.

William Herschel morreu en 1822. Despois da morte do irmán, Caroline tomou a curiosa decisión de regresar á súa cidade natal. Volveu de forma moi diferente de como saíu, convertida nunha científica recoñecida en toda Europa. En Hanover, e con idade xa avanzada, emprendeu un gran esforzo final: a ordenación de todas as anotacións e observacións de William para compoñer un catálogo definitivo que servise, ademais, para o fillo deste, o seu querido sobriño John, que revisou e ampliou as observacións do pai. Se o pai non se moveu de Windsor, John viaxou polo mundo para escrutar o ceo do hemisferio Sur e completar o inmenso traballo da familia Herschel. John mandoulle a súa tía o volume coas observacións feitas no Cabo de Boa Esperanza no verán de 1847, cando ela tiña 97 anos. Imposíbel imaxinar a satisfacción, o orgullo absoluto que debeu experimentar nese momento esta muller excepcional. Morreu pouco despois, o 9 de xaneiro de 1848.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Contacto

Agrupación Ío

Casa das Ciencias da Coruña

Parque de Santa Margarida s/n 15005

Teléfono : +34 604 05 49 06

Email : info@agrupacionio.com