O noso planeta, visto desde a Estación Espacial Internacional, parece unha árbore de Nadal. Esta iluminación, visíbel desde o espazo, é contaminación luminosa provocada por farois e proxectores que iluminan cara arriba ou aos lados, facendo que o ceo nocturno sexa menos escuro.

A contaminación luminosa é un problema global que debe ser combatido polas seguintes razóns: dilapida enerxía e diñeiro; contribúe ao cambio climático; afecta os seres vivos e a calidade de vida das persoas; e impide as observacións astronómicas e que as persoas vexan as estrelas.

O proxecto internacional Dark Skies Rangers promóveo en Portugal o NUCLIO – Núcleo Interactivo de Astronomia cos seguintes obxectivos:
– Divulgar as causas e consecuencias da contaminación luminosa;
– Sensibilizar sobre a importancia da utilización de iluminación exterior enerxeticamente eficiente e que dirixa a luz cara abaixo;
– Promover a diminución da contaminación luminosa e a preservación do ceo nocturno;
– Promover o interese pola astronomia.

Na procura destes obxectivos, o NUCLIO organiza dous concursos internacionais: Concurso de Debuxo Dark Skies Rangers e Concurso de Reportaxe Dark Skies Rangers. Os concursos contan co apoio da Direção-Geral da Educação, ABAE – Programa Eco-Escolas, Galileo Teacher Training Program e Our Space Our Future.

No concurso de debuxo, cuxo regulamento pode lerse en portugués aquí, pode participar o alumnado con idade entre os 5 e 10 anos. O debuxo debe ser inédito e realizado individualmente en formato A4, e se inclúe texto, este debe estar en portugués ou inglés. O debuxo pode facerse con ferramentas dixitais. Cada escola pode enviar varios debuxos, sempre que sexa un só por aula ou grupo. O prazo para participar remata o 28 de maio de 2021.

O concurso de reportaxe, cuxo regulamento pode lerse en portugués nesta ligazón, vai dirixido a alumnado de ensino básico e secundario, equivalente á primaria, secundaria e bacharelato no modelo español. As persoas que participen deben crear unha reportaxe sobre a contaminación luminosa, de acordo cos obxectivos do concurso. A reportaxe debe ser inédita, escrita en portugués ou inglés e realizada individualmente ou en grupo e en calquera caso sempre coordinados por un profesor ou profesora. A reportaxe pode ter calquera destas formas:

Artigo: pode ser unha descrición escrita, entrevista ou investigación. O texto debe ser ilustrado con polo menos unha imaxe (fotografía, gráfico ou infografía), acompañada dunha lenda cun máximo de 20 palabras. O título non debe ter máis de 10 palabras e debe vir seguido dun resumo da reportaxe cun máximo de 50 palabras. O texto escrito, excluíndo as ilustracións, non debe exceder as 1000 palabras.

Fotografía: até un máximo de 6 fotos orixinais, acompañadas dunha lenda esclarecedora e de cariz científico, cun máximo de 20 palabras. As fotografías deben ter formato de imaxe (jpeg, bmp, png, tif ou gif), con boa definición. A reportaxe debe vir acompañada dunha memoria descritiva cun máximo de 150 palabras, explicativa de como se realizou o traballo, e un resumo cun máximo de 50 palabras.

Vídeo: debe durar como máximo 3 minutos e pode ter formato de documental ou entrevista. O vídeo debe ser publicado no YouTube, Vimeo ou outra rede social. Debe posuír un título cun máximo de 10 palabras e un resumo cun máximo de 50 palabras. Estará acompañado dunha memoria descritiva cun máximo de 150 palabras, explicativa de como se realizou o traballo.

A reportaxe debe indicar as fontes de información (referencias) consultadas polos alumnos. O prazo para participar remata o 13 de xuño de 2021.