Cinco mitos sobre a iluminación das rúas con LED


The St. Louis Arch is lit at night, creating a spectacular display and also contributing to the light pollution that is common in and around all major metropolitan ares. Modern lighting in downtown St. Louis contrasts with more traditional street lighting. Lights aimed a a reflector produce much softer light along streets. Considered a safer form of lighting because it inhibits dark shadows and is easy on the eye.

Imaxe: Jim Richardson

As veloces transformacións na tecnoloxía de iluminación LED propiciaron un cambio masivo a este sistema. Por todo o planeta os concellos están optando por substituír os vellos farois por luces LED de maior eficacia enerxética. Infelizmente, estes cambios tamén traen desinformación sobre os LED, os ceos escuros, a seguridade e o medio ambiente.

Mito #1: O uso dos LED reduce a contaminación luminosa e é “bo para os ceos escuros” porque teñen unha alta eficiencia enerxética.

Si, os LED teñen máis eficiencia enerxética, mais iso pode ironicamente conducir a termos máis luz pois as cidades gastan o diñeiro que aforran en electricidade en poñer máis iluminación. Na maioría dos casos, sobre todos nos Estados Unidos, hai unha tendencia a usar máis unha cousa, e non menos, cando o seu prezo de produción e distribución baixa. É o que en economía chaman “paradoxo de Jevons”.

“Os gobernos e os ecoloxistas xeralmente asumen que a mellora de eficiencia reducirá o consumo e que iso é per se unha política efectiva en favor da sontenibilidade, ignorando a posibilidade de incremento que anuncia o paradoxo”, di o investigador Blake Alcott, que inventou o termo.

O cambio masivo [ao LED] é particularmente susceptíbel de experimentar o paradoxo de Jevons porque a demanda mundial de luz segue a exceder o subministro e as cidades alumean a maiores niveis porque os LED fan que engadir luz sexa máis barato.

Mito #2. O uso de LED reduce a contaminación luminosa e é “bo para os ceos escuros” porque fai máis fácil controlar onde se manda a luz cara ao chan.

De acordo cunha nota de prensa que é representativa de moitas outras, “o LED é mellor para confinar a luz cara ao chan e así non se envía ao ceo”. Hai algo de certo nisto, mais infelizmente tamén trae un maior cegamento, que pon os condutores e peóns en risco. Moitas lámpadas LED  fan realmente pouco por controlar a forma exacta da saída de luz.

Unha curiosidade: o brillo superficial do LED branco comercial é aproximadamente 1/30 do brillo superficial do Sol, e o brillo superficial non varía coa distancia á fonte.

A razón pola cal este mito non é verdade é que a luz de lonxitude de onda curta (azul) dispérsase moito máis pola atmosfera cá luz de lonxitude de onda longa (vermella), incluso se a emite unha lámpada completamente apantallada. De acordo cunha investigación recente, reemprazar a vella tecnoloxía por LED branco probabelmente vai aumentar o brillo do ceo, mesmo aínda que o número total de luminarias non varíe.

Mito #3. A luz LED aumenta a seguridade do tráfico.

Non hai evidencia académica para isto. Hai quen asegura que as cores máis vívidas que proporciona  o LED branco melloran dalgunha maneira a seguridade do tráfico, mais non se explicou até o momento a que se debería. Un estudo non publicado de Nancy Clanton, investigadora da iluminación e deseñadora, amosou que a cor da luz pode influír na capacidade de ver obxectos en movemento pola noite. Mais ninguén parece coñecer como afecta de verdade a cor á seguridade do tráfico. Polo de agora non hai evidencias concluíntes de que a luz LED mellore a seguridade do tráfico.

Mito #4: A iluminación LED mellora a seguridade das persoas ao disuadir a criminalidade.

De maneira equivalente, non podemos asegurar unha cousa nin a contraria. Polo de agora, a maioría das investigacións céntranse no brillo da luz e ignoran a cor e outras características. E os LED teñen o potencial de diminuír a seguridade porque crean contrastes moito maiores, o cal aumenta a crueza das sombras. Xuntade a isto a sobreiluminación e o resultado é que a iluminación LED pode ir en detrimento da nosa seguridade, independentemente da súa cor.

Mito #5. O aforro de enerxía dos LED reduce de maneira automática a pegada de carbono, o cal é mellor para o medio ambiente.

Outra vez máis, iso depende de como usemos a luz. Cada LED individual produce máis luz con menos electricidade (e menos diñeiro) cá maioría das outras tecnoloxías de iluminación. Iso non se discute. Mais só aforramos carbón e custos se mantemos a mesma cantidade de luz en uso. Infelizmente, iso non está acontecendo (ver arriba o paradoxo de Jevons). Se o paradoxo se cumpre, o mundo demandará máis luz a medida que o prezo da súa produción diminúa. Iso vale tanto para a electricidade como para o custo dos equipamentos, que está baixando velozmente.

Outro asunto é o custo de carbón e diñeiro na produción da iluminación LED e as preocupacións medioambientais unha vez que a iluminación quede obsoleta. Igual que nos preocupamos pola eliminación das lámpadas compactas fluorescentes e a contaminación por mercurio, teremos que lidar cos LED e algúns noxentos metais pesados.

Por último, para falarmos de se é “mellor para o medio ambiente” deberíamos tamén ter en conta o impacto desta luz (en especial a luz azul) sobre as plantas, os animais e a saúde humana. Infelizmente, raras veces se fai iso.

A tecnoloxía LED ten moito potencial para reducir a contaminación luminosa… se se manexa ben. Se non, pode facer que as cousas empeoren. Os concellos deberían considerar todos os aspectos antes de poñer en marcha a instalación de iluminación LED nas rúas. Para coñecer as recomendacións da IDA, consulten a Guía Práctica dos LED [en inglés].

Versión galega do artigo 5 Popular Myths About LED Streetlights, publicado no sitio web da IDA, International Dark-Sky Association. Tradución: Martin Pawley.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Contacto

Agrupación Ío

Casa das Ciencias da Coruña

Parque de Santa Margarida s/n 15005

Teléfono : +34 604 05 49 06

Email : info@agrupacionio.com