IAU Boletín Blog

Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Xaneiro 2018 #1

Neste boletín:

0) Nota dos editores
1) Mans nas estrelas (Hands in the Stars): primeira listaxe internacional comparativa de conceptos astronómicos en linguaxe de signos
2) A IAU aproba 86 novos nomes de estrelas achegados desde todo o mundo
3) Asemblea Xeral da IAU, encontros e simposios en 2018
4) IAU OAD Divulgación Astronómica para o Desenvolvemento: desenvolvemento de contidos para planetarios
5) Tempada 10 de 365 Días de Astronomía: O ano da astronomía do día a día
6) GalileoMobile volve a Chile
7) Serie animada ALMA
8) Sistemas solares a escala arredor do mundo
9) Encontros e actividades globais de 2018
10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas
11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2018!

0) Nota dos editores

Como dixemos no número anterior, temos un emocionante ano por diante de nós! Queremos lanzar un chamamento en favor das colaboracións na nosa Rede de Tradución Astronómica: colaborade con nós traducindo textos sobre actividades que pagan a pena ao teu idioma. En 2018, propoñede ás vosas comunidades empezar a pensar no centenario da IAU do ano que vén (IAU100) e os dez anos que pasaron desde o Ano Internacional da Astronomía 2009 (IYA2009). Os preparativos comezan agora!

Neste primeiro número de 2018, queremos destacar algúns dos últimos proxectos IAU de 2017: “Mans nas estrelas” e a nova aprobación de nomes de estrelas. Devecemos polos encontros IAU que terán lugar en 2018 por todo o planeta, en especial a Asemblea Xeral que se celebrará en Austria o vindeiro agosto. Moitos destes encontros teñen unha forte compoñente de educación e divulgación, así que prestade atención ás actividades relacionadas coa IAU que sucedan perto de vós!

Para rematar, este ano a nosa oficina continuará achegándovos as últimas noticias da comunidade. Comezamos 2018 dando conta dos proxectos 365 Días de Astronomía, GalileoMobile e as series de animación de ALMA.

Feliz lectura e ceos despexados!

O equipo da Oficina para a Divulgación da Astronomía da IAU

1) Mans nas estrelas (Hands in the Stars): primeira listaxe internacional comparativa de conceptos astronómicos en linguaxe de signos

A primeira listaxe internacional comparativa de conceptos astronómicos en linguaxe de signos xa está dispoñíbel. Como parte desta proposta, o Dicionario Enciclopédico de Astronomía para Linguaxe de Signos foi traducido ao inglés e español e xa está dispoñíbel en liña. É o resultado dun proxecto de longa duración desenvolvido pola Comisión IAU C1 de Educación e Desenvolvemento en Astronomía e o seu grupo de traballo WG3 Astronomía para a Igualdade e a Inclusión. A nova listaxe inclúe as 47 palabras máis comunmente empregadas en educación.

Podes atopar toda a información na nota de prensa da IAU: https://www.iau.org/news/pressreleases/detail/iau1706/

2) A IAU aproba 86 novos nomes de estrelas achegados desde todo o mundo

Tradicionalmente, a maioría dos nomes de estrelas empregados polos astrónomos veñen do árabe, grego ou latín. Agora, a División C Grupo de Traballo de Nomes de Estrelas (WGSN) da Unión Astronómica Internacional aprobou oficialmente 86 novos nomes de estrelas que veñen doutras culturas, nomeadamente as aborixes australianas, chinesa, copta, india, maia, polinesia e sudafricana. O WGSN aprobou formalmente estes 86 nomes, que agora forman parte do catálogo de nomes de estrelas da IAU. O catálogo contén agora os nomes de 313 estrelas.

Podes atopar toda a información na nota de prensa da IAU:
https://www.iau.org/news/pressreleases/detail/iau1707/

3) Asemblea Xeral da IAU, encontros e simposios en 2018

O programa de encontros científicos da IAU é un dos medios máis importantes a través do cal a Unión persegue o seu obxectivo de promover a ciencia da astronomía coa colaboración internacional. Con programas completos para a comunidade local, as Asembleas Xerais da IAU, Encontros e Simposios intentan maximizar o impacto na comunidade que dá a benvida ás xuntanzas, e promove intercambios valiosos entre astrónomos e astrónomas, educadores informais e profesionais da divulgación sobre como levar diferentes áreas da astronomía ao público xeral. En 2018 a Asemblea Xeral ocorrerá en Viena, Austria, do 20 ao 31 de agosto.

Podes atopar todos os Encontros e Simposios IAU para 2018 aquí: https://www.iau.org/science/meetings/future/

4) IAU OAD Divulgación Astronómica para o Desenvolvemento: desenvolvemento de contidos para planetarios

Os planetarios xogan un rol principal na divulgación da ciencia e a astronomía. Mais os contidos para planetarios prodúcense tipicamente en países desenvolvidos. Así o Planetario Naval Hill de Sudáfrica está creando novo contido que é culturalmente relevante e fala das necesidades da poboación local mais tamén pon o foco nos proxectos astronómicos sudafricanos de estatura internacional. Ademais, o proxecto está desenvolvendo a capacidade de producir o seu propio contido, facendo que o planetario non sexa dependente do pagamento de caras licencias de uso. En 2017, o equipo do proxecto realizou múltiples sesións de adestramento e transferencia de habilidades. O próximo paso é a tradución de contido a linguas locais coma o sesotho e posibelmente xhosa.

Podedes seguir a actualidade do proxecto aquí: http://bit.ly/2E0kUHP

5) Tempada 10 de 365 Días de Astronomía: O ano da astronomía do día a día

Chegou a décima tempada do premiado podcast 365 Days of Astronomy (365 Días de Astronomía). O equipo afrontará 2018 cun novo tema: a contribución dos e das astrónomos afeccionados e a importancia da ciencia cidadá co “Ano da astronomía do día a día”. 365 Días de Astronomía busca activamente contidos sobre historia da astronomía, últimas novas, pistas de observación e como o coñecemento fundamental na astronomía cambiou os nosos paradigmas do mundo, e acepta contido de son de calquera lugar entre 5 e 60 minutos de duración. O podcast 365 Días de Astronomía é unha produción da Astronomical Society of the Pacific e inclúe contido creado por voluntarios de todo o planeta.

Máis sobre o comunicado: http://bit.ly/2CJoMA0

6) GalileoMobile volve a Chile

O 10 de novembro de 2017 tres membros de GalileoMobile viaxaron ao norte de Chile durante unha semana de actividades de divulgación de astronomía na rexión de Coquimbo, arredor de La Serena. La Serena é unha cidade costeira nas marxes do deserto de Atacama e adoita ser o primeiro lugar ao que chegan os e as astrónomos cando se dirixen aos cercanos observatorios Gemini, Las Campanas, Tololo e La Silla. En colaboración co proxecto de divulgación local Astroclub, GalileoMobile visitou varias vilas e organizou actividades en escolas rurais así como festas de estrelas para a comunidade.

Descubre máis do proxecto GalileoMobile e as súas actividades aquí: https://galileomobile.wordpress.com/

7) Serie animada ALMA

O observatorio astronómico ALMA lanzou unha nova serie de curtas de animación para explicar as razóns polas cales os e as astrónomas queren empregar ALMA #WAWUA. Esta serie consta de cinco episodios, de dous minutos de duración, lanzados semanalmente no sitio web de ALMA. Estes vídeos proporcionan unha explicación simple e práctica da ciencia e a tecnoloxía detrás de ALMA. Con debuxos orixinais cheos de cor, estes vídeos curtos entran en conceptos aparentemente difíciles como a interferometría, a astroquímica, o espectro electromagnético, o Universo frío, o pó estelar, as moléculas complexas e as lonxitudes de onda.

Podes saber máis sobre esta serie aquí: http://bit.ly/2Cwbg3l

8) Sistemas solares a escala arredor do mundo

Os sistemas solares a escala son moi populares en todo o mundo como un recurso para interactuar co público dun xeito divertido e non convencional. Inspirados por un proxecto nacional portugués incluído no noso boletín durante 2017, os nosos lectores achegaron outros exemplos. O Paseo do Sistema Solar Mitaka en Xapón é un bo exemplo da produtiva colaboración entre o Observatorio Astronómico Nacional de Xapón e a comunidade local. O Centro Carl Sagan ten o (permanente) Paseo Sagan dos Planetas na costa leste continental dos Estados Unidos, que chega a Hawai’i coa estación Alpha Centauri no Centro Astronómico ‘Imiloa de Hawai’i (perto da base de Subaru). En Hawai’i hai un paseo do sistema solar en outono en Waimea (na parte norte das illas Hawai’i). Convidámosvos a que compartades con nós outros Sistemas Solares a escala nos vosos territorios vía outreach@iau.org.

9) Encontros e actividades globais de 2018
Podes atopar aquí unha listaxe de eventos e conferencias de divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planifica un ano cheo de acontecementos interesantes!

a) Conferencia Internacional “Novas Perspectivas en Educación Científica”
Datas: 22 e 23 de marzo de 2018
Lugar: Florencia, Italia
Máis información: https://conference.pixel-online.net/NPSE/

b) Comunicar Astronomía co Público – CAP2018
Data: do 24 ao 28 de marzo de 2018
Lugar: Fukuoka, Xapón
Máis información: http://www.communicatingastronomy.org/cap2018/

c) Semana Europea da Astronomía e Ciencias do Espazo (EWASS)
Datas: do 3 ao 8 de abril de 2018
Lugar: Liverpool, UK
Máis información: http://eas.unige.ch/EWASS2018/

d) 15º Conferencia Internacional de Comunicación Pública da Ciencia e Tecnoloxía (PCST2018)
Data: do 4 ao 6 de abril de 2018
Lugar: Dunedin, Nova Zelandia
Máis información: http://www.pcst2018.org/pcst18

e) 11º Encontro Internacional de Astronomía e Astronáutica
Datas: do 12 ao 14 de abril de 2018
Lugar: Campos de Goytacazes, Brasil
Máis información: http://bit.ly/2xP8uik

f) Sociedade Planetaria Internacional 2018
Data: do 1 ao 6 de xullo de 2018
Lugar: Toulouse, Francia
Máis información: http://www.ips-planetarium.org/page/IPS2018Toulouse

g) ESOF (EuroScience Open Forum) 2018
Datas: do 9 ao 14 de xullo de 2018
Lugar: Toulouse, France
Máis información: https://www.esof.eu/en/

h) Conferencia Robotic Telescopes, Student Research and Education (RTSRE)  & Cimeira InterNational Astronomy Teaching
Datas: do 22 ao 27 de xullo de 2018
Lugar: Hilo, Hawai’i, EEUU
Máis información: rtsre.org

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Traducións ao español, elaboradas por:

Sofía Meneses-Goytia, doutora, investigadora asociada postdoutoral, Instituto de Cosmoloxía e Gravitación, Universidade de Portsmouth: http://bit.ly/2rIqVGe;

Basilio Solís-Castillo, estudante de doutorado, Instituto Max Planck de Radioastronomía, Universidade de Bonn: http://astronomia-para-todos.blogspot.de;

ASAFILE, Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita e Mikako Kuwamura a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;

-Traducións ao galego, pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

Podes atopar números antigos deste boletín en español traducidos pola Sociedad Española de Astronomía neste enderezo: http://www.sea-astronomia.es/drupal/content/newsletter-iau-noc;

Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2018!

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós en 2018! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.