IAU Boletín Blog

Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Novembro 2017 #1

Neste boletín:

0) Nota dos editores
1) Espazo de contacto da divulgación nacional (NOC): Novas de Siria
2) Espazo de contacto da divulgación nacional (NOC): Novas da Arxentina
3) Rexistro de actividades para o Día Internacional da Luz 2018
4) Plan de Financiamento de Participación do Público de Europlanet 2018
5) Ópera Científica Global 2017 – Vila da Lúa, novo filme
6) Astrofísica: do Sistema Solar ao Big Bang – novo MOOC en francés
7) Conferencias Robotic Telescopes, Student Research and Education (RTSRE) & Cimeira InterNational Astronomy Teaching
8) Xogo de cartas de Física
9) Encontros e actividades globais
10) O boletín de divulgación astronómica da IAU noutros idiomas
11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU

0) Nota dos editores

O 26 de outubro o noso equipo e ISIT – París (Investigación en Comunicación e Tradución Intercultural) mantiveron un primeiro encontro a prol da colaboración no marco do proxecto Rede de Tradución Astronómica. Queremos traballar cos novos estudantes. Xunto co Observatorio Astronómico Nacional do Xapón (NAOJ) o noso equipo comezará a publicar a revista Comunicar Astronomía co Público (CAP) e estamos traballando duramente para traervos un grande novo número a comezos do ano que vén.

Neste número, destacamos o Plan de Financiamento de Participación do Público de Europlanet 2018 e a obra Moon Village (Vila da Lúa) da Ópera Científica Global. E lanzamos un aviso para que toda a xente comece a planificar o Día Internacional da Luz 2018.

Ademais queremos darlles as grazas aos nosos Contactos de Divulgación Nacional, que continúan a compartir as súas actividades no noso boletín e ademais poñen cada semana as actividades de divulgación nas nosas redes sociais –Facebook e Twitter-. É unha oportunidade para sentírmonos inspirados polas sensacionais actividades astronómicas que hai en todo o mundo.

Feliz lectura e ceos despexados!

O equipo da Oficina para a Divulgación da Astronomía da IAU

1) Espazo de contacto da divulgación nacional (NOC): Novas de Siria

a) Construíndo a “Escola do Futuro” – a voz do noso contacto de divulgación nacional

O noso país está esgotado por unha guerra que o transformou por completo durante os últimos sete anos. Mais a guerra non foi capaz de cambiar a nosa vontade e determinación de proseguir coas nosas actividades e co esforzo por divulgar ciencia e restaurar coa rapazada de hoxe, científicos e científicas do futuro, a gloria da astronomía e a ciencia en xeral. Queremos compartir algunhas fotografías da nosa actividade “Escola do futuro”, organizada pola Sociedade Astronómica Siria para educar os nenos e nenas das escolas do país sobre a importancia da ciencia espacial e a astronomía e sementar o amor pola ciencia nos seus corazóns.

Podedes atopar aquí fotografías dos mozos e mozas coa súa fermosa curiosidade polo coñecemento e as súas intelixentes preguntas: http://bit.ly/2zXtoNH

2) Espazo de contacto da divulgación nacional (NOC): Novas da Arxentina

a) Día da Astronomía Arxentina

Na Arxentina o 24 de outubro o país celebra o Día da Astronomía Arxentina. O 24 de outubro de 1871 foi creado o Observatorio Astronómico de Córdoba, o primeiro observatorio do país. A súa creación sinalou o comezo dos estudios formais da astronomía na Arxentina.

Tedes máis información sobre as celebracións e as súas actividades aquí: http://oac.unc.edu.ar/

3) Rexistro de actividades para o Día Internacional da Luz 2018

Organiza e rexistra a túa actividade no calendario oficial Día Internacional da Luz 2018! Logo do exitoso Ano Internacional da Luz e as Tecnoloxías Baseadas na Luz de 2015, cada 16 de maio, Día Internacional da Luz, proporcionará un punto focal anual para a avaliación do rol central que a luz xoga nas vidas dos cidadáns en todo o mundo. Pola súa amplitude o tema da luz permite que sectores moi diferentes da sociedade participen en actividades para espertar conciencia sobre a ciencia e a tecnoloxía, a arte e a cultura e a súa importancia para acadar os obxectivos da UNESCO: educación, igualdade e paz.

Rexistra a túa actividade enchendo este formulario: http://bit.ly/2xLvvDK

4) Plan de Financiamento de Participación do Público de Europlanet 2018

Abriu o prazo de envío de propostas ao Plan de Financiamento de Participación do Público de Europlanet 2018! Europlanet ofrece apoios entre 5000 e 15000 euros para o financiamento de proxectos que atraian o público á ciencia planetaria. O comité de selección busca proxectos innovadores, con impacto máis alá do período de desenvolvemento do proxecto, potencial cara a unha ampla participación europea, implicación de países con programas de investigación planetaria de recente implantación ou a posibilidade de alcanzar colectivos de zonas desfavorecidas ou áreas afastadas das actividades CTEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas). A data límite para as propostas é o 31 de xaneiro de 2018.

Tedes toda a información aquí: http://www.europlanet-eu.org/outreach/funding-scheme/

5) Ópera Científica Global 2017 – Vila da Lúa

O 13 de decembro de 2017 ás 14:00 GMT, Ópera Científica Global fará retransmisión en vivo da ópera “Vila da Lúa”. Esta ópera científica será interpretada en todo o planeta como resultado dun ano de investigación creativa desenvolvida entre escolas, universidades e institucións artísticas de 25 países. Comunicará o proceso, a ciencia e a tecnoloxía do proxecto “Vila da Lúa” da Axencia Espacial Europea. A Ópera Científica Global “Vila da Lúa” é a primeira iniciativa operística que produce e interpreta obras froito dunha comunidade mundial e é resultado da cooperación dunha grande rede de institucións.

A ópera poderá verse na rede o 13 de decembro de 2017 ás 14:00 GMT neste enderezo: https://hnytt.no/se-tvh-live/

Podes saber máis do proxecto aquí: http://globalscienceopera.com/productions/moon-village-2017/

6) Astrofísica: do Sistema Solar ao Big Bang – novo MOOC en francés

Dentro da plataforma FUN MOOC, o Laboratorio de Astrofísica de Marsella lanzou un MOOC (curso na rede aberto e masivo), Astrophysique: du système solaire au big bang. Este curso desenvolverase desde o 13 de novembro de 2017 até o 31 de xaneiro de 2018 e está dirixido ás comunidades francófonas. Está deseñado para públicos cunha mínima bagaxe científica, mais tamén achegará información útil e interesante para as persoas que desexen comprender o Universo.

Podes atopar toda a información nesta ligazón: http://bit.ly/2lDD4L9

7) Conferencias Robotic Telescopes, Student Research and Education (RTSRE) & InterNational Astronomy Teaching Summit

A 2ª Conferencia Anual sobre Telescopios Robóticos, Investigación de Estudantes e Educación (Robotic Telescopes, Student Research and Education, RTSRE) terá lugar en Hilo, Hawai’i, do 23 ao 25 de xullo de 2018. Esta serie de conferencias pon o foco no desenvolvemento dunha comunidade sustentábel arredor dos usos educativos, técnicos e de investigación estudantil dos telescopios robóticos. A conferencia coincide coa Cimeira Internacional de Ensino Astronómico (interNational Astronomy Teaching Summit, iNATS), que se celebrará do 25 ao 27 de xullo de 2018, para achegar oportunidades de traballo en rede a nivel mundial e obradoiros prácticos deseñados para ampliar e innovar as estratexias de ensino do profesorado e das persoas que se dedican á divulgación.

Podes atopar máis información aquí: http://rtsre.net/

8) Xogo de cartas de Física

Xogo de cartas de física é un proxecto ideado polo post-doc en Física Mikhail Stolpovskiy co obxectivo de crear unha baralla de cartas en que cada pau vai dedicado a un dos catro campos principais de investigación da física moderna: mecánica cuántica, física de partículas, astrofísica e cosmoloxía. A baralla vén acompañada dun libro que describe cada carta e todas as conexións entre os temas descritos. Despois de que o proxecto conclúa todos os materiais (as cartas e o libro) poderán descargarse de balde no sitio web. Tamén podes pedirlle a baralla ao creador pagando os custos de produción e envío.

Tes máis información sobre o proxecto e como axudar a desenvolvelo aquí: https://www.kickstarter.com/projects/799909310/physics-playing-cards

9) Encontros e actividades globais en 2017

Aquí tes unha listaxe de conferencias e actividades sobre educación e investigación astronómica en todo o mundo. Planifica con tempo un ano cheo de acontecementos interesantes!

Engadidos hai pouco

Conferencia Robotic Telescopes, Student Research and Education (RTSRE)  & Cimeira InterNational Astronomy Teaching
Datas: do 22 ao 27 de xullo de 2018
Lugar: Hilo, Hawai’i, EEUU
Máis información: rtsre.org

Próximas actividades

a) Astrónomos Novos do Leste Asiático 2017 (EAYAM2017)
Data: do 13 ao 17 de novembro de 2017
Lugar: Ishigaki, Okinawa, Xapón
Máis información: http://www-irc.mtk.nao.ac.jp/eayam/2017/index.html

b) Astronomical Heritage of the Middle East
Datas: do 13 ao 17 de novembro
Lugar: Yerevan, Armenia
Máis información: http://unesco.aras.am/

c) .Astronomy
Data: do 14 ao 17 de novembro de 2017
Lugar: Cidade do Cabo, Sudáfrica
Máis información: http://dotastronomy9.saao.ac.za/

d) Astrobioloxía 2017
Datas: do 1 de novembro ao 1 de decembro de 2017
Lugar: Coyhaique, Chile
Máis información: http://astrobiology2017.org/

e) IFF 2017 – Festival de Cinema Inmersivo
Data: do 1 ao 3 de decembro de 2017
Lugar: Espinho, Portugal
Máis información: http://iff.multimeios.pt/en/

f) 129º Encontro anual ASP – Conferencia de divulgación STEM: “Beyond the Eclipse: Engaging Diverse and Underserved Communities in Astronomy and STEM”
Datas: do 5 ao 8 de decembro de 2017
Lugar: St. Louis, Missouri, EEUU
Máis información: http://bit.ly/2l0ibte

g) Comunicar Astronomía co Público – CAP2018
Data: do 24 ao 28 de marzo de 2018
Lugar: Fukuoka, Xapón
Máis información: http://www.communicatingastronomy.org/cap2018/

h) 15º Conferencia Internacional de Comunicación Pública da Ciencia e Tecnoloxía (PCST2018)
Data: do 4 ao 6 de abril de 2018
Lugar: Dunedin, Nova Zelandia
Máis información: http://www.pcst2018.org/pcst18

i) 11º Encontro Internacional de Astronomía e Astronáutica
Datas: do 12 ao 14 de abril de 2018
Lugar: Campos de Goytacazes, Brasil
Máis información: http://bit.ly/2xP8uik

l) Sociedade Planetaria Internacional 2018
Data: do 1 ao 6 de xullo de 2018
Lugar: Toulouse, Francia
Máis información: http://www.ips-planetarium.org/page/IPS2018Toulouse

m) Conferencia Robotic Telescopes, Student Research and Education (RTSRE)  & Cimeira InterNational Astronomy Teaching
Datas: do 22 ao 27 de xullo de 2018
Lugar: Hilo, Hawai’i, EEUU
Máis información: rtsre.org

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

10) O boletín de divulgación astronómica da IAU noutros idiomas

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Traducións ao español, elaboradas por:

Sofía Meneses-Goytia, doutora, investigadora asociada postdoutoral, Instituto de Cosmoloxía e Gravitación, Universidade de Portsmouth: http://bit.ly/2rIqVGe;

Basilio Solís-Castillo, estudante de doutorado, Instituto Max Planck de Radioastronomía, Universidade de Bonn: http://astronomia-para-todos.blogspot.de;

ASAFILE, Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita e Mikako Kuwamura a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;

-Traducións ao galego, pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

Podes atopar números antigos deste boletín en español traducidos pola Sociedad Española de Astronomía neste enderezo: http://www.sea-astronomia.es/drupal/content/newsletter-iau-noc;

Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós en 2017! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.

1 Comment

  1. Martin Pawley 03 de Novembro de 2017 at 13:43 01Fri, 03 Nov 2017 13:43:45 +010045.

    Paga a pena compartir o texto (case) completo do sirio Muhammed Alassiry:

    “Ás veces algunhas persoas amigas, árabes e estranxeiras, interesadas nas ciencias do espazo e a astronomía pregúntanme con sorpresa como podemos seguir practicando as nosas actividades malia a guerra que leva desfacendo o noso país sete anos. A resposta que lles dou é… si, aínda que nós somos -aquí en Siria- os sobreviventes que fomos testemuña dos detalles dunha longa guerra que lle roubou a vida aos nosos seres queridos, desprazou xente dos seus fogares e provocou inmensa tristeza, seguimos espertando cada día coa esperanza e o optimismo en que os días que virán serán mellores.
    Por que? Porque cremos que a xente que traballa polo ben doutra xente e do seu país acabará obtendo froitos, non importa canto tempo pase.
    E tamén cremos no amor pola ciencia e a tecnoloxía que introducimos nos espíritos dos nosos nenos e nenas, pois eles e elas son o noso futuro.
    Estivemos na “Escola do futuro” cos estudantes e a súa fermosa curiosidade polo coñecemento e intelixentes preguntas.
    Estivemos alí para proseguir co que empezamos hai moitos anos. Agora o noso país está esgotado pola guerra que o transformou vai xa para sete anos, mais aínda non detivo a nosa vontade e determinación para continuar coas nosas actividades e o obxectivo de divulgar a ciencia para restaurar coa rapazada de hoxe, os científicos e científicas do futuro, a gloria da astronomía e todas as ramas da ciencia.
    Estamos resistindo a guerra e facendo que o bolígrafo sexa máis poderoso que a espada, así que ergámonos no coñecemento e o traballo”.

    Texto en inglés, na ligazón indicada do boletín da IAU, onde tamén podedes ver as fotos das actividades da “Escola do futuro”.