IAU Boletín Blog

Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Maio 2018 #1

Neste boletín:

0) Nota dos editores
1) Aberto o prazo para a presentación anual de propostas á Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento (OAD)
2) Sesións especiais da Asemblea Xeral da IAU e eventos satélite
3) Día Internacional da Luz 2018 -únete ás celebracións!
4) Novas de España
5) Novas de Portugal
6) Que plans tedes para o Día do Asteroide 2018?
7) Star Stuff II (Materia Estelar)
8) Proxecto da Oficina Europea de Recursos sobre Educación Espacial
9) Encontros e actividades globais de 2018
10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas
11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2018!

0) Nota dos editores

Nas últimas semanas o noso equipo comezou a preparar a Asemblea Xeral da IAU deste ano, que terá lugar en Viena, Austria, do 20 ao 31 de agosto. O noso equipo está colaborando estreitamente coa oficina IAU, canda a nosa oficina irmá OAD e o grupo que prepara as celebracións dos 100 anos da IAU. Dentro da asemblea xeral queremos salientar en particular o 14º IAU Focus Meeting, co lema “Papel da IAU na divulgación astronómica global, últimos desafíos e posta en contacto das diferentes comunidades”, que se desenvolverá o 23 de agosto de 2018.

Neste número destacamos o Día Internacional da Luz do 16 de maio, a abertura do prazo de propostas da Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento e os preparativos do Día do Asteroide do 30 de xuño.

En cada boletín incluímos eventos  locais e nacionais de divulgación e formación, actividades e recursos, co ánimo de que inspiren a toda a comunidade internacional. Queremos darlle as grazas aos nosos lectores e lectoras en todo o mundo, que comparten con nós as súas aventuras astronómicas. Neste número, queremos enviarlle o noso agradecemento a Martin Pawley e Paulo Sanches por compartiren as súas últimas actividades.

Desexámosvos unha feliz lectura e ceos despexados!

O equipo da Oficina para a Divulgación da Astronomía da IAU

1) Aberto o prazo para a presentación anual de propostas á Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento (OAD)

A OAD está feliz por anunciar que xa abriu o prazo de presentación de propostas deste 2018. O proceso, igual que o ano pasado, constará de dúas fases. A Fase 1 está aberta a propostas que empreguen a astronomía como ferramenta para promover o desenvolvemento sostíbel e poden ser enviadas por calquera desde calquera lugar do planeta. Por favor, consultade a sección Primeiros pasos do sitio web da OAD, deseñada para axudarvos a desenvolver a vosa proposta. Os detalles da convocatoria, incluídos os criterios de puntuación, prazos e fechas importantes etc, podedes atopalos no noso sitio web. A data límite para a Fase 1 é o 31 de maio de 2018.

Tedes máis información sobre este anuncio aquí: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann18020/

2) Sesións especiais da Asemblea Xeral da IAU e eventos satélite

Durante a 30ª Asemblea Xeral da IAU que se celebra en Viena do 20 ao 31 de agosto de 2018, haberá espazo para diversas sesións especiais e eventos satélite orientados a educadores e profesionais da comunicación e divulgación:

a) Escola de verán do profesorado
Do 16 ao 18 de agosto de 2018, o profesorado de Educación Secundaria accederá aos temas de vangarda da astronomía con charlas de científicos e científicas e diversos obradoiros. Máis información: http://ow.ly/mpIm30imF3D

b) Focus Meetings

O IAU Focus Meeting 14 co lema “Papel da IAU na divulgación astronómica global, últimos desafíos e posta en contacto das diferentes comunidades” terá lugar o 23 de agosto de 2018.

O IAU Focus Meeting 15 sobre “Astronomía para o Desenvolvemento” celebrarase do 28 ao 31 de agosto de 2018.

3) Día Internacional da Luz 2018 -únete ás celebracións!

O 16 de maio é o Día Internacional da Luz, unha cita anual para a posta en valor do rol central que a luz xoga nas vidas das persoas en todo o mundo. O marco xeral da luz permite que moi diferentes sectores da sociedade participen nas actividades para crear conciencia sobre o seu papel na ciencia e a tecnoloxía, a arte e a cultura e a súa importancia na consecución dos obxectivos da UNESCO: educación, igualdade e paz.

Podes rexistrar a túa actividade aquí ou unirte ás celebracións asistindo a un evento perto de ti.

4) Novas de España

a) Primeira edición do “Encontro da Noite” en Galicia

Esta é unha actividade organizada pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío o sábado 12 de maio de 2018. O primeiro “Encontro da Noite” (Night Encounter) ten como obxectivos principais a contaminación luminosa, a protección dos valores naturais, culturais e científicos da noite, a preservación dos ceos escuros e, en xeral, a cultura da noite. Entre as persoas convidadas están Raul C. Lima e Rosa Fina, investigadores de Portugal, e a española Ariadna García Sáenz que explicará o seu máis recente traballo, “Avaliación da asociación entre exposición á luz artificial pola noite e o risco de cancro de próstata e mama en España”.

Podes saber máis sobre o programa aquí (en galego): http://agrupacionio.com/gl/i-encontro-da-noite-programa-e-inscricion-previa

5) Novas de Portugal

a) A maior reunión de telescopios de Portugal, en Moimenta da Beira

O 12 e 13 de maio a vila portuguesa de Moimenta da Beira acollerá a sexta reunión de telescopios, a maior que se celebra en Portugal. Valéndose dos prístinos ceos nocturnos e case ideais condicións de observación, o club escolar de astronomía de Moimenta da Beira intenta acadar a marca de cen telescopios procedentes de todo o país. As e os participantes ademais divertiranse cos paseos polo sistema solar a escala instalado no concello.

Podedes saber máis nesta ligazón (información só dispoñíbel en portugués): https://sites.google.com/site/clubedascienciasmb/

6) Que plans tedes para o Día do Asteroide 2018?

O Día do Asteroide é un esforzo mundial para informar á xente sobre os asteroides, a ciencia asociada e o traballo científico nese campo. Tanto se estás organizando un evento como se queres participar nun, atoparás recursos e pistas útiles neste sitio web. O equipo organizador anima a todo o mundo a coordinar as actividades do Día do Asteroide que teñan lugar o ou arredor do 30 de xuño de 2018.

Descubre como unirte ás celebracións aquí: http://asteroidday.org/

7) Star Stuff II (Materia Estelar)

Despois do éxito do primeiro “Star Stuff – Festival do Cosmos” do pasado ano, Star Stuff II  convida ao festival a tres figuras internacionalmente recoñecidas: Fraser Cain, editor de Universe Today; a historiadora do espazo Amy Shira Teitel do canal de Youtube “Vintage Space”; e Geoff Notkin, estrela e experto da popular serie de TV “Meteorite Men”. Ao longo dunha fin de semana en xullo de 2018 no lugar de vacacións Elements of Byron poderase gozar da astronomía solar e nocturna se o tempo o permite, ademais dunha serie de conferencias sobre o espazo a cargo de persoas expertas.

Para saber máis sobre o festival, visita o sitio web: https://starstuff.com.au/countdown-to-star-stuff-ii-2018/

8) Proxecto da Oficina Europea de Recursos sobre Educación Espacial

A redución no número de estudantes que optan por ciencias clásicas e enxeñarías é un problema real. Como resposta, a Oficina de Educación da ESA creou o proxecto da Oficina Europea de Recursos sobre Educación Espacial (ESERO). Este proxecto emprega a exploración espacial europea como medio para que a mocidade se sinta atraída polas ciencias, a enxeñaría e a tecnoloxía; mais tamén para crear unha ligazón entre a ESA e a comunidade educativa (estudantes e profesorado), permitindo que a ESA achegue información, materiais e actividades sobre a ciencia e a tecnoloxía da exploración espacial.

Máis información, aquí.

9) Encontros e actividades globais de 2018

Podes atopar aquí unha listaxe de eventos e conferencias de divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planifica un ano cheo de acontecementos interesantes!

Engadido hai pouco

5ª Conferencia Europea de Xornalistas de Ciencia
Data: 8 de xullo de 2018
Lugar: Toulouse, Francia
Máis información: https://www.ecsj2018.eu/

Próximas actividades

a) Día Internacional da Luz
Datas: 16 de maio de 2018
Lugar: todo o mundo
Máis información: https://www.lightday.org/

b) Día do asteroide
Datas: 30 de xuño de 2018
Lugar: todo o mundo
Máis información: http://asteroidday.org/

c) Sociedade Planetaria Internacional 2018
Data: do 1 ao 6 de xullo de 2018
Lugar: Toulouse, Francia
Máis información: http://www.ips-planetarium.org/page/IPS2018Toulouse

d) Campamento Internacional para a Promoción da Ciencia (ISEC)
Data: do 6 ao 22 de xullo de 2018
Lugar: Barcelona, España
Máis información: http://www.isec2018.wordpress.com/

e) 5ª Conferencia Europea de Xornalistas de Ciencia
Data: 8 de xullo de 2018
Lugar: Toulouse, Francia
Máis información: https://www.ecsj2018.eu/)

f) ESOF (EuroScience Open Forum) 2018
Datas: do 9 ao 14 de xullo de 2018
Lugar: Toulouse, France
Máis información: https://www.esof.eu/en/

g) Committee on Space Research – COSPAR
Datas: do 14 ao 22 de xullo de 2018
Lugar: Pasadena, California (EEUU)
Máis información: http://cospar2018.org/

h) Conferencia Robotic Telescopes, Student Research and Education (RTSRE)  & Cimeira InterNational Astronomy Teaching
Datas: do 22 ao 27 de xullo de 2018
Lugar: Hilo, Hawai’i, EEUU
Máis información: rtsre.org

i) Asemblea Xeral da IAU
Datas: do 20 ao 31 de agosto de 2018
Lugar: Viena, Austria
Máis información: http://astronomy2018.univie.ac.at/

l) Congreso Europeo de Ciencia Planetaria
Datas: do 16 ao 21 de setembro de 2018
Lugar: Berlín, Alemaña
Máis información: https://www.epsc2018.eu/

m) Conferencia .Astronomy
Datas: do 24 ao 27 de setembro de 2018
Lugar: Baltimore, EEUU
Máis información: https://www.dotastronomy.com/

n) Congreso Xeración Espacial
Datas: do 27 ao 29 de setembro de 2018
Lugar: Bremen, Alemaña
Máis información: https://spacegeneration.org/sgc2018

ñ) Congreso Aeronáutico Internacional
Datas: do 1 ao 5 de outubro de 2018
Lugar: Bremen, Alemaña
Máis información: http://www.iafastro.org/events/iac/iac-2018/

o) Semana Mundial do Espazo
Datas: do 4 ao 10 de outubro de 2018
Lugar: todo o mundo
Máis información: http://www.worldspaceweek.org/

p) Noite Internacional de Observación da Lúa
Datas: 20 de outubro de 2018
Lugar: todo o mundo
Máis información: http://observethemoonnight.org/

q) V Festival Starmus: un paso de xigante
Datas: do 24 ao 29 de xuño de 2019
Lugar: Berna, Suíza
Máis información: https://www.starmus.com/

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

11) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita e Mikako Kuwamura a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;

-Traducións ao galego, pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

-Traducións ao español, elaboradas por:

Emilio Zúñiga, ASAFILE, Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

Basilio Solís-Castillo, estudante de doutorado, Instituto Max Planck de Radioastronomía, Universidade de Bonn: http://astronomia-para-todos.blogspot.de;

Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

12) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2018!

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós en 2018! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.