IAU Boletín Blog

Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Decembro 2017 #2

Neste boletín:

0) Nota dos editores
1) IAU100: Unindo o mundo na exploración do universo
2) Revista “Communicating Astronomy with the Public” (CAP)
3) Conferencia “Comunicar Astronomía co Público” – CAP2018 Xapón
4) Proxectos para 2018 da Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento (OAD)
5) Rede de Tradución Astronómica
6) Contactos de Divulgación Nacional (NOCs) – a rede global de divulgación IAU
7) astroEDU – Actividades de educación astronómica con revisión por pares
8) Estrelas inspiradoras – Exposición mundial inclusiva da IAU
9) Encontros e actividades globais de 2018
10) Un agradecemento especial para as persoas que traducen o noso boletín – Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas
11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2018!

0) Nota dos editores

Un ano emocionante por diante! Ao irmos chegando ao final de 2017, queremos resumir todos os proxectos nos que a nosa oficina colabora. Dámoslle as grazas ao fantástico equipo do Observatorio Europeo do Sur por producir a revista Communicating Astronomy with the Public (CAP) durante tantos anos. E agora, queremos darvos a coñecer que a primeira edición de 2018 da revista estará feita “aquí na casa”, con Sze-leung Cheung, o noso Coordinador Internacional de Astronomía, como redactor xefe.

Neste número, destacamos a planificación, moi anticipada, do centenario da IAU; a conferencia 2018 “Comunicar Astronomía co Público”, que se celebra no Xapón, e a nova exposición inclusiva da IAU “Estrelas inspiradoras”.

Queremos expresarvos canto nos divirte levarvos as noticias, proxectos e recursos de astronomía e divulgación de todo o mundo. Foron 24 boletíns con máis de 240 apuntamentos, que chegan a unha comunidade de 5000 subscritores dúas veces ao mes. Non poderíamos crear este boletín sen a vosa colaboración: estamos sempre buscando o mellor das actividades de divulgación e educación astronómicas e estamos moi agradecidos polo voso asombroso esforzo ao compartilas co noso equipo e os vosos pares de todo o mundo a través deste boletín. Estendemos a todas e todos vós o noso máis caloroso agradecemento.

E coma sempre, non podemos rematar sen mencionar todo o traballo voluntario que fai este boletín posíbel: as persoas que fan a tradución e os nosos Contactos de Divulgación Nacional (NOCs).

O noso equipo aquí no Xapón desexa seguir tendo noticias vosas en 2018 e apoiarvos da mellor maneira que poidamos.

Ceos despexados en 2018!

O equipo da Oficina para a Divulgación da Astronomía da IAU

1) IAU100: Unindo o mundo na exploración do universo

En 2019 a Unión Astronómica Internacional celebrará o seu centenario (IAU100). Para conmemorar esta efeméride, a IAU organizará un ano de celebracións para visibilizar un século de descubrimentos astronómicos así como apoiar e mellorar o uso da astronomía como ferramenta para a educación, o desenvolvemento e a diplomacia baixo o lema “Unindo o mundo na exploración do universo”. As celebracións estimularán o interese mundial na astronomía e a ciencia e chegarán á comunidade astronómica global, organizacións e sociedades científicas nacionais, responsábeis políticos, estudantes e familias e público en xeral.

Para calquera consulta, contactade con Jorge Rivero González, coordinador do IAU100, no correo electrónico: rivero[at]strw.leidenuniv.nl.

2) Revista “Communicating Astronomy with the Public” (CAP)

A revista CAP é unha publicación gratuíta con revisión por pares sobre comunicación da astronomía, dispoñíbel en liña e en formato impreso. A comunicación pública da astronomía achega unha ligazón importante entre a comunidade científica e a sociedade, outorga visibilidade a historias de éxito científico e apoia tanto a educación formal como a informal. O principal obxectivo dos e das astrónomas é ampliar o noso coñecemento do universo, mais é igualmente primordial a difusión desta nova información a unha audiencia que vaia máis alá da comunidade científica. A través desta revista o noso equipo pretende cumprir a tarefa da comunicación pública da astronomía, de levar a astronomía á sociedade.

Comparte o teu traballo, amplía o teu alcance e incrementa a túa visibilidade. Fai as túas propostas aquí!

3) Conferencia “Comunicar Astronomía co Público” – CAP2018 Xapón

Do 24 ao 28 de marzo de 2018 Xapón acollerá a maior conferencia mundial sobre comunicación astronómica: Communicating Astronomy with the Public (Comunicar Astronomía co Público), CAP2018. Profesionais da comunicación científica, da educación non formal, dos centros de ciencia e planetarios, así como astrónomos e astrónomas tanto profesionais como amadores, xornalistas e creadores reuniranse en Fukuoka para asistir ao evento no novo Museo da Ciencia da Cidade de Fukuoka, onde poderán intercambiar ideas e boas prácticas.

Aínda podes unirte ás case 300 persoas confirmadas que xa se rexistraron.

4) Proxectos para 2018 da Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento (OAD)

En 2017 a OAD financiou un total de 20 proxectos (9 para universidades, 6 para escolas e 5 para o público xeral). Algúns destes proxectos aplicaron ideas e actividades de divulgación ao contexto da Astronomía para o Desenvolvemento. Houbo un proxecto de produción de contidos relevantes para programas de planetario, outro que creou un simulador de código aberto para educar a xente nos efectos da polución luminosa, outro máis que puxo en marcha unha oficina de prensa astronómica que coordina as notas aos medios a nivel nacional e salienta a investigación local etc. Son algúns exemplos de proxectos innovadores que aplican solucións sostíbeis a desafíos locais. Prestade atención á próxima apertura do prazo de propostas en abril/maio de 2018.

Para obter unha lista de todos os proxectos dirixidos ao público en xeral, visitade: http://www.astro4dev.org/funded-projects-tf3-public/.

5) Rede de Tradución Astronómica

Hai moitos recursos valiosos sobre astronomía para educación e divulgación pública, mais na maioría das ocasións están só dispoñíbeis nunha soa lingua, case sempre o inglés. O proxecto “Rede de Tradución Astronómica” busca ter materiais astronómicos dispoñíbeis en máis idiomas. O proxecto está creando unha rede de traballo que centralizará os mellores recursos e as necesidades de tradución, e porá as necesidades de tradución en mans do equipo de voluntarios. Agradecemos a vosa contribución á tradución de actividades na coordinación para un idioma, tradución, consultoría ou revisión científica. Ao traducir, axudarás a promover a educación e divulgación astronómica en todo o mundo, mellorarás as túas habilidades lingüísticas, coñecementos e accederás a empresas a través do voluntariado. Ademais, estamos pensando en crear un sistema de certificación para o voluntariado que ofreza certificacións en recoñecemento ao voso traballo.

Se tes interese no proxecto, por favor contacta con nós en https://sites.google.com/oao.iau.org/translation

6) Contactos de Divulgación Nacional (NOCs) – a rede global de divulgación IAU

Para apoiar os proxectos a nivel nacional, a Oficina IAU de Divulgación Astronómica (IAU OAO) creou unha rede de Contactos de Divulgación Nacional (NOCs), persoal voluntario con ampla experiencia na divulgación pública que actúa como nodo de contacto en varios países. En 2017, o número de NOCs da rede aumentou até 78. Para as actividades do IAU100 de 2019 os NOCs da IAU exercerán a coordinación principal. Ao longo de 2018 expandiremos a rede e prepararemos as diferentes accións da celebración do centenario da IAU, adaptadas a cada país.

Podes propoñerte para ser un Contacto de Divulgación Nacional (NOC) aquí: https://www.iau.org/public/noc/

7) astroEDU – Actividades de educación astronómica con revisión por pares

Un proxecto apoiado oficialmente pola IAU é astroEDU, unha plataforma aberta para as actividades de educación científica con revisión por pares. Aquí os educadores poden descubrir, revisar, distribuír, mellorar e mesturar contidos educativos, todos con licencia Creative Commons Attribution 3.0 Unported. AstroEDU fai accesíbeis as mellores actividades científicas, nomeadamente aquelas con foco na astronomía ou nas ciencias do espazo e da Terra, e ponas ao alcance de educadores e educadoras de todo o mundo ao proporcionarlles visibilidade a través da distribución mundial mediante parceiros co selo oficial da IAU. Animamos a toda a xente implicada na educación formal ou non formal a que descubran máis de astroEDU aquí, e que compartan as súas actividades educativas neste sitio. En 2017, a IAU lanzou a versión italiana da plataforma, que podes visitar neste enderezo: http://astroedu.iau.org/it/

8) Estrelas inspiradoras – Exposición mundial inclusiva da IAU

“Inspiring Stars” (Estrelas inspiradoras) será unha exposición internacional itinerante promovida pola Unión Astronómica Internacional (IAU) para difundir as actividades inclusivas de divulgación e investigación astronómica que se fan en todo o mundo. Esta exposición, ao presentar ferramentas de investigación asistidas e as mellores prácticas de divulgación inclusiva, pretende ampliar os horizontes dos nenos e nenas, pais e nais, profesorado e profesionais da astronomía, para estender a idea de que todas as persoas poden converterse en científicas (astrónomas), inducindo o amor pola ciencia na mente da mocidade.

A exposición estrearase durante a Asemblea Xeral da IAU 2018 en Viena, do 20 ao 31 de agosto, e será mostrada en todo o mundo. Prestade atención aos avances deste proxecto IAU que ninguén debe perder en 2018!

9) Encontros e actividades globais de 2018

Ao achegármonos ao final de 2017, aquí tedes a listaxe das actividades e encontros de educación e divulgación astronómica máis agardados do ano que vén. Planifica un ano cheo de eventos interesantes! E se notas que esquecemos algo, por favor comparte esas xuntanzas e actividades con nós a través de outreach@iau.org.

a) Conferencia Internacional “Novas Perspectivas en Educación Científica”
Datas: 22 e 23 de marzo de 2018
Lugar: Florencia, Italia
Máis información: https://conference.pixel-online.net/NPSE/

b) Comunicar Astronomía co Público – CAP2018
Data: do 24 ao 28 de marzo de 2018
Lugar: Fukuoka, Xapón
Máis información: http://www.communicatingastronomy.org/cap2018/

c) Semana Europea da Astronomía e Ciencias do Espazo (EWASS)
Datas: do 3 ao 8 de abril de 2018
Lugar: Liverpool, UK
Máis información: http://eas.unige.ch/EWASS2018/

d) 15º Conferencia Internacional de Comunicación Pública da Ciencia e Tecnoloxía (PCST2018)
Data: do 4 ao 6 de abril de 2018
Lugar: Dunedin, Nova Zelandia
Máis información: http://www.pcst2018.org/pcst18

e) 11º Encontro Internacional de Astronomía e Astronáutica
Datas: do 12 ao 14 de abril de 2018
Lugar: Campos de Goytacazes, Brasil
Máis información: http://bit.ly/2xP8uik

f) Sociedade Planetaria Internacional 2018
Data: do 1 ao 6 de xullo de 2018
Lugar: Toulouse, Francia
Máis información: http://www.ips-planetarium.org/page/IPS2018Toulouse

g) ESOF (EuroScience Open Forum) 2018
Datas: do 9 ao 14 de xullo de 2018
Lugar: Toulouse, France
Máis información: https://www.esof.eu/en/

h) Conferencia Robotic Telescopes, Student Research and Education (RTSRE)  & Cimeira InterNational Astronomy Teaching
Datas: do 22 ao 27 de xullo de 2018
Lugar: Hilo, Hawai’i, EEUU
Máis información: rtsre.org

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

10) Un agradecemento especial para as persoas que traducen o noso boletín – Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Traducións ao español, elaboradas por:

Sofía Meneses-Goytia, doutora, investigadora asociada postdoutoral, Instituto de Cosmoloxía e Gravitación, Universidade de Portsmouth: http://bit.ly/2rIqVGe;

Basilio Solís-Castillo, estudante de doutorado, Instituto Max Planck de Radioastronomía, Universidade de Bonn: http://astronomia-para-todos.blogspot.de;

ASAFILE, Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita e Mikako Kuwamura a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;

-Traducións ao galego, pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

Podes atopar números antigos deste boletín en español traducidos pola Sociedad Española de Astronomía neste enderezo: http://www.sea-astronomia.es/drupal/content/newsletter-iau-noc;

Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2018!

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós en 2018! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.