IAU Boletín Blog

Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Agosto 2017 #2

Neste boletín:

0) Nota dos editores
1) Rede de Tradución Astronómica – Chamada a colaboración
2) Focus Meeting 14 (FM14): rol da IAU na divulgación astronómica global, últimos desafíos e como tender pontes entre diferentes comunidades
3) Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento – Proxecto AstroSENSE
4) Espazo de contacto da divulgación nacional (NOC): Novas de Indonesia
5) Slooh pon de balde a observación do espazo exterior
6) Revista Latinoamericana de Educación Astronómica (RELEA)
7) ALMA na escola – Manual de radioastronomía para profesores
8) Conferencia Internacional UNESCO sobre “Patrimonio Astronómico no Oriente Medio”
9) Encontros e actividades globais
10) O boletín de divulgación astronómica da IAU noutros idiomas
11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU

0) Nota dos editores

O noso proxecto máis recente, a Rede de Tradución Astronómica, anda na procura de apoio. Podes colaborar enviándonos as túas recomendacións sobre que recursos pensas que deberían ser traducidos ao teu idioma.

Neste número, destacamos o proxecto Slooh que abrirá ao público de forma gratuíta o uso en vivo dos seus telescopios; o último número da Revista Latinoamericana de Educación Astronómica (RELEA), que está xa en Internet, e a conferencia UNESCO “Patrimonio Astronómico do Oriente Medio”.

O noso equipo agarda que tiverades unhas excelentes celebracións da eclipse solar total o 21 de agosto e que nos mandedes historias das vosas experiencias a través do noso correo electrónico outreach[at]iau.org.

Feliz lectura e ceos despexados!

O equipo da Oficina para a Divulgación da Astronomía da IAU

1) Rede de Tradución Astronómica – Chamada a colaboración

O proxecto “Rede de Tradución Astronómica” desenvolveu unha enquisa co apoio de Astrónomos Sen Fronteiras (AWB) para recoller potenciais resultados valiosos para educación e divulgación astronómicas que poidan ser traducidos no marco desta iniciativa. Se tes algunha recomendación, gustaríanos que participases na enquisa. Leva arredor de 6 minutos completala. A túa contribución axudaranos a entender as necesidades de tradución de recursos para que o proxecto satisfaga mellor as necesidades da comunidade. O noso equipo dáche as grazas por adiantado pola túa participación!

Tes máis información sobre o proxecto aquí: http://translation.astro4dev.org

2) Focus Meeting 14 (FM14): rol da IAU na divulgación astronómica global, últimos desafíos e como tender pontes entre diferentes comunidades

O IAU GA representa unha excelente oportunidade para tender pontes entre as comunidades de investigación e divulgación astronómica e para axudar aos científicos a preparar mellor as actividades de divulgación. O noso Focus Meeting (FM14) celebrarase durante a próxima IAU GA en Viena e está promovido pola Oficina IAU de Divulgación Astronómica e apoiada por parceiros da comunidade de divulgadores astronómicos en todo o mundo. FM14 intenta atopar novas maneiras efectivas e innovadoras de vincular astrónomos coa comunidade de divulgadores astronómicos e en última instancia facilitar o fluxo da investigación de vangarda para que chegue ao público xeral.

Para estar ao día de máis información e detalles do encontro, pica aquí: https://www.iau.org/science/events/1338/

3) Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento – Proxecto AstroSENSE

AstroSENSE é un proxecto da Oficina de Astronomía para o Desenvolvemento (OAD) liderado pola doutora Wanda Diaz-Merced, unha astrofísica cega e científica informática que desenvolve software de análise de datos astronómicos a través do son. Ademais, OAD apoia iniciativas no desenvolvemento de recursos astronómicos táctiles, como a Lúa 3D, desenvolvida por “Touch of the Universe”. Algúns dos últimos proxectos son: dous pósters científicos presentados no encontro da Sociedade Astronómica Americana (AAS) sobre a sonificación da busca de planetas extrasolares e o primeiro ano do Grupo AAS sobre accesibilidade e discapacidade (WGAD) – Aspectos destacados e acceso á base de datos, e a emisión sonora ao vivo da eclipse do 21 de agosto de 2017.

Máis información sobre este proxecto: http://www.astro4dev.org/oad-activities/astrosense/

4) Espazo de contacto da divulgación nacional (NOC): Novas de Indonesia

a) Oportunidade para que aprendan astronomía as persoas con problemas visuais

As imaxes e historias descritivas son ferramentas poderosas para crear emoción e captar a atención da xente. A astronomía como estudo observacional que é repousa fortemente no sentido da vista para comprender os obxectos e fenómenos astronómicos. Para as persoas cegas ou discapacitadas visuais, moitos dos conceptos visuais e descritivos poden ser moi difíciles de comprender. Os equipos de UNAWE Indonesia e o Observatorio Bosscha desenvolveron actividades manuais e táctiles simples e que pode facer un mesmo, con recursos de uso diario e materiais de baixo custo. As actividades realizadas proporcionaron información sobre como desenvolver mellor recursos que axuden a este público a entender os conceptos astronómicos.

Máis información sobre o proxecto, aquí: http://bit.ly/2xaZKE5

b) Xuntanza de Astronómos Amadores de Indonesia (JANAKA)

A misión da xuntanza de clubes astronómicos nacionais (JANAKA) é compartir coñecemento astronómico e formar relacións entre os afeccionados á astronomía. As actividades propostas pretenden establecer comunicación entre clubs de astronomía por toda Indonesia, e fortalecer o espírito e motivación dos diferentes clubs participantes para o avance da astronomía na rexión e en Indonesia en xeral. Astrónomos afeccionados de varios clubs intercambiarán experiencias sobre as actividades de cada un, festas astronómicas (“star parties”), conferencias sobre astronómía etc. O Jambore Nasional Klub Astronomi (Janaka) celebrarase en Lapan, Xava Oriental, do 22 ao 24 de setembro de 2017.

Máis información (en indonesio): http://jamboreastronomi.id

5) Slooh pon de balde a observación do espazo exterior

Despois de catorce anos de desenvolvemento dunha rede de telescopios globais e de monitorizar telescopios robóticos localizados en sitios de observación de primeira clase, Slooh abre as sesións en directo co telescopio ao público global de forma gratuíta en beneficio da súa misión de conectar a toda a humanidade a través da exploración conxunta do Universo. Os membros de Free Slooh terán acceso a todas sesións de telescopio e poderán captar un número limitado de fotos e participar da súa comunidade virtual.

Máis información sobre o proxecto: https://slooh.com/

6) Revista Latinoamericana de Educación Astronómica (RELEA)

O número 23 da Revista Latinoamericana de Educación Astronómica (RELEA) está xa dispoñíbel. RELEA axuda a fortalecer e consolidar a educación astronómica na América Latina e máis alá. Aceptan artigos orixinais e inéditos que conteñan investigación empírica, ensaios teóricos e recensións de interese no campo da educación astronómica. Os artigos poden estar escritos en portugués, español ou inglés. Podes atopar as directrices para os autores no sitio web (www.relea.ufscar.br). Para contactar co equipo editorial, emprega o seguinte correo electrónico: relea[at]ufscar.br.

Podes atopar o último númeo neste enderezo: www.relea.ufscar.br (a primeira páxina está en portugués, mais podes cambiar a español ou inglés usando o menú da dereita).

7) ALMA na escola – Manual de radioastronomía para profesores

Revelar todos os segredos do universo dará traballo a moitas máis xeracións de astrónomos. Por iso é tan importante para o futuro da astronomía, e para a ciencia en xeral, prender o interese dos nenos e axudar aos profesores a guiar a súa aprendizaxe. O manual ALMA está deseñado principalmente para profesores que queiran aumentar o seu coñecemento da radioastronomía en xeral e do Observatorio ALMA en particular. Contén actividades que poden ser usadas na aula ou en obradoiros extracurriculares.

Podes acceder ao manual ALMA na escola aquí: http://bit.ly/2xrndAa

Tes máis información das publicacións de ALMA neste enderezo: http://www.almaobservatory.org/en/publications/

8) Conferencia Internacional UNESCO sobre “Patrimonio Astronómico no Oriente Medio”

A Conferencia Internacional UNESCO sobre “Patrimonio Astronómico no Oriente Medio” está dedicada ao rol da astronomía na cultura e outros campos da actividade humana e o desenvolvemento destas áreas polo coñecemento obtido do universo. A conferencia celebrarase do 13 ao 17 de novembro en Yerevan, Armenia. UNESCO achega bolsas aos participantes que cobren parte dos gastos de asistencia. O SOC desexa apoiar a científicos cualificados que dispoñen de limitados medios, por exemplo colegas de países con economías menos privilexiadas e científicos mozos. A data límite para solicitar bolsas de viaxe é o 31 de agosto.

Máis información: http://heritage.aras.am/

9) Encontros e actividades globais en 2017

Aquí tes unha listaxe de conferencias e actividades sobre educación e investigación astronómica en todo o mundo. Planifica con tempo un ano cheo de acontecementos interesantes!

Datas importantes

Astronomical Heritage of the Middle East
Data límite para solicitude de bolsas:
31 de agosto de 2017
Datas:
do 13 ao 17 de novembro
Lugar: Yerevan, Armenia
Máis información: http://unesco.aras.am/

Próximas actividades

a) Escola de verán de comunicación da ciencia Euro-Mediterráneo e Oriente Medio (EMME)
Data: do 10 ao 15 de setembro de 2017
Lugar: Nápoles, Italia
Máis información: http://www.cittadellascienza.it/emme2017/

b) Congreso Europeo de Ciencia Planetaria 2017
Data: do 17 ao 22 de setembro de 2017
Lugar: Radisson Blu Hotel Latvija, Riga, Letonia
Máis información: http://www.epsc2017.eu/

c) 3ª Simposio COSPAR
Data: do 18 ao 22 de setembro de 2017
Lugar: Illa Jeju, Corea do Sur
Máis información: https://cosparhq.cnes.fr/

d) Obradoiro Museos de Astronomía, Centros de Visitantes e Observatorios Públicos
Data: do 27 ao 29 de setembro de 2017
Lugar: Leiden, Países Baixos
Máis información: https://www.communicatingastronomy.org/visitorexperience/

e) Semana Mundial do Espazo 2017
Data: do 4 ao 10 de outubro de 2017
Lugar: en todo o mundo
Máis información: http://www.worldspaceweek.org/theme/

f) Noite Internacional de Observación da Lúa
Data: 28 de outubro de 2017
Lugar: en todo o mundo
Máis información: http://observethemoonnight.org/

g) Astrónomos Novos do Leste Asiático 2017 (EAYAM2017)
Data: do 13 ao 17 de novembro de 2017
Lugar: Ishigaki, Okinawa, Xapón
Máis información: http://www-irc.mtk.nao.ac.jp/eayam/2017/index.html

h) Astronomical Heritage of the Middle East
Datas: do 13 ao 17 de novembro
Lugar: Yerevan, Armenia
Máis información: http://unesco.aras.am/

i) .Astronomy
Data: do 14 ao 17 de novembro de 2017
Lugar: Cidade do Cabo, Sudáfrica
Máis información: http://dotastronomy9.saao.ac.za/

l) Astrobioloxía 2017
Datas: do 1 de novembro ao 1 de decembro de 2017
Lugar: Coyhaique, Chile
Máis información: http://astrobiology2017.org/

m) Comunicar Astronomía co Público – CAP2018
Data: do 24 ao 28 de marzo de 2018
Lugar: Fukuoka, Xapón
Máis información: http://www.communicatingastronomy.org/cap2018/

n) 15º Conferencia Internacional de Comunicación Pública da Ciencia e Tecnoloxía (PCST2018)
Data: do 4 ao 6 de abril de 2018
Lugar: Dunedin, Nova Zelandia
Máis información: http://www.pcst2018.org/pcst18

ñ) Sociedade Planetaria Internacional 2018
Data: do 1 ao 6 de xullo de 2018
Lugar: Toulouse, Francia
Máis información: http://www.ips-planetarium.org/page/IPS2018Toulouse

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

10) O boletín de divulgación astronómica da IAU noutros idiomas

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Traducións ao español, elaboradas por:

Sofía Meneses-Goytia, doutora, investigadora asociada postdoutoral, Instituto de Cosmoloxía e Gravitación, Universidade de Portsmouth: http://bit.ly/2rIqVGe;

Basilio Solís-Castillo, estudante de doutorado, Instituto Max Planck de Radioastronomía, Universidade de Bonn: http://astronomia-para-todos.blogspot.de;

ASAFILE, Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

-Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados aquí: http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html;

-Traducións ao galego, pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

Podes atopar números antigos deste boletín en español traducidos pola Sociedad Española de Astronomía neste enderezo: http://www.sea-astronomia.es/drupal/content/newsletter-iau-noc;

Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós en 2017! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.