Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Xuño 2019 #2

Neste boletín:

0) Nota dos editores
1) Astronomía para o desenvolvemento: número especial da revista CAP
2) Unha familia, un telescopio
3) O Catalizador IAU – regreso do boletín IAU
4) IAU100 Estrelas que inspiran – Celebrando a inclusión na astronomía arredor do mundo
5) Celebra a diversidade coa astronomía: Ano das Linguas Indíxenas
6) Comunicado da IAU sobre as constelacións de satélites
7) Astronomía para crear medios de vida
8) SYSTEMSounds (Sons do sistema) – Escoita 50 anos de exploración lunar
9) Reunións e eventos globais
10) Boletín Informativo de Divulgación de Astronomía da IAU noutros idiomas
11) Contribucións ao Boletín de Divulgación da IAU

0) Nota dos editores

Prezados amigos, amigas e colegas,

Neste número, queremos destacar a edición especial da revista Comunicar Astronomía co Público (CAP) dedicada á astronomía para o desenvolvemento (a data límite para o envío de propostas é o 20 de xullo). Animámosvos a celebrar a diversidade de familias arredor do mundo participando no certame do NAOJ Kit de telescopio “Unha familia, un telescopio”. E para rematar, mais non é menos importante, queremos convidarvos a escoitar o lema IAU100 “Cen anos baixo un mesmo ceo” recitado en seis linguas en perigo de extinción e convidarvos a adquirir conciencia sobre o Ano Internacional das Linguas Indíxenas.

Queremos darlle unha cálida despedida á nosa colega Yukiko Shibata. Yukiko foi unha parte importante do noso equipo da Oficina IAU de Divulgación Astronómica durante os pasados cinco anos. A súa dedicación á Rede de Tradución Astronómica (ATN) como coordinadora do proxecto é unha inspiración para todos e todas nós. Queremos darlle as grazas a Yukiko pola amizade, apoio e as súas grandes achegas á oficina ao longo dos anos, e desexámoslle o mellor no seu novo camiño profesional.

Desexámosvos ceos despexados e felices celebracións!

Lina Canas, en nome da Oficina do Equipo de Divulgación de Astronomía da IAU

1) Astronomía para o desenvolvemento: número especial da revista CAP

A Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento (OAD) e a Oficina para a Divulgación Astronómica (OAO) xuntaron esforzos para publicar un primeiro número da revista Comunicar Astronomía co Público (CAP) dedicado de maneira monográfica á astronomía para o desenvolvemento. Este número especial incluirá artigos que tratan de como a divulgación, a captación de público e a popularización da astronomía poden ser empregadas de forma efectiva como vía para o desenvolvemento. A data límite para o envío de propostas é o 20 de xullo de 2019.

Podes atopar máis información aquí: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann19036/

2) Unha familia, un telescopio

O observatorio astronómico nacional do Xapón (NAOJ) e a Oficina IAU de Divulgación Astronómica celebran a fermosa diversidade das familias arredor do mundo cun telescopio de agasallo. Comparte unha imaxe da túa familia contigo e fainos saber (máximo, 280 caracteres) como celebrarías a astronomía coa túa veciñanza ou coa túa familia estendida se gañas este pequeno telescopio. As mellores 30 propostas seleccionadas gañarán un kit de telescopio do NAOJ. Mándanos un correo electrónico a outreach[at]iau.org. A data límite é o 30 de xullo de 2019.

Tes máis información neste enderezo.

3) O Catalizador IAU – regreso do boletín IAU

Unha definición de catalizador é a de algo que facilita ou incita a actividade. Ese é exactamente un dos principais obxectivos do Catalizador IAU, boletín IAU que volve logo de varios anos. Ademais de estimular a discusión e a actividade, o Catalizador IAU pretende ser unha ferramenta para a comunicación directa das varias estruturas IAU cos membros mais tamén con outras organizacións e institucións científicas internacionais.

Podes ler a última edición do Catalizador IAU aquí: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann19038/

4) IAU100 Estrelas que inspiran – Celebrando a inclusión na astronomía arredor do mundo

As celebracións IAU100 continuan arredor do mundo, con varios eventos do proxecto Estrelas que inspiran planeados durante o mes de xuño en Austria, Francia, Reino Unido, Tailandia e Italia. Os eventos Estrelas que inspiran están dedicados á inclusión e a diversidade na astronomía.

Máis información sobre os eventos actuais, aquí: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann19043/

5) Celebra a diversidade coa astronomía: Ano das Linguas Indíxenas

Axuda a crear conciencia da alarmante cantidade de idiomas que están a desaparecer en todo o mundo, resaltando a importancia do coñecemento astronómico dos pobos orixinarios e alentando a tomar medidas en favor da apreciación da nosa diversidade cultural. Escoita “100 anos Baixo Un Mesmo Ceo” recitado por falantes nativos de Garífuna, Miskito e Tol, linguas indíxenas de Honduras en América Central. E tamén na lingua tailandesa do norte e na lingua Yong, idioma tailandés cunha fonética diferente da tailandesa do norte. O último engadido é o Minderico, unha lingua dunha pequena rexión de Portugal. Queremos darlle as grazas a Catarina Leote, co-coordinadora do Grupo de Lingua Portuguesa da Rede de Tradución Astronómica da IAU, por compartilo connosco.

Se desexas participar no proxecto, podes contactarnos en translation@oao.iau.org.

6) Comunicado da IAU sobre as constelacións de satélites

Hai pouco foron despregadas as primeiras redes coñecidas como constelacións de satélites; están planeadas redes con número cada vez maior de satélites en órbitas baixas para unha variedade de propósitos, entre eles a prestación de servizos de comunicación a zonas desprovistas ou remotas. Até este ano, o número destes satélites estaba por debaixo dos 200, mais ese número está a aumentar rapidamente. A Unión Astronómica Internacional (IAU), como principio xeral, asume o ceo escuro e sen sinais de radio como un elemento imprescindíbel para avanzar na nosa comprensión do Universo do que formamos parte, mais tamén como un recurso para toda a humanidade e para a protección da vida salvaxe nocturna, polo cal insta ás axencias pertinentes a elaboraren un marco regulador para mitigar ou eliminar os impactos prexudiciais da exploración científica tan pronto como sexa posíbel.

Podes ler o comunicado completo aquí: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann19035/

7) Astronomía para crear medios de vida

Expedición Global Himalaia é unha organización que electrifica vilas remotas das montañas do Himalaia na India. En 2018 o equipo obtivo financiamento da Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento para aproveitar os abraiantes ceos nocturnos da rexión e empregar a astronomía como un vehículo para estimular o desenvolvemento. Hai pouco o proxecto lanzou o seu primeiro Astro Homestay, un concepto novedoso polo cal os turistas quedan nas casas de xente local e experimentan o ceo nocturno coa axuda de membros da comunidade debidamente formados, engadindo valor económico á rexión.

Podes ver un adianto en vídeo aquí (hai un documental de próxima estrea) e atopar máis información sobre o proxecto nesta ligazón.

Para saber máis, podes contactar con Sonal Asgotraa (sonal[at]ghe.co.in) e Paras Loomba (paras[at]ghe.co.in).

8) SYSTEMSounds (Sons do sistema) – Escoita 50 anos de exploración lunar

System Sounds é un proxecto de divulgación que une arte e ciencia para traducir o ritmo e a harmonía do cosmos en forma de vídeos, aplicacións interactivas e exposicións públicas que inspiran, educan e fan máis accesíbel a astronomía para as persoas con discapacidade visual. Para celebrar o 50 aniversario da chegada á Lúa, SYSTEMSounds foi convidado pola NASA para contar a historia da influencia da misión Apollo a través do son. O proxecto alíñase co obxectivo da Unión Astronómica Internacional de empregar a astronomía para promover beneficios sociais e foi financiada dúas veces pola IAU baixo a convocatoria anual da Oficina de Astronomía para o Desenvolvemento.

Podes atopar máis información aquí: http://www.system-sounds.com/apollo/ e https://www.nasa.gov/nasa-explorers-apollo.

9) Encontros e actividades globais

Aquí podes atopar unha listaxe de conferencias e eventos sobre divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planifica con antelación un ano moi especial para a astronomía, cheo de eventos interesantes!

a) 3º Obradoiro sobre Divulgación e Educación da Astronomía (WDEA III)
Datas: 2 de xullo (Eclipse solar) e do 4 ao 5 de xullo de 2019
Lugar: San Juan, Argentina
Máis información: http://sion.frm.utn.edu.ar/WDEAIII/

b) IAU100: 50º aniversario da chegada á Lúa – Observemos a Lúa!
Datas: 20 de xullo de 2019
Lugar: todo o mundo
Máis información: https://www.iau-100.org/moon-landing-anniversary

c) Conferencia sobre educación astronómica: Investigación aplicada e práctica
Datas: do 16 ao 18 de setembro de 2019
Lugar: Garching, Múnic, Alemaña
Máis información: http://iau-dc-c1.org/astroedu-conference/

d) IAUS358: Astronomía para a Equidade, a Diversidade e a Inclusión – unha folla de ruta para as accións no marco do centenario da IAU
Datas: do 12 ao 15 de novembro de 2019
Lugar: Toquio, Xapón
Máis información: https://iau-oao.nao.ac.jp/iaus358/

e) Arte, Visualisación e Cosmos na Educación
Datas: 5 e 6 de decembro de 2019
Lugar: Melbourne, Victoria, Australia

f) Conferencia Educación e investigación con telescopios robóticos
Datas: do 8 ao 11 de decembro de 2019
Lugar: Melbourne, Victoria, Australia
Máis información: https://rtsre.net/

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;

-Traducións ao galego, por Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

-Traducións ao español, elaboradas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

-Tradución ao italiano, feitas por Eleonora Piromalli, AstronomiAmo, de Italia, nesta ligazón: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last

-Tradución ao ruso, elaboradas por Artem Mokhnaktin, do Observatorio Astronómico Central da Academia Rusa das Ciencias en Pulkovo. Podes atopar as últimas traducións do boletín aquí.

-Tradución ao portugués elaborada por Catarina Leote e João Ferreira a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica (o número anterior do boletín está aquí).

Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2019!

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.