Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Xaneiro 2019 #1 – Especial IAU100 nº 1

Neste boletín:

0) Nota dos editores
1) 100 Horas de Astronomía
2) Celebra o Día IAU da Muller e a Nena na Astronomía
3) Evento IAU100: Día da Astronomía Amadora o 13 de abril de 2019 en Bruxelas
4) “Estrelas que inspiran” en Etiopía
5) Kit Educativo “Acende a Noite”
6) Convocatoria para participar no proxecto “Astronomía Aberta nas Escolas”
7) Aberto o prazo de solicitude de apoios RAS-OAD
8) Resultados da Convocatoria Anual de Propostas OAD 2018
9) Novas de todo o mundo – historias dos comités nacionais IAU100 e das coordinacións nacionais de divulgación
10) Encontros e actividades globais
11) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas
12) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU

0) Nota dos editores

Prezados amigos, amigas e colegas,

O ano comezou da mellor maneira para o centenario do IAU coas “100 Horas de Astronomía”, lema que acolleu máis de 1,200 actividades en 85 países de todo o mundo do 10 ao 13 de xaneiro. Queremos expresar o noso agradecemento a todas as persoas, tanto participantes coma da organización, que compartiron as súas historias nas redes sociais e mensaxes persoais. Tamén queremos destacar o fantástico traballo de Bethany Downer na coordinación deste esforzo global.

O noso equipo sabe que é inmensa a cantidade de información relacionada co IAU100 e as actividades presentadas no marco dos diversos “proxectos globais”. Por iso en 2019 cambiamos lixeiramente o formato deste boletín, para asegurármonos de que ao longo do ano recibades de primeira man todas as noticias e actualizacións sobre os eventos, recursos, convocatorias abertas e concursos. E queremos darlle unha grande benvida a Jorge Rivero, coordinador do IAU100, que coeditará esta publicación durante 2019.

Neste número, queremos resaltar o éxito do evento “100 Horas de Astronomía”, o próximo Día IAU da Muller e a Nena na Astronomía, e alentar a vosa participación no evento IAU do Día da Astronomía Amadora en Bruxelas, Bélxica.

Por último, mais non é menos importante, non podemos esquecer a todas as persoas que colaboran connosco, a comunidade que, nos últimos anos, compartiu as iniciativas de divulgación astronómica preferidas e máis importantes de todo o mundo e que agora é unha parte vital da nosa fantástica familia da IAU. Creamos unha edición especial que compartirá as vosas historias neste 2019, así que prestade atención ás novidades.

Desexámosvos os ceos máis despexados e todo o mellor para 2019!

Lina Canas, en nome do Equipo de Divulgación da Oficina de Astronomía da IAU

Jorge Rivero, en representación da Secretaría IAU100

1) 100 Horas de Astronomía

Dando inicio ás celebracións do centenario da IAU en 2019, o evento “100 horas de Astronomía” reuniu a astrónomos e astrónomas amadores e profesionais, entusiastas da astronomía e público en xeral para compartir a súa paixón pola astronomía e o espazo. Celebráronse máis de 1.200 actividades de astronomía en 85 países de todo o mundo do 10 ao 13 de xaneiro.

Podes ler o artigo completo aquí: https://www.iau-100.org/sucessful-100hours-of-astronomy

Hai moitas historias compartidas nas redes sociais: Facebook & Twitter.

2) Celebra o Día IAU da Muller e a Nena na Astronomía

Baixo o lema “Astronomía Inclusiva”, as celebracións IAU100 organizarán unha ampla serie de actividades e eventos mundiais durante 2019 que promoverán a inclusión, a equidade e a diversidade na astronomía. Este programa de eventos comezará o 11 de febreiro de 2019 coa celebración do Día da Muller e a Nena na Astronomía, no marco do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia convocado polas Nacións Unidas. É unha oportunidade para celebrar o papel das nenas e mulleres na astronomía, ben sexa alentando as nenas a considerar unha carreira no campo da astronomía como honrando as mulleres astrónomas. Animamos a todas as persoas a participar no Día da Muller e a Nena na Astronomía organizando eventos nas vosas comunidades locais.

Máis información, aquí: https://www.iau-100.org/women-and-girls-in-astronomy-day

3) Evento IAU100: Día da Astronomía Amadora o 13 de abril de 2019 en Bruxelas

O sábado 13 de abril de 2019 no Palacio das Academias de Bruxelas, Bélxica, a Unión Astronómica Internacional organizará o seu primeiro evento para astrónomos e astrónomas amadoras. Unha inspiradora xornada que contará coa presenza do astronauta da NASA John Grunsfeld, recoñecidas figuras da ciencia e presentacións da comunidade astronómica amadora. Con este evento, a IAU quere fortalecer a súa relación cos colectivos amadores. A Secretaría IAU100 convida aos astrónomos e astrónomas amadoras a participar no evento asistindo e/ou compartindo o seu traballo.

Máis información, neste enderezo: https://www.iau-100.org/amateur-astronomers-day

4) “Estrelas que inspiran” en Etiopía

O obradoiro “A exposición Estrelas que inspiran e a inclusión” tivo lugar o 3 de xaneiro de 2019 en Adís Abeba, Etiopía. Entre as perto de 200 persoas participantes había estudantes de secundaria e de universidade con discapacidades visuais e auditivas con necesidades educativas especiais. O obradoiro contou cunha mesa redonda sobre a educación inclusiva en Etiopía, seguida da visita á exposición. A exposición e o obradoiro forman parte do Proxecto Global IAU100 e a organización en Etiopía foi froito da colaboración do Instituto Etíope de Ciencia e Tecnoloxía Espaciais (ESSTI), a Oficina Rexional de Astronomía para o Desenvolvemento de África Oriental (EA-ROAD), a Universidade Metropolitana de Kotebe (KMU), a Sociedade de Ciencia Espacial de Etiopía (ESSS), a Rede Científica e Académica de Etiopía (ESAN) e Educadores Etíopes Sen Fronteiras (EEWB 2018).

Podes ler o artigo completo en https://sites.google.com/oao.iau.org/inspiringstars/january2019ethiopia

5) Kit Educativo “Acende a Noite”

O proxecto global IAU100 Ceos escuros para todas as persoas (Dark Skies for All) ten como obxectivo crear conciencia sobre a conservación dos ceos escuros e o dereito das xeracións futuras a seguir dispoñendo de verdadeiros ceos nocturnos. O IAU100 lanza unha convocatoria para a recepción do kit educativo “Acende a luz” e alenta ao profesorado, profesionais da astronomía e astronómos e astrónomas amadoras en todo o mundo a solicitalo.

Ao longo do programa global IAU100, uns 200 educadores e educadoras de todo o mundo poderán ter este kit ao custo de produción. Outros 50 kits adicionais serán distribuídos gratuitamente pola Secretaría IAU100 a aquelas persoas que non poidan pagar o custo de produción. Para solicitar estas condicións especiais, por favor envíade a solicitude completa antes do 1 de marzo de 2019.

Máis información aquí: https://www.iau-100.org/darkskies-for-all

6) Convocatoria para participar no proxecto “Astronomía Aberta nas Escolas”

O proxecto “Astronomía Aberta nas Escolas” (OAS) pretende mellorar a capacidade dos e das docentes para lidar con temas científicos e as súas técnicas de ensino organizando sesións de formación en todo o mundo, que permitan a alfabetización científica e a adquisición de técnicas de ensino modernas. A convocatoria de propostas está dirixida a achegar financiamento inicial (até 500 Euros) e apoio básico para fomentar obradoiros de capacitación docente nas rexións en desenvolvemento. Estes fondos de apoio as actividades OAS poden empregarse para producir materiais para distribuír entre os participantes do obradoiro ou para apoiar a viaxe e aloxamento do profesorado que participe.

A convocatoria de propostas estará aberta até o final das celebracións IAU100. As propostas que soliciten fondos deben presentarse antes do 28 de febreiro de 2019 ás 11:00 pm UTC. Todas as solicitudes que pidan apoio financeiro terán resposta final en marzo de 2019.

Podedes atopar máis información aquí: https://www.iau-100.org/teacher-training-call

Sitio web oficial: https://open-astronomy-schools.org/

7) Aberto o prazo de solicitude de apoios RAS-OAD

Está aberto o prazo para solicitar á Royal Astronomical Society – Oficina de Astronomía para o Desenvolvemento (RAS-OAD) apoios que acheguen fondos de mobilidade para establecer ou fomentar investigacións, colaboracións educativas e/ou relacionadas co desenvolvemento entre o Reino Unido e países onde a investigación astronómica non está ben establecida. A convocatoria está aberta para persoas do ámbito da ciencia, a enxeñaría e a educación que residan no Reino Unido ou viaxen ao Reino Unido. A data límite para a solicitude é o 28 de febreiro de 2019.

Máis información sobre as solicitudes, nesta ligazón: http://www.astro4dev.org/partners-programs/rasexperts2/

8) Resultados da Convocatoria Anual de Propostas OAD 2018

A Oficina de Astronomía para o Desenvolvemento da Unión Astronómica Internacional (IAU OAD) concluíu a sétima convocatoria anual de propostas e seleccionou 20 proxectos. Estes vinte proxectos recibirán fondos da IAU en 2019 para abordar diferentes cuestións e desafíos valéndose da astronomía como ferramenta de acción. A OAD colocou outros 18 proxectos nunha ‘Listaxe recomendada’: trátase de propostas que mereceron o recoñecemento do equipo revisor, mais que fican fóra do financiamento debido as limitacións orzamentarias. Poden consultarse aquí: http://www.astro4dev.org/2019-recommended-projects/

Máis información: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann18069/

9) Novas de todo o mundo – historias dos comités nacionais IAU100 e das coordinacións nacionais de divulgación

Coas celebracións IAU100 e as case cen persoas que se encargan da coordinación de divulgación nacional (NOC) extremadamente activas, hai multitude de eventos convocados en todo o mundo. Algunhas destas actividades están sendo relatadas desde as NOC e por parte de diversos contactos co desexo de visibilizar eventos importantes de cada país.

Podes seguir esas historias nas redes sociais da Oficina IAU de Divulgación Astronómica (Facebook, Twitter) e no sitio web IAU NOC.

10) Encontros e actividades globais

Aquí tes unha listaxe de eventos e conferencias de divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planifica un ano cheo de acontecementos interesantes!

a) IAU100: Día das Mulleres e as Nenas na Astronomía
Datas: 11 de febreiro de 2019
Lugar: todo o mundo
Máis información: https://www.inclusive-astronomy.org/women-girls-in-astronomy

b) Encontro rexional asiático “Global Hands-On Universe”
Datas: do 6 ao 8 de marzo de 2019
Lugar: Pokhara, Nepal
Máis información: https://sites.google.com/view/ghou-asia-regional-conference/home

c) 8ª conferencia internacional “Novas perspectivas en educación científica”
Datas: 21 e 22 de marzo 2019
Lugar: Florencia, Italia
Máis información: https://conference.pixel-online.net/NPSE/

d) Noite de Yuri
Data: 12 de abril de 2019
Lugar: todo o mundo
Máis información: https://yurisnight.net/

e) Día da Astronomía Amadora
Data: 13 de abril de 2019
Lugar: Bruxelas, Bélxica
Máis información: https://www.iau-100.org/amateur-astronomers-day​

f) Semana europea da astronomía e ciencias do espazo
Datas: do 24 ao 28 de xuño de 2019
Lugar: Lyon, Francia
Máis información: https://eas.unige.ch//EWASS/

g) V Festival Starmus: un paso de xigante
Datas: do 24 ao 29 de xuño de 2019
Lugar: Berna, Suíza
Máis información: https://www.starmus.com/

h) Día do asteroide
Data: 30 de xuño de 2019
Lugar: todo o mundo
Máis información: http://asteroidday.org/

i) 3º Obradoiro sobre Divulgación e Educación da Astronomía (WDEA III)
Datas: 2 de xullo (Eclipse solar) e do 4 ao 5 de xullo de 2019
Lugar: San Juan, Argentina
Máis información: http://sion.frm.utn.edu.ar/WDEAIII/

l) IAU100: 50º aniversario da chegada á Lúa – Observemos a Lúa!
Data: 20 de xullo de 2019
Lugar: todo o mundo
Máis información: https://www.iau-100.org/moon-landing-anniversary

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

11) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;

-Traducións ao galego, por Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

-Traducións ao español, elaboradas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

-Tradución ao italiano, feitas por Eleonora Piromalli, AstronomiAmo, de Italia, nesta ligazón: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last

-Tradución ao ruso, elaboradas por Artem Mokhnaktin, do Observatorio Astronómico Central da Academia Rusa das Ciencias en Pulkovo. Podes atopar as últimas traducións do boletín aquí.

-Tradución ao portugués elaborada por Catarina Leote e João Ferreira a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica (o número anterior do boletín está aquí).

Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

12) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.