IAU Boletín Blog

Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Outubro 2018 #1

Neste boletín:

0) Nota dos editores
1) Resolución da IAU “Lei de Hubble-Lemaître”
2) Convértete nunha Escola Einstein
3) Participa no Proxecto Global “100 Horas de Astronomía”
4) Anunciado o primeiro simposio da IAU sobre astronomía para a equidade, a diversidade e a inclusión
5) Recursos dispoñíbeis da Rede de Educación Astronómica na Escola (NASE)
6) Dispoñíbel en liña o libro de actas do CAP 2018 de Xapón
7) Novas de Siria
8) Novas de Italia
9) NASA: 60 anos e contando
10) Encontros e actividades globais de 2018
11) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas
12) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2018!

0) Nota dos editores

O libro de actas do encontro Comunicar Astronomía co Público (CAP 2018) publicouse hai unhas semanas e para o noso equipo, CAP 2018 no Xapón, foi unha experiencia valiosa que gardaremos no recordo coa esperanza de sermos mellores profesionais e mellores seres humanos. Podemos dicir que coa inspiración do voso traballo e de coñecermos ás persoas participantes, o noso universo expandiuse de verdade. Dámosvos as grazas por compartirdes a vosa viaxe connosco e ficamos á espera de saber como o CAP 2018 influiu sobre todas as persoas que asistiron, de forma individual, coma profesional e, en última instancia, en favor da comunidade. Por favor, mantédevos en contacto connosco, mesmo desde a distancia, estamos a só un correo electrónico. Podedes atoparnos en lina.canas@nao.ac.jp e h.agata@nao.ac.jp.

Neste número, queremos destacar os próximos Proxectos Globais IAU100: Escolas Einstein e 100 Horas de Astronomía. Ademais, no marco das celebracións do centenario, a IAU organiza un simposio sobre diversidade, equidade e inclusión que se celebrará en Tokio en 2019. Planificade con antelación un ano emocionante de celebración da astronomía.

Por último, mais non menos importante, se desexas unirte ao noso equipo, non perdas a oportunidade de postularte para o posto de Coordinación de Divulgación Internacional! Darémosche a benvida aquí na Oficina para a Divulgación de Astronomía. A data límite das solicitudes é o 15 de outubro.

Desexámosvos unha feliz lectura e ceos despexados!

O equipo da oficina IAU de divulgación astronómica.

1) Resolución da IAU “Lei de Hubble-Lemaître”

Durante a XXX Asemblea Xeral en Viena (en agosto de 2018), a Unión Astronómica Internacional presentou un proxecto de resolución para cambiar o nome da “Lei de Hubble” polo de “Lei de Hubble-Lemaître”. A resolución pretendía recoñecer a investigación de Lemaître sobre a expansión do Universo e render homenaxe a Lemaître e a Hubble polas súas contribucións fundamentais no desenvolvemento da cosmoloxía moderna. Esta resolución foi consultada con todas as persoas asociadas á IAU a través dunha votación electrónica.

Para saber máis: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann18048/

2) Convértete nunha Escola Einstein

O programa de Escolas Einstein lánzase hoxe para alentar a mozas e mozos con talento de todo o mundo a aprender e comunicar sobre a gravidade na astronomía. Dentro dunha rede internacional, as escolas poderán compartir experiencias e beneficiarse de recursos de alta calidade así como o acceso a profesionais da astronomía que actúan como mentores das súas actividades.

Máis información: https://www.iau-100.org/become-an-einstein-school

3) Participa no Proxecto Global “100 Horas de Astronomía”

Só faltan uns meses antes de que arranque o ano de celebración do centenario da Unión Astronómica Internacional. Como gran evento de inauguración, o Proxecto Global “100 Horas de Astronomía” terá lugar do 10 ao 13 de xaneiro de 2019. Todas as persoas en todo o mundo poden participar deste esforzo conxunto para levar a astronomía ao público en xeral.

Máis información: https://www.iau-100.org/participate-100-hours-of-astronomy

4) Anunciado o primeiro simposio da IAU sobre astronomía para a equidade, a diversidade e a inclusión

En 2019, do 12 ao 15 de novembro, Xapón celebrará o primeiro simposio da IAU sobre astronomía para a equidade, a diversidade e a inclusión. O obxectivo do simposio é servir de folla de ruta para as accións no marco do centenario da IAU que destaquen o papel que xoga a diversidade e a inclusión na produción dunha mellor ciencia, en favor da competitividade e a innovación e enfocándose en accións específicas.

Para saber máis, consultade este sitio web: https://www.iau-100.org/symposium-equitydiversityinclusion

5) Recursos dispoñíbeis da Rede de Educación Astronómica na Escola (NASE)

O venres 24 de agosto, durante a asemblea xeral da IAU, NASE realizou un pequeno seminario sobre astronomía cultural no histórico Observatorio Kuffner de Viena, Austria. Como resultado, NASE publicou o libro: “Calidoscopio NASE de experiencias en astronomía cultural” (NASE kaleidoscope of experiences in cultural astronomy), en inglés e en español, para promover a astronomía cultural en diferentes países do mundo.

Aquí tes as ligazóns directas aos libros en PDF en dous idiomas: inglés e español

6) Dispoñíbel en liña o libro de actas do CAP 2018 de Xapón

O libro de actas do encontro “Comunicar Astronomía co Público 2018” está agora dispoñíbel en dúas versións, a 1ª edición (impresa e enviada) e a 2ª edición (versión dixital). O equipo agradece os comentarios ou suxestións a lina.canas@nao.ac.jp

7) Novas de Siria

O sábado 22 de setembro, a Asociación Astronómica Siria en Alepo organizou unha actividade na Escola Privada Al Manara que incluíu experiencias astronómicas e observación da Lúa e os planetas.

Podes atopar fotos do evento aquí.

Grazas a Muhammed Alassiry, o noso coordinador de divulgación nacional en Siria, por compartir as noticias connosco.

8) Novas de Italia

Obradoiro sobre o uso de manga e anime para comunicar ciencia

Costellazione Manga presentarase en “Lucca Cómics and Games”, un gran Comicon que se celebrará en Italia en novembro de 2018. Será un obradoiro de tres horas, aberto a profesionais da comunicación, estudantes de xornalismo e docentes para aprenderen como funciona Costellazione Manga, e tamén dispoñíbel para calquera persoa que queira aprender a usar manga e anime en escolas ou planetarios. O equipo describirá a base pedagóxica e desenvolverá unha sesión práctica. Este taller conta co apoio de Chalmers, Onsala, INAF e o Observatorio de Arcetri en Florencia.

Tes máis información sobre o obradoiro (en italiano) aquí. O obradoiro impartirase en inglés o 3 de novembro ás 9:00, e podes ler máis información (en inglés) aquí.

9) NASA: 60 anos e máis

Desde 2018 até 2022, a Administración Nacional de Aeronáutica e do Espazo (NASA) vai celebrar unha serie de fitos importantes: o 60 aniversario da fundación da axencia polo Congreso en 1958 e o 50 aniversario das misións Apollo que puxeron unha ducia de estadounidenses na Lúa entre xullo de 1969 e decembro de 1972. As celebracións xa están en marcha, cun evento especial IAU100 en 2019: o 50 aniversario da chegada á Lúa.

Máis información sobre as celebracións do sesaxésimo ano da NASA aquí: https://www.nasa.gov/specials/60counting/index.html

10) Encontros e actividades globais de 2018

Podes atopar aquí unha listaxe de eventos e conferencias de divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planifica un ano cheo de acontecementos interesantes!

a) Noite Internacional de Observación da Lúa

Datas: 20 de outubro de 2018
Lugar: todo o mundo
Máis información: http://observethemoonnight.org/

b) Fórum Wissenschaftskommunikation
Datas: do 7 ao 9 de novembro de 2018
Lugar: Bonn, Alemaña
Máis información: https://www.wissenschaft-im-dialog.de/en/forum-wissenschaftskommunikation/forum-2018/

c) V Festival Starmus: un paso de xigante
Datas: do 24 ao 29 de xuño de 2019
Lugar: Berna, Suíza
Máis información: https://www.starmus.com/

d) 3º Obradoiro sobre Divulgación e Educación da Astronomía (WDEA III)
Datas: 2 de xullo (Eclipse solar) e do 4 ao 5 de xullo de 2019
Lugar: San Juan, Argentina
Máis información: http://sion.frm.utn.edu.ar/WDEAIII/

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

11) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;

-Traducións ao galego, por Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

-Traducións ao español, elaboradas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

12) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2018!

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós en 2018! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.