Boletín de divulgación da IAU: Febreiro 2019 #1


Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Febreiro 2019 #1

Neste boletín:

0) Nota dos editores
1) Rede de Tradución Astronómica da IAU
2) Dispoñíbel en liña o boletín #23 da Oficina de Astronomía para o Desenvolvemento
3) Proxectos da Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento 2019
4) IAUS350 – Astrofísica de laboratorio: das observacións á interpretación – programa educativo
5) IAUS358 – Astronomía para a equidade, a diversidade e a inclusión: aberta a solicitude de apoios
6) Primeira Conferencia AstroEDU 2019
7) Obradoiro IAU NASE- Xapón 2019
8) Proxecto Diversidade @NAOJ
9) Encontros e actividades globais
10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas
11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU

0) Nota dos editores

Prezados amigos, amigas e colegas,

Queremos darlle a benvida á nosa colega Yukiko Shibata no seu regreso á oficina para dirixir o proxecto da Rede de Tradución Astronómica (ATN, nas súas siglas en inglés) co apoio do noso compañeiro Pisit Nitiyanant do NARIT de Tailandia. Comezamos agradecendo a todas as persoas voluntarias da rede de tradución o seu esforzo continuo para traducir os recursos IAU100 e outros materiais astronómicos relevantes á comunidade educativa e divulgadora: a ATN racha coas barreiras lingüísticas e fai accesíbel a astronomía en idiomas de todo o mundo. Como este ano é tamén o Ano Internacional das Linguas Indíxenas, convidámosvos a prestar atención ás actividades especiais que prepara o noso equipo no marco dentro da ATN da IAU, IAU100 e IYIL2019.

Veñen moitos máis eventos para seguirmos celebrando o centenario. Neste número, queremos resaltar algunhas das actividades regulares en curso da IAU que teñen lugar máis aló das celebracións, como o novo boletín da Oficina IAU de astronomía para o desenvolvemento, o simposio IAU 350 (IAUS350) no Reino Unido e o seu programa educativo e a conferencia astroEDU na Alemaña.

Seguide as nosas noticias a través dos nosos diferentes canais e non perdades ningunha das celebracións IAU100. O próximo grande evento é o Día IAU da Muller e a Nena na Astronomía, con máis de 125 eventos rexistrados en 42 países diferentes. Únete ás celebracións!

Desexámosvos os ceos máis despexados e todo o mellor para 2019!

Lina Canas, en nome do Equipo de Divulgación da Oficina de Astronomía da IAU

1) Rede de Tradución Astronómica da IAU

A Rede de Tradución Astronómica da IAU é un proxecto global que centraliza os recursos máis valiosos que precisan tradución e asocia as necesidades de tradución cos voluntarios. A ATN superou xa a marca de 350 persoas voluntarias en 50 idiomas diferentes! Dámoslles as grazas a todas estas persoas que se encargan da tradución, revisión científica e corrección de probas pola súa colaboración e por levar a astronomía aos seus idiomas e comunidades. Queremos dar tamén unha cálida benvida ás persoas que se incorporan a esta rede.

Por favor, visita o sitio web oficial da ATN e aprende máis sobre o proxecto.

Se tes algunha pregunta ou simplemente queres dicir “ola”, podes contactar co equipo no enderezo electrónico translation@oao.iau.org

2) Dispoñíbel en liña o boletín #23 da Oficina de Astronomía para o Desenvolvemento

O boletín informativo #23 da IAU OAD está xa en liña. Publícao trimestralmente a Oficina de Astronomía para o Desenvolvemento da IAU. Entre os asuntos destacados desta edición están as solicitudes para as axudas RAS-OAD, con data límite o 28 de febreiro; o anuncio dos resultados da convocatoria de propostas anual da OAD e as oportunidades IAU100 durante 2019.

O arquivo de todos os boletíns da OAD pode consultarse aquí.

3) Proxectos da Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento 2019

Amazonas: Celebrando a Astronomía

“Amazonas: Celebrando a Astronomía” é un proxecto para incluír o Amazonas na celebración do 50 aniversario da chegada á Lúa, o centenario da IAU e o da eclipse de Sobral-Príncipe. Este proxecto válese de planetarios dixitais, telescopios (solares e nocturnos) e o laboratorio pedagóxico e observatorio astronómico da Universidade do Estado do Amazonas (UEA) para desenvolver obradoiros, conferencias, actividades lúdicas e cursos sobre astronomía a escolas necesitadas do interior de Amazonas: escolas indíxenas, ribeiregas e rurais. O equipo está composto por 25 mulleres, tres delas indíxenas, que forman parte dos cursos da UEA.

Podes ler máis sobre o proxecto aquí: http://www.astro4dev.org/blog/2018/12/03/overview-2/

4) IAUS350 – Astrofísica de laboratorio: das observacións á interpretación – programa educativo

O primeiro Simposio IAU sobre Astrofísica de laboratorio, IAUS350: Laboratorio de Astrofísica: das Observacións á Interpretación, terá lugar no Jesus College, Cambridge, Reino Unido, do 14 ao 19 de abril de 2019. Durante o simposio, os días 16 e 18 de abril. realizaranse conferencias públicas pola tarde, coas doutoras Kimberly Ennico-Smith e Helen Jane Fraser como relatoras convidadas. Calquera persoa poderá seguir as transmisións en vivo (de 20:00 a 21:00, horario de verán británico) desde a Universidade de Cambridge a través da canle pública Open Unversity en YouTube e en paralelo, a través das redes sociais, o equipo do IAUS350 poderá responder ás preguntas dos espectadores.

As últimas novas poden consultarse aquí: http://www.astrochemistry.org.uk/iau_s350/educational-programme/

5) IAUS358 – Astronomía para a equidade, a diversidade e a inclusión: aberta a solicitude de apoios

A Unión Astronómica Internacional e o Observatorio Astronómico Nacional de Xapón (NAOJ) organizarán o primeiro Simposio IAU sobre “Astronomía para a Equidade, a Diversidade e a Inclusión – unha folla de ruta para as accións no marco do centenario da IAU” en Toquio, Xapón, do 12 ao 15 de novembro de 2019. As solicitudes de apoio da IAU xa están abertas. Podedes facer unha preinscrición, envíar o voso resumo e a solicitude antes do 15 de xuño de 2019. Podedes contactar coa organización a través do enderezo electrónico iaus358contact@prcml.mtk.nao.ac.jp

6) Primeira Conferencia AstroEDU 2019

A Conferencia sobre Educación Astronómica: Investigación aplicada e Práctica celebrarase na sede da ESO, Garching, Múnic, Alemaña, do 16 ao 18 de setembro de 2019. Esta reunión é a primeira dunha serie de encontros regulares e bianuais da Comisión IAU C1 co obxectivo de aumentar a calidade, a cantidade, a comunidade e o impacto da investigación e a práctica sobre educación en astronomía. Os temas claves que se abordarán serán (1) Investigación en educación astronómica, (2) Estándares de educación astronómica, plan de estudos e instrución, e (3) Investigación aplicada e práctica en educación astronómica.

Para recibir actualizacións a medida que haxa máis información dispoñíbel podes visitar o sitio web http://iau-dc-c1.org/astroedu-conference/

7) Obradoiro IAU NASE- Xapón 2019

NASE: Network for Astronomy School Education (Rede para educación astronómica nas escolas) é un curso de formación docente desenvolvido por un grupo de traballo baixo a dirección da Unión Astronómica Internacional. O comité organizador local NASE-Xapón organizará un obradoiro como evento satélite do IAUS358. NASE cobre de forma ampla o plan de estudos xaponés da escola primaria até a secundaria superior, xunto con moitas observacións astronómicas e un variado contido de actividades prácticas. Os participantes poden asistir a todas as clases en xaponés ou en inglés e a participación é gratuíta.

8) Proxecto Diversidade @NAOJ

En 2019, o Observatorio Astronómico Nacional de Xapón (NAOJ) acollerá o Simposio IAU sobre Astronomía para a Equidade, a Diversidade e a Inclusión. Para crear ambiente antes do simposio, o NAOJ organizará unha serie de charlas (en inglés ou xaponés) relacionadas coa diversidade e a inclusión. O equipo organiza unha conferencia unha vez ao mes sobre diversidade e inclusión para todo o persoal do instituto. O 8 de febreiro a relatora é Maria Rosaria D’Antonio, xefa da unidade de administración da IAU e do proxecto “Estrelas que inspiran”, que impartirá o relatorio “Baixo un mesmo ceo: Descubrindo Estrelas que inspiran nun universo sen muros nin fronteiras”. A organización alenta a outros institutos a tomar iniciativas semellantes cos seus equipos.

Máis información no sitio web do proxecto: https://iau-oao.nave.ac.jp/iaus358/project-diversitynaoj/

8) Encontros e actividades globais

Aquí tes unha listaxe de eventos e conferencias de divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planificade un ano cheo de acontecementos interesantes!

a) IAU100: Día das Mulleres e as Nenas na Astronomía
Datas: 11 de febreiro de 2019
Lugar: todo o mundo
Máis información: https://www.inclusive-astronomy.org/women-girls-in-astronomy

b) Encontro rexional asiático “Global Hands-On Universe”
Datas: do 6 ao 8 de marzo de 2019
Lugar: Pokhara, Nepal
Máis información: https://sites.google.com/view/ghou-asia-regional-conference/home

c) 8ª conferencia internacional “Novas perspectivas en educación científica”
Datas: 21 e 22 de marzo 2019
Lugar: Florencia, Italia
Máis información: https://conference.pixel-online.net/NPSE/

d) Noite de Yuri
Data: 12 de abril de 2019
Lugar: todo o mundo
Máis información: https://yurisnight.net/

e) Día da Astronomía Amadora
Data: 13 de abril de 2019
Lugar: Bruxelas, Bélxica
Máis información: https://www.iau-100.org/amateur-astronomers-day​

f) IAUS350: Astrofísica de laboratorio: das observacións á interpretación
Data: do 14 ao 19 de abril de 2019
Lugar: Cambridge, GB
Máis información: http://www.astrochemistry.org.uk/IAU_S350/

g) Semana europea da astronomía e ciencias do espazo
Datas: do 24 ao 28 de xuño de 2019
Lugar: Lyon, Francia
Máis información: https://eas.unige.ch//EWASS/

h) V Festival Starmus: un paso de xigante
Datas: do 24 ao 29 de xuño de 2019
Lugar: Berna, Suíza
Máis información: https://www.starmus.com/

i) Día do asteroide
Data: 30 de xuño de 2019
Lugar: todo o mundo
Máis información: http://asteroidday.org/

l) 3º Obradoiro sobre Divulgación e Educación da Astronomía (WDEA III)
Datas: 2 de xullo (Eclipse solar) e do 4 ao 5 de xullo de 2019
Lugar: San Juan, Argentina
Máis información: http://sion.frm.utn.edu.ar/WDEAIII/

m) IAU100: 50º aniversario da chegada á Lúa – Observemos a Lúa!
Datas: 20 de xullo de 2019
Lugar: todo o mundo
Máis información: https://www.iau-100.org/moon-landing-anniversary

n) Conferencia sobre educación astronómica: Investigación aplicada e práctica
Datas: do 16 ao 18 de setembro de 2019
Lugar: Garching, Múnic, Alemaña
Máis información: http://iau-dc-c1.org/astroedu-conference/

ñ) IAUS358: Astronomía para a Equidade, a Diversidade e a Inclusión – unha folla de ruta para as accións no marco do centenario da IAU
Datas: do 12 ao 15 de novembro de 2019
Lugar: Toquio, Xapón
Máis información: https://iau-oao.nao.ac.jp/iaus358/

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;

-Traducións ao galego, por Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

-Traducións ao español, elaboradas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

-Tradución ao italiano, feitas por Eleonora Piromalli, AstronomiAmo, de Italia, nesta ligazón: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last

-Tradución ao ruso, elaboradas por Artem Mokhnaktin, do Observatorio Astronómico Central da Academia Rusa das Ciencias en Pulkovo. Podes atopar as últimas traducións do boletín aquí.

-Tradución ao portugués elaborada por Catarina Leote e João Ferreira a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica (o número anterior do boletín está aquí).

Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2019!

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Contacto

Agrupación Ío

Casa das Ciencias da Coruña

Parque de Santa Margarida s/n 15005

Teléfono : +34 604 05 49 06

Email : info@agrupacionio.com