Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Abril 2019 #1

Neste boletín:

0) Nota dos editores
1) Únete ao equipo de divulgación da IAU na Oficina IAU de Divulgación Astronómica
2) Nova vida para o Galileoscopio
3) Dispoñíbel o número 25 da revista Comunicar Astronomía co Público
4) Conferencia Comunicar Astronomía co Público (CAP 2020) vai a Australia
5) Proxectos 2019 da Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento
6) Conferencia sobre educación astronómica da comisión C1 da IAU e AstroEdu: investigación básica e práctica 2019
7) Os astrónomos e as astrónomas convídannos a poñerlle nome a un obxecto do cinto de Kuiper
8) Celebrando o Ano Internacional das Linguas Indíxenas coa astronomía
9) Encontros e actividades globais
10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas
11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU

0) Nota dos editores

Prezados amigos, amigas e colegas,

Con moita tristeza anunciamos que Norio Kaifu, antigo presidente da IAU, morreu o 13 de abril de 2019, aos 75 anos de idade, na súa casa de Xapón. Norio Kaifu foi unha persoa apaixonada pola divulgación astronómica e empregouna efectivamente para ampliar o apoio público á ciencia, tanto globalmente como no Xapón. As súas contribucións foron esenciais para o éxito global do Ano Internacional da Astronomía en 2009 e como presidente electo da IAU consolidou eses esforzos mundiais a través da nosa oficina, a Oficina IAU da Divulgación Astronómica (OAO). Norio Kaifu será agarimosamente recordado por todos e todas nós.

Neste número do noso boletín, queremos destacar que o número 25 da revista Comunicar Astronomía co Público xa está en liña, invitamos ao público a poñerlle nome a un obxecto do cinto de Kuiper e celebramos o relanzamento do Galileoscopio.

Desexámosvos ceos despexados e felices celebracións!

Lina Canas, en nome do Equipo de Divulgación da Oficina de Astronomía da IAU

1) Únete ao equipo de divulgación da IAU na Oficina IAU de Divulgación Astronómica

A Oficina IAU de Divulgación Astronómica convoca un posto no seu equipo de divulgación, con centro en Mitaka, Xapón, e dá a benvida a todas as solicitudes de persoas entusiastas e dedicadas con experiencia na comunicación da ciencia e a divulgación. A IAU e o NAOJ buscan agora unha persoa con cualidades excelentes que se una á oficina e proporcione apoio ás nosas actividades.

Máis información: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann19012/

2) Nova vida para o Galileoscopio

O Galileoscopio foi un proxecto central do Ano Internacional da Astronomía 2009 (IYA2009). Durante a última década, e co apoio de diversas organizacións, máis de 250000 kits do Galileoscopio foron enviados a máis de 110 países. Docentes, estudantes e entusiastas da ciencia de todo o mundo empregáronos para introducirse na óptica, os telescopios e a astronomía. Grazas a un acordo con Explore Scientific, o proxecto continua agora, unha década despois do seu lanzamento.

Podes saber máis aquí: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann19020/

3) Dispoñíbel o número 25 da revista Comunicar Astronomía co Público

O número 25 da revista Comunicar Astronomía co Público está xa dispoñíbel. Neste número da revista podes atopar artigos sobre os temas IAU100, como a igualdade de xénero, a inclusión, os exoplanetas e a gran pregunta: estamos sós no universo? Todo isto e moito máis aparece nesta revista gratuíta, con revisión por pares, dirixida á xente que comunica astronomía, e que xa está dispoñíbel para descarga.

Podes ler a publicación en liña aquí: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann19015/

4) Conferencia Comunicar Astronomía co Público (CAP 2020) vai a Australia

En 2020 Sidney, Australia, acollerá a maior conferencia sobre comunicación da astronomía, a conferencia Comunicar Astronomía co Público. O grupo de traballo da comisión C2 da IAU sobre a conferencia CAP recibiu numerosas solicitudes de alta calidade para acoller a conferencia de 2020, e entre elas foi elixida Sidney, Australia. CAP 2020 terá lugar do 21 ao 25 de setembro de 2020. Agardamos vervos alí!

Descubre máis sobre as conferencias CAP nesta ligazón: https://www.communicatingastronomy.org/cap-conferences/

5) Proxectos 2019 da Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento

Molo Mhlaba, Suráfrica

MM (molomhlaba.org) ofrece un novo achegamento radical á escolarización en Suráfrica. Con escolas locais e independentes en comunidades desatendidas, MM orienta e proporciona acceso á educación CTEM de calidade ao grupo máis vulnerábel do país, as rapazas negras, e vai máis alá dos obxectivos educativos habituais en favor da excelencia e a innovación. MM inspira e equipa as rapazas para que opten por carreiras CTEM poñendo o foco de forma crucial na educación primaria e o desenvolvemento temperán. Por medio de aulas e actividades extraescolares, emprégase a astronomía para inspirar as científicas do futuro, ao tempo que permite que o alumnado, os pais e as nais e os e as docentes vexan como se pode desenvolver unha carreira tendo en conta a desigualdade de xénero e racial que afecta as CTEM.

Podes aprender máis sobre o proxecto aquí: http://www.astro4dev.org/blog/category/molo-mhlaba/

6) Conferencia sobre educación astronómica da comisión C1 da IAU e AstroEdu: investigación básica e práctica 2019

Do 16 ao 18 de setembro de 2019, ESO acollerá a primeira dunha serie de conferencias regulares, bienais, sobre educación astronómica, co animo de incrementar a calidade, a cantidade, a comunidade e o impacto da investigación e a práctica en educación astronómica. A conferencia, que terá lugar no novo planetario Supernova e centro de visitantes do ESO, pretende xuntar xente dedicada á astronomía, á investigación en educación astronómica e a divulgación e educación para comunicar, debater e abordar asuntos comúns. A conferencia proporcionará ademais á comunidade unha oportunidade para discutir os resultados en educación astronómica derivados do Plan Estratéxico IAU 2010-2020 e os requisitos para cumprir os obxectivos do próximo plan estratéxico.

Para saber máis: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann19018/?lang

7) Os astrónomos e as astrónomas convídannos a poñerlle nome a un obxecto do cinto de Kuiper

Tres profesionais da astronomía, Meg Schwamb, Mike Brown e David Rabinowitz, están convidando ao público a poñerlle nome a un obxecto do cinto de Kuiper no sistema solar exterior. Descuberto en 2007, ao obxecto deulle a designación 2007 OR10 o Minor Planet Center en novembro de 2009, mais carece aínda dun nome permanente. O equipo pide agora ao público que se implique na elección do nome para este obxecto, a través dunha votación en liña. A votación pecha o 10 de maio de 2019, logo do cal o equipo descubridor someterá o nome máis popular á consideración da IAU.

Para saber máis: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann19021/

8) Celebrando o Ano Internacional das Linguas Indíxenas coa astronomía

Axuda a crear conciencia sobre a alarmante cifra de linguas que desaparecen no mundo destacando a importancia do coñecemento astronómico dos pobos indíxenas e inspirando a outras rexións a tomar medidas para en valor a nosa diversidade cultural.

Podes ler máis nesta ligazón: https://sites.google.com/oao.iau.org/iauoaonews/atn-indigenous-languages

Se queres envolverte no proxecto, podes atoparnos no enderezo electrónico translation@oao.iau.org.

9) Encontros e actividades globais

Aquí podes atopar unha listaxa de conferencias e eventos sobre divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planifica con antelación un ano moi especial para a astronomía, cheo de eventos interesantes!

a) Semana europea da astronomía e ciencias do espazo
Datas: do 24 ao 28 de xuño de 2019
Lugar: Lyon, Francia
Máis información: https://eas.unige.ch//EWASS/

b) V Festival Starmus: un paso de xigante
Datas: do 24 ao 29 de xuño de 2019
Lugar: Berna, Suíza
Máis información: https://www.starmus.com/

c) Día do asteroide
Data: 30 de xuño de 2019
Lugar: todo o mundo
Máis información: http://asteroidday.org/

d) 3º Obradoiro sobre Divulgación e Educación da Astronomía (WDEA III)
Datas: 2 de xullo (Eclipse solar) e do 4 ao 5 de xullo de 2019
Lugar: San Juan, Argentina
Máis información: http://sion.frm.utn.edu.ar/WDEAIII/

e) IAU100: 50º aniversario da chegada á Lúa – Observemos a Lúa!
Datas: 20 de xullo de 2019
Lugar: todo o mundo
Máis información: https://www.iau-100.org/moon-landing-anniversary

f) Conferencia sobre educación astronómica: Investigación aplicada e práctica
Datas: do 16 ao 18 de setembro de 2019
Lugar: Garching, Múnic, Alemaña
Máis información: http://iau-dc-c1.org/astroedu-conference/

g) IAUS358: Astronomía para a Equidade, a Diversidade e a Inclusión – unha folla de ruta para as accións no marco do centenario da IAU
Datas: do 12 ao 15 de novembro de 2019
Lugar: Toquio, Xapón
Máis información: https://iau-oao.nao.ac.jp/iaus358/

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;

-Traducións ao galego, por Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

-Traducións ao español, elaboradas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

-Tradución ao italiano, feitas por Eleonora Piromalli, AstronomiAmo, de Italia, nesta ligazón: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last

-Tradución ao ruso, elaboradas por Artem Mokhnaktin, do Observatorio Astronómico Central da Academia Rusa das Ciencias en Pulkovo. Podes atopar as últimas traducións do boletín aquí.

-Tradución ao portugués elaborada por Catarina Leote e João Ferreira a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica (o número anterior do boletín está aquí).

Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2019!

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.