Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Outubro 2019 #1

Neste boletín:

0) Nota dos editores
1) Diplomacia astronómica – unha conferencia IAU100 en París
2) Nomeamento do novo visitante interestelar: 2I/Borisov
3) Informe anual da oficina IAU de astronomía para o desenvolvemento (IAU OAD)
4) Aberta a inscrición para o IAUS 367 sobre educación e patrimonio na era do “big data” en astronomía
5) IAU100 lanza o proxecto global Día da Astronomía nas Escolas
6) Anunciadas as persoas gañadoras do concurso de arte infantil “Baixo unha Lúa”
7) LanzadaSpaceEU nun dos maiores festivais de ciencia do mundo
8) Concurso nas redes sociais para lanzar as celebracións dos 30 anos do Hubble
9) Reunións e eventos globais
10) Boletín Informativo de Divulgación de Astronomía da IAU noutros idiomas
11) Contribucións ao Boletín de Divulgación da IAU

0) Nota dos editores

Prezados amigos, amigas e colegas,

Nas últimas dúas semanas, a nosa oficina estivo ocupada rematando os detalles organizativos do primeiro Simposio IAU sobre astronomía para a equidade, a diversidade e a inclusión. Agora que nos achegamos rapidamente ao 12 de novembro, o noso equipo no NAOJ está asegurándose de que poidamos darlle a mellor das benvidas ás case 130 persoas participantes que veñen ao campus de Mintaka. Mais antes do simposio, a finais de outubro lanzaremos o número 26 da revista Communicating Astronomy with the Public. Estamos traballando agora nos últimos contidos e agardamos compartila coa comunidade axiña.

Neste número, destacamos o lanzamento do informe anual da oficina IAU de astronomía para o desenvolvemento, o IAUS 367 sobre educación e patrimonio na era do “big data” en astronomía e o nomeamento do novo visitante interestelar.

Desexámosvos ceos despexados!

Lina Canas e Izumi Hansen, en nome do equipo da Oficina de Divulgación de Astronomía da IAU

1) Diplomacia astronómica – unha conferencia IAU100 en París

No contexto das celebracións do centenario da IAU, celebrouse unha conferencia en París o 4 de outubro, co tema “Diplomacia astronómica: cando a IAU tende pontes entre as nacións”. Nacida logo da I Guerra Mundial, a IAU tivo que lidar con moitas crises e conflitos entre as nacións ao longo da súa historia, e xogou un rol importante para tender pontes entre os astrónomos e as astrónomas.

Podes ler máis información aquí: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann19056/

2) Nomeamento do novo visitante interestelar: 2I/Borisov

Un novo obxecto do espazo interestelar foi atopado no sistema solar: é apenas o segundo descubrimento deste tipo. Os e as astrónomas están poñendo os seus telescopios en dirección ao visitante, que ofrece unha visión fascinante máis alá do sistema solar e levanta algunhas cuestións importantes. A IUA deulle ao obxecto o nome 2I/Borisov.

Máis información: https://www.iau.org/news/pressreleases/detail/iau1910/

3) Informe anual da oficina IAU de astronomía para o desenvolvemento (IAU OAD)

A IAU OAD publicou o seu informe anual para o curso 2018-2019, que resume as actividades da oficina e as delegacións rexionais no último ano. Mentres as edicións anuais precedentes tales como o Yearbook (https://cloudcape.saao.ac.za/index.php/s/XyOZ1UwaZaWZH2i) se enfocaban exclusivamente nos proxectos financiados, este informe anual achega unha visión holística da IAU OAD. Por primeira vez, inclúe información sobre os proxectos e temas emblemáticos, o impacto de proxectos financiados con anterioridade pola IAU OAD, proxectos especiais e actividades etc.

Podes atopar o informe anual no enderezo http://www.astro4dev.org/downloads/

4) Aberta a inscrición para o IAUS 367 sobre educación e patrimonio na era do “big data” en astronomía

A IAU organizará o IAUS 367 Educación e patrimonio na era do “big data” en astronomía. Este simposio quere definir unha visión global da educación e o patrimonio no marcos dos obxectivos da IAU e tratar temas relacionados coa meta-análise da investigación en educación astronómica, alfabetización astronómica, innovacións en metodoloxías educativas, “big data” en educación astronómica e educación inclusiva, entre outros asuntos. O simposio terá lugar en San Carlos de Bariloche, Arxentina, do 9 ao 14 de decembro de 2020. O rexistro e a recepción de resumos está aberta e pechará o 31 de xullo de 2020. Haberá bolsas de apoio para a viaxe.

Máis información dispoñíbel aquí: http://sion.frm.utn.edu.ar/iaus367/

5) IAU100 lanza o proxecto global Día da Astronomía nas Escolas

A iniciativa “Día da Astronomía nas Escolas” é un proxecto global IAU100 coa visión de mobilizar a comunidade astronómica para que organice actividades nas escolas. É unha oportunidade especial para os e as estudantes para interactuar directamente e relacionarse con astrónomos e astrónomas nas súas comunidades e aprender o importante rol da astronomía nas nosas vidas.

Podes descubrir como participar aquí: https://www.iau-100.org/astronomy-day-in-schools-launch

6) Anunciadas as persoas gañadoras do concurso de arte infantil “Baixo unha Lúa”

Recibimos máis de 400 obras de todo o mundo para participar no concurso de arte infantil “Baixo unha Lúa” dentro do proxecto global IAU100 “50 anos da chegada á Lúa”. Foron elexidas tres persoas como gañadoras.

As obras e toda a información está dispoñíbel aquí: https://www.iau-100.org/under-one-moon-winners-announcement

7) LanzadaSpaceEU nun dos maiores festivais de ciencia do mundo

SpaceEU fomenta unha comunidade espacial europea nova, creativa e inclusiva a través dun programa único de educación e concienciación pública para despertar o interese da mocidade polas materias CTEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Artes e Matemáticas) e para animalos a considerar carreiras relacionadas co espazo. Céntrase especialmente nas nenas e nos colectivos desfavorecidos. O 5 de setembro, SpaceEU foi lanzado no Festival Ars Electronica de Linz, un dos maiores festivais de ciencia, tecnoloxía e arte do mundo. Este proxecto está coordinado polo Observatorio Leiden.

Máis información dispoñíbel aquí: https://www.universiteitleiden.nl/en/news/2019/09/outreach-programme-spaceeu-launched-at-one-of-worlds-largest-science-festival

8) Concurso nas redes sociais para lanzar as celebracións dos 30 anos do Hubble

En abril de 2020 o Telescopio Espacial Hubble da NASA / ESA celebrará 30 anos dende o seu lanzamento. Hubble permitiunos afondar nun coñecemento dos primeiros anos do Universo que non se cría posíbel, xogou un papel crítico no descubrimento da expansión acelerada do Universo e observou as atmosferas dos planetas ao redor de estrelas distantes. Transformou o xeito en que o público ve o universo mediante imaxes impresionantes e profundas, desde estrelas acabadas de nacer até ás galaxias máis antigas coñecidas. Para celebrar estas tres décadas de éxito en ciencia, enxeñaría e cultura, ESA / Hubble presentará unha serie de iniciativas para implicar ao público nas celebracións.

Máis información: https://www.spacetelescope.org/announcements/ann1909/

9) Encontros e actividades globais

Aquí podes atopar unha listaxe de conferencias e eventos sobre divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planifica con antelación un ano moi especial para a astronomía, cheo de eventos interesantes!

a) IAUS358: Astronomía para a Equidade, a Diversidade e a Inclusión – unha folla de ruta para as accións no marco do centenario da IAU
Datas: do 12 ao 15 de novembro de 2019
Lugar: Toquio, Xapón
Máis información: https://iau-oao.nao.ac.jp/iaus358/

b) Arte, Visualisación e Cosmos na Educación
Datas: 5 e 6 de decembro de 2019
Lugar: Melbourne, Victoria, Australia
Máis información: https://www.deakin.edu.au/about-deakin/events/art-visualisation-and-the-cosmos-in-education

c) Conferencia Educación e investigación con telescopios robóticos
Datas: do 8 ao 11 de decembro de 2019
Lugar: Melbourne, Victoria, Australia
Máis información: https://rtsre.net/

d) Primeiro obradoiro Shaw-IAU de “Astronomía para a educación”
Datas: do 17 ao 19 de decembro de 2019
Lugar: París, Francia
Máis información: https://www.iau.org/education/oae/shaw-iau-workshop/

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;

-Traducións ao galego, por Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

-Traducións ao español, elaboradas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

-Tradución ao italiano, feitas por Eleonora Piromalli, AstronomiAmo, de Italia, nesta ligazón: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last

-Tradución ao ruso, elaboradas por Artem Mokhnaktin, do Observatorio Astronómico Central da Academia Rusa das Ciencias en Pulkovo. Podes atopar as últimas traducións do boletín aquí.

-Tradución ao portugués elaborada por Catarina Leote e João Ferreira a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica (o número anterior do boletín está aquí).

Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2019!

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.