-A observación terá lugar no Parque dos Menhires, na contorna da Torre de Hércules, a partir das 22:00

Eclipse

Na noite do venres 27 de xullo terá lugar unha eclipse total de Lúa visíbel en Galicia. A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío guiará unha observación aberta ao público na Coruña no Parque dos Menhires, na contorna da Torre de Hércules, desde que comeza a eclipse, arredor das 22:00, até que conclúa. Esta actividade celebrámola en colaboración coa Torre de Hércules e o Consorcio de Turismo da Coruña.

Eclipse de Lúa

Unha eclipse de Lúa é o escurecemento, máis ca ocultación, do noso satélite pola sombra da Terra, que se interpón na chegada directa da luz solar. Para iso é preciso que os tres corpos estean en liña, coa Terra entre o Sol e a Lúa, xeometría característica de cada Lúa Chea. Mais como a órbita da Lúa arredor da Terra está lixeiramente inclinada -uns 5º- respecto do plano de xiro da Terra arredor do Sol, as máis das veces a sombra da Terra non pasa sobre a Lúa. O perfecto aliñamento dos tres corpos que permite as eclipses dáse só nos “nodos”, puntos de corte da órbita da Lúa coa eclíptica (o camiño aparente do Sol respecto do firmamento de fondo).

Por que falan agora de “Lúa de sangue”?

As compoñentes azuis da luz solar esparéxense máis facilmente e por iso de día vemos o ceo de cor azul. Na caída da tarde os raios de Sol chégannos máis inclinados e atravesan unha capa máis grosa da atmosfera; o esparexemento é tan intenso que a cor azul practicamente desaparece e predominan as cores alaranxadas e vermellas típicas do solpor.

Un fenómeno equivalente acontece nas eclipses de Lúa. A Lúa entra na zona de sombra que provoca a Terra mais non desaparece de todo, pois aínda que deixa de estar iluminada polo Sol pasa a estar iluminada de forma feble e indirecta pola Terra. Á Lúa chega luz filtrada pola atmosfera da Terra e, igual que no solpor, as cores dominantes son as vermellas. De aí o de “Lúa de sangue”, mais pola mesma razón poderíamos chamala “Lúa de tomate” ou “Lúa de cobre”, segundo gustos.

O aspecto da Lúa nunha eclipse varía desde a case total escuridade até unha cor cobre brillante, e a súa observación serviu no pasado para avaliar o estado da nosa atmosfera.

A eclipse de Lúa do 27 de xullo

Na eclipse de mañá a Lúa asomará no ceo da Coruña sobre as 22:00 xa oculta pola sombra da Terra (e en consecuencia verémola saír sobre o horizonte de cor vermella). A fase de totalidade remata ás 23:13; a partir dese momento e durante 66 minutos a Lúa irá liberándose da sombra terrestre.

A Lúa pasa mañá polo “apoxeo”, o punto da súa órbita no que se atopa máis lonxe da Terra. O noso sistema visual, en calquera caso, non é capaz de atopar diferenzas entre a Lúa no apoxeo (máis afastada e en consecuencia “máis pequena”) e a Lúa no perixeo (máis perto e polo tanto “máis grande”): os 50000 quilómetros de maior distancia nun caso respecto do outro son insuficientes para apreciarmos cambio algún no tamaño do disco lunar. Desta volta, iso si, libramos de escoitar o tópico da “súper-Lúa”. A de mañá, máis ben, sería unha “eclipse de mini-Lúa”, mais o certo é que para os nosos ollos será tan “mini” ou tan “súper” como calquera outra Lúa Chea do ano.

E ademais da eclipse, Marte

O 27 de xullo Marte pasa pola oposición, co cal poderemos ver o planeta vermello ao longo de toda a noite e co máximo brillo anual. Durante todo o verán Marte será o obxecto puntual máis brillante do ceo nocturno, só superado, como é usual, polo planeta Venus, visíbel estes meses na posta de Sol. Ademais de Marte, están en magníficas condicións de observación os planetas Xúpiter e Saturno.