vialacteaPC
Fotografía de Óscar Blanco

Fundación Starlight, creada en 2009, é unha entidade sen ánimo de lucro cuxa finalidade é desenvolver accións e programas que defendan o ceo coma recurso necesario para a vida e patrimonio intanxíbel da humanidade. Unha das súas liñas de actuación é a de outorgar recoñecementos aos lugares do planeta que sobresaen pola excelencia dos seus ceos estrelados. Dende onte A Veiga é un deses lugares privilexiados, o primeiro de Galicia e o décimocuarto do mundo en recibir a certificación “Destino Turístico Starlight“.

Con esta designación a Fundación recoñece non só as magníficas cualidades naturais para a observación do ceo que ten A Veiga, senón o esforzo por evitar a contaminación lumínica que o converte nun espazo idóneo para o turismo astronómico. Os destinos Starlight deben posuír ou promover infraestruturas e accesibilidade que permitan desenvolver unha oferta turística sostíbel. Ademais, para distinguirse coma destino Starlight A Veiga debeu verificar unhas esixentes condicións de calidade do ceo en canto a número de noites despexadas (máis dun 50%), escuridade do ceo (>21 mag/arcsec2), seeing (>3″) e transparencia (>magnitude 6). No proceso de medicións participaron activamente os nosos compañeiros Óscar Blanco e Pablo Canedo; o seu traballo, merecente de aplauso, foi decisivo para acadar este gran éxito para a astronomía en Galicia. Que sexa o primeiro de moitos!