Dende hoxe está dispoñible no canal de Youtube da IDA, International Dark-Sky Association, a versión galega da curtametraxe documental Losing the Dark (A perda da escuridade). O filme foi producido en 2013 pola IDA en colaboración con Loch Ness Productions e resume en seis minutos a diversidade de problemas asociados á contaminación luminosa e as súas posibles solucións.

A preparación dunha versión galega deste documental foi unha iniciativa da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, que con ese obxectivo se puxo en contacto coa IDA hai xa varios meses. Da tradución do texto en inglés encargáronse Salva Bará (Universidade de Santiago de Compostela) e Martin Pawley (Agrupación Astronómica Coruñesa Ío). O traballo de locución correu a cargo de Belén Regueira, asistida na gravación de son por Xavier Facal. Marcos Pérez (Casa das Ciencias da Coruña / Agrupación Astronómica Coruñesa Ío) fixo a sincronización do audio galego co vídeo e finalmente Mark C. Petersen (Loch Ness Productions) encargouse da mestura final da locución galega coa música e os efectos de son orixinais.

Coa versión galega que acaba de publicarse na rede xa son dezaoito as linguas en que está dispoñible o vídeo, que pode usarse de balde con finalidade didáctica e educativa [1].

[1] Licencia “Creative Commons” de uso do vídeo: Recoñecemento-NonComercial-SenObraDerivada. Non se permite un uso comercial da obra orixinal nin a xeración de obras derivadas.