O noso compañeiro Ángel Arós dirixe outro ano máis o curso da Universidade da Coruña sobre astronomía visual e fotográfica. Entre os poñentes, ademais do propio Ángel, a profesora da UDC e socia da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío Minia Manteiga, o socio Borja Tosar e o profesor da Universidade de Santiago Salva Bará. A Agrupación Ío colabora co curso cunha observación astronómica en Guitiriz.

CursoBásico

«Encadrado no programa de cursos de verán da Universidade da Coruña, o Curso Básico de Astronomía Visual e Fotográfica persegue contribuír a recuperar e propagar o coñecemento dos ceos nocturnos e estimular o interese dos asistentes pola observación astronómica.

Partindo do máis básico, coma a localización dos puntos cardinais ou o recoñecemento de constelacións e planetas, trataremos tamén de elementos de mecánica celeste coma, por exemplo, as fases lunares ou os eclipses, de fenómenos coma as auroras, de exploración planetaria… e revisaremos as teorías cosmolóxicas máis aceptadas pola comunidade científica hoxe en día.

Terá lugar do 18 ao 21 de Xullo de 2016 na Facultade de Informática do Campus de Elviña.

É imprescindible inscribirse. A inscrición é electrónica. Toda a información e enlaces para inscribirse aquí«.