Dentro do ciclo de cinema que organiza a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, esta semana na Sala Fernando Rey do Fórum Metropolitano poderá verse Planeta prohibido de Fred M. Wilcox, clásico da sci-fi estadounidense inspirado n’A Tempestade de Shakespeare. As sesións serán o xoves 14, venres 15 e sábado 16 ás 20:30. Proxectarase unha copia en 35 mm en versión orixinal subtitulada. Na sesión do venres haberá presentación e coloquio co crítico e programador cinematográfico e actual Concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento José Manuel Sande.

ForbiddenPlanet2 LDPLANETA PROHIBIDO (FORBIDDEN PLANET, 1956)

EEUU. 98 minutos.
Dirección: Fred M. Wilcox
Guión: Cyril Hume, baseado nunha historia de Irving Block e Allen Adler. Inspirada n’A Tempestade de William Shakespeare.
Fotografía: George J. Folsey (cor)
Montaxe: Ferris Webster
Dirección artística: Cedric Gibbons e Arthur Lonergan
Vestiario: Walter Plunkett e Helen Rose
Música: Louis e Bebe Barron
Produtor: Nicholas Nayfack
Produción: MGM
Elenco: Walter Pidgeon (Dr. Morbius), Anne Francis (Altaira Morbius), Leslie Nielsen (Comandante Adams), Robby o Robot.

Candidata ao Oscar aos mellores efectos especiais (A. Arnold Gillespie, Irving G. Ries e Wesley C. Miller) en 1957.

Incluída no “National Film Registry” da Biblioteca do Congreso dos EEUU en 2013.

“Dirixida por Fred M. Wilcox, esta produción da MGM é un dos filmes seminais da ciencia ficción dos anos 1950, un xénero que se viu revitalizado e fortalecido despois da II Guerra Mundial e dentro da nova era post-nuclear dos Estados Unidos. Vagamente inspirada n’A Tempestade de William Shakespeare, Planeta prohibido é tanto unha historia épica e unha alegoría, unha parábola oportuna sobre os perigos do poder ilimitado e a tecnoloxía desenfreada. Desde a súa realización, o filme foi unha inspiración para xeracións de visionarios da ficción especulativa, entre eles Gene Roddenberry (Star Trek). Coa súa pegada literaria e os moi influentes efectos especiais e estilo visual, o filme alargou as fronteiras da ciencia ficción cinematográfica. Por primeira vez, toda a acción acontecía de maneira intergaláctica (non na Terra) e os humanos son mostrados coma viaxeiros espaciais que se desprazan con normalidade até os confíns do cosmos. Ademais, Planeta prohibido é lembrada pola súa «música» innovadora -ou pola súa ausencia. Non hai música propiamente na banda sonora do filme; en vez diso hai sons ambientais e tonalidades electrónicas creadas por Louis e Bebe Barron. Walter Pigdeon, Leslie Nielsen, Anne Francis e, no seu debut, Robbie o Robot, conforman o elenco do filme”.

Texto de presentación do filme no National Film Registry