Dende ben cativo gustei de mirar as estrelas, mais daquela non sabía distinguilas dos planetas.

Cando por fin ollei por primeira vez Saturno a través dun telescopio, namoreime definitivamente da Astronomía. Poder ver cos meus ollos os aneis que rodeaban aquel mundo impresionoume e fíxome desexar velo máis de preto, mais por moitos aumentos que lle metese ao telescopio a vista seguía sendo aproximadamente a mesma. Xa vira moitas fotografías de Saturno e parecíame marabilloso pola perfección dos seus aneis, mais quedábame por vivir a época que nos abriu a sonda Cassini-Huygens.

Cassini-Huygens é un proxecto da ESA, a NASA e mais a ASI destinada a estudar Saturno e as súas lúas. Despegou de Cabo Cañaveral o 15 de outubro de 1997 e chegou á órbita de Saturno o 1 de xullo de 2004, case 7 anos de viaxe polo espazo aproveitando a asistencia gravitacional da Terra, Venus e Xúpiter, sacando imaxes nunca vistas destes planetas, asteroides que atopou no seu camiño polo sistema solar e descubrindo novos satélites descoñecidos até daquela.

A duración da misión estaba calculada para 4 anos, mais sufriu dúas ampliacións e chegou até os nosos días. Como está a rematar o combustible e para que non quede vagando polo espazo e poida contaminar algunha lúa ou ao propio Saturno, preferiron desintegrala na atmosfera deste planeta.

A sonda Huygens desprendeuse da Cassini o día 25 de decembro de 2004 para pousarse na superficie de Titán, a lúa máis grande de Saturno o 15 de xaneiro de 2005. Amosounos imaxes dun novo mundo. Pola súa parte, Cassini continuou a súa viaxe fotografando e estudando tanto os aneis como as tormentas de Saturno cunha definición que nunca poderemos esquecer. Tamén, fotografou Mimas, que nos sorprendeu polo seu parecido coa «Estrela da morte» da saga Stars Wars. En marzo deste mesmo ano enviounos fotos da lúa pastora Pan que semella un “ravioli” ou unha empanadilla. Pareidolia pura e dura, mais divertida.

No sobrevoo das lúas, descubriu en Encélado a súa superficie xeada e as «plumas» de auga expulsada no seu polo sur, descubrindo que conteñen dióxido de carbono e hidróxeno molecular, o que da pé a preguntarse pola posibilidade de que existan os materiais nos que se basea a vida. Atopou probas tamén dun gran depósito de auga salgada baixo a codia.

Na última etapa da súa vida, Cassini realizou 22 arriscadas inmersións entre Saturno e os seus aneis obtendo datos sobre os campos magnéticos e a gravidade do planeta e das partículas e materiais que forman os aneis. Continuará enviando datos cando se dirixa camiño da súa destrución ao enfocar a súa antena cara á Terra e perderemos o contacto con ela ás 13:55 ( hora local ) do 15 de setembro de 2017.

Por todos eses descubrimentos que nos amosou e por toda a ciencia que está por vir cando se analicen os datos que enviou e enviará, moitísimas grazas, Cassini. Foi unha honra vivir esta aventura contigo.

Imaxe: NASA.

Escrito por Xoán Cardelle (Presidente da Agrupación Ío)

1 Comment

  1. Alfredo 15 de septiembre de 2017 at 15:00 03Fri, 15 Sep 2017 15:00:22 +020022.

    Sen dúbida unhas das mellores misións da ESA, NASA e ASI. Fermosas as imaxes e datos de valor incalculable 😉