IAU Boletín Blog

Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Xullo 2018 #1

Neste boletín:

0) Nota dos editores
1) Rede de Tradución Astronómica: novos recursos dispoñíbeis en liña
2) “Debate e Obradoiro conxunto CIE-IAU” e “Mitigar a contaminación luminosa e a interferencia de radio a través da protección de lugares e a educación”
3) Novas de España
4) Novas de Colombia
5) Novas de Armenia
6) Novas de Xapón
7) Novas da Arxentina
8) MOOC “O noso lugar no universo”
9) Encontros e actividades globais de 2018
10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas
11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2018!

0) Nota dos editores

Nas últimas semanas, o noso equipo estivo traballando na reestruturación da nosa rede de Coordinación da Divulgación Nacional (NOC). O período de tres anos de cada NOC está chegando ao seu final e as persoas que serán designadas para a coordinación en cada país anunciaranse durante a Asemblea Xeral da IAU. Axiña haberá máis noticias sobre o proceso de nomeamento.

A nosa amiga e talentosa colega Yukiko Shibata deixa a oficina esta semana. Desexámosche todo o mellor, amiga, e botarémoste en falta! Yukiko liderou brillantemente a Rede de Tradución Astronómica durante o pasado ano e deixará a Rede en boas mans coa nosa colega Berenice Himmelfarb.

Neste número, destacamos as últimas novas da nosa Rede de Tradución Astronómica, o II Congreso Latinoamericano de Astrobioloxía en Colombia e o Debate e Obradoiro conxunto CIE-IAU que terá lugar durante a próxima asemblea xeral.

O noso equipo quere darlle as grazas aos nosos contactos en Armenia, España, Xapón, Colombia e Arxentina pola súa contribución con noticias dos seus países, que fan deste número algo especial e proban unha vez máis como a educación astronómica e as actividades de divulgación proliferan a nivel local e nacional, promovendo a inclusión e a diversidade coa astronomía como terreo común para unir xente.

Desexámosvos unha feliz lectura e ceos despexados!

O equipo da Oficina para a Divulgación da Astronomía da IAU

1) Rede de Tradución Astronómica: novos recursos dispoñíbeis en liña

Grazas ao esforzo de case douscentos voluntarios e voluntarias na tradución, corrección, revisión científica e coordinación a través da plataforma Rede de Tradución Astronómica, foron vertidos a diferentes linguas novos recursos astronómicos que xa están dispoñíbeis no sitio web da Rede. Convidámosvos a testalos e usalos nas vosas actividades de educación e divulgación da astronomía.

Moitos máis recursos estarán dispoñíbeis nas próximas semanas, así que recorda visitar o noso sitio web para comprobar as actualizacións. Únete a nós e axuda a levar a astronomía ao teu idioma. Comentarios, ideas e suxestións son benvidas. Podes atoparnos en translation@oao.iau.org!

2) “Debate e Obradoiro conxunto CIE-IAU” e “Mitigar a contaminación luminosa e a interferencia de radio a través da protección de lugares e a educación”

A Comisión C.B7 da Unión Astronómica Internacional sobre Protección de Sitios de Observación Existentes ou Potenciais convídavos a un encontro de dous días que durante a Asemblea Xeral da IAU se centrará nos problemas da contaminación luminosa e a interferencia de radio e as súas solucións. O encontro terá lugar no Observatorio Kuffner de Viena, Austria, o venres 24 e o domingo 26 de agosto. Non hai cota de rexistro para os membros da IAU. O segundo día tres paneis de debate achegarán oportunidades para compartir preocupacións e solucións. Se asistides, a organización convídavos a propoñer un póster enviando un título e un resumo cun máximo de 200 palabras a Constance Walker (cwalker[at]noao.edu) antes do 1 de agosto de 2018.

3) Novas de España

A astrónoma Caroline Herschel dalle nome a unha Aula de Astronomía

O pasado mes de marzo o Complexo Astronómico “La Hita” (La Puebla de Almoradiel, Toledo, España) abriu ao público unha nova aula de astronomía que leva o nome da astrónoma Caroline Herschel. A aula destaca o papel das mulleres astrónomas de todas as épocas. O complexo astronómico está aberto ao público e é visitado principalmente por grupos de escolas e estudantes da universidade. Os datos tomados polos seus telescopios contribúen a proxectos de investigación astronómica tanto no ámbito profesional como no amador.

Podes saber máis deste proxecto aquí: https://fundacionastrohita.org/aula-didactica/

Grazas a Amelia Ortiz-Gil, a nosa coordinadora de divulgación nacional en España, por compartir a noticia.

4) Novas de Colombia

II Congreso Latinoamericano de Astrobioloxía (II CLA)

O II Congreso Latinoamericano de Astrobioloxía (II CLA) “A vida no universo desde o punto de vista da xeoloxía planetaria” celebrarase en Bogotá, Colombia, do 23 ao 28 de xullo. É un evento internacional que reúne a estudantes e profesionais de ciencia e a enxeñaría para debater os últimos resultados en investigación astrobiolóxica. Considerando o crecente interese da comunidade científica latinoamericana no estudo, investigación e difusión dos asuntos relacionados coa astrobioloxía e as ciencias planetarias, o II CLA é unha oportunidade para compartir experiencias entre institucións académicas e centros de investigación, estudantes, clubs de ciencia e outras persoas interesadas, e para expandir redes de traballo e fomentar futuras colaboracións.

Podedes atopar máis información (en español) nesta ligazón: http://cla.unal.edu.co/

Grazas a Carlos Molina, o noso coordinador de divulgación nacional en Colombia, por compartir a noticia.

5) Novas de Armenia

Conferencias “Do espazo á escola”

A Sociedade Astronómica Armenia xunto co Observatorio Astrofísico Byurakan (BAO) desenvolveu con éxito o proxecto de conferencias “Do espazo á escola” co apoio do Fondo de Socorro de Armenia. En trinta escolas celebrouse unha presentación xeral sobre as “Marabillas do Universo” a cargo de cinco conferenciantes. As presentacións incluían información sobre a astronomía moderna e a súa historia, achegas actuais na astronomía, as achegas do BAO lideradas polo destacado científico Viktor Ambartsumian e importantes profesionais da astrofísica, e moitas fermosas imaxes do universo.

Podes ler un informe sobre o proxecto aquí.

Grazas a Sona Farmanyan, contacto de divulgación nacional en Armenia, por compartir esta nova.

6) Novas de Xapón

Ciencia no pub en Fukuoka

Desde 2007, celebráronse 31 sesións de “Ciencia no pub en Fukuoka”, cun promedio de tres sesións por ano. É un evento de debate libre con comida e bebida no que participan profesionais da investigación en astronomía mais tamén público xeral, incluídas as persoas que practican astronomía a nivel amador e astrofotografía. As persoas participantes conversan sobre acontecementos astronómicos recentes, novos resultados de investigación e comparten o seu traballo astrofotográfico. A próxima sesión, a número 32, terá lugar o 21 de xullo de 2018 na zona da estación Hakata, en Fukuoka, Xapón. Que non vos dea medo ir por primeira vez, sempre vos darán a benvida!

Máis información (en xaponés), aquí ou contactando co Dr H. Yamaoka (coordinación de divulgación nacional en Xapón) vía hitoshi.yamaoka[at]nao.ac.jp.

Grazas a Hitoshi Yamaoka, NOC no Xapón, por compartir a noticia.

7) Novas da Arxentina

3º Obradoiro sobre Divulgación e Educación da Astronomía (WDEA III)

Logo do éxito das primeiras edicións, WDEA I na cidade de Córdoba durante o Ano Internacional da Astronomía (2009) e WDEA II en Esquel en 2017, aproveitando a eclipse anular de Sol, a organización convídavos a participar no 3º Obradoiro sobre Divulgación e Educación da Astronomía (WDEA III). O obradoiro terá lugar na cidade de San Juan, Arxentina, o 4 e 5 de xullo de 2019, logo da eclipse total de Sol que cruzará o territorio arxentino do oeste ao leste atravesando 1200 km o 2 de xullo.

Máis información en http://sion.frm.utn.edu.ar/WDEAIII/

8) MOOC “O noso lugar no universo”

A Universidade de Hong Kong ofrece un MOOC (curso masivo e aberto en liña) gratuíto chamado “O noso lugar no universo” para profesorado de ciencias en exercicio e docentes en formación. Este curso enfócase na evolución da percepción humana do mundo a través dos tempos, así como o desenvolvemento do pensamento científico a través de moitos exemplos da historia da astronomía. “O noso lugar no universo” leva as persoas participantes nunha viaxe visual polo universo de catro semanas.

Podedes ver o trailer e encontrar máis información aquí. Podedes seguir tamén as novas en Facebook e consultar outros cursos en liña.

9) Encontros e actividades globais de 2018

Podes atopar aquí unha listaxe de eventos e conferencias de divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planifica un ano cheo de acontecementos interesantes!

Engadido hai pouco

3º Obradoiro sobre Divulgación e Educación da Astronomía (WDEA III)
Datas: 2 de xullo (Eclipse solar) e do 4 ao 5 de xullo de 2019
Lugar: San Juan, Argentina
Máis información: http://sion.frm.utn.edu.ar/WDEAIII/

Próximas actividades

a) Campamento Internacional para a Promoción da Ciencia (ISEC)
Data: do 6 ao 22 de xullo de 2018
Lugar: Barcelona, España
Máis información: http://www.isec2018.wordpress.com/

b) 5ª Conferencia Europea de Xornalistas de Ciencia
Data: 8 de xullo de 2018
Lugar: Toulouse, Francia
Máis información: https://www.ecsj2018.eu/)

c) ESOF (EuroScience Open Forum) 2018
Datas: do 9 ao 14 de xullo de 2018
Lugar: Toulouse, France
Máis información: https://www.esof.eu/en/

d) Committee on Space Research – COSPAR
Datas: do 14 ao 22 de xullo de 2018
Lugar: Pasadena, California (EEUU)
Máis información: http://cospar2018.org/

e) Conferencia Robotic Telescopes, Student Research and Education (RTSRE)  & Cimeira InterNational Astronomy Teaching
Datas: do 22 ao 27 de xullo de 2018
Lugar: Hilo, Hawai’i, EEUU
Máis información: rtsre.org

f) Asemblea Xeral da IAU
Datas: do 20 ao 31 de agosto de 2018
Lugar: Viena, Austria
Máis información: http://astronomy2018.univie.ac.at/

g) ASP2018: Astronomía para todas as persoas – Conferencia sobre educación, comunicación e diversidade en ciencia
Data: do 10 ao 13 de setembro de 2018
Lugar: Sonoma Wine Country, CA
Máis información: https://www.astrosociety.org/about-us/asp-annual-meetings/asp-2018-annual-meeting/

h) Congreso Europeo de Ciencia Planetaria
Datas: do 16 ao 21 de setembro de 2018
Lugar: Berlín, Alemaña
Máis información: https://www.epsc2018.eu/

i) Conferencia .Astronomy
Datas: do 24 ao 27 de setembro de 2018
Lugar: Baltimore, EEUU
Máis información: https://www.dotastronomy.com/

l) Congreso Xeración Espacial
Datas: do 27 ao 29 de setembro de 2018
Lugar: Bremen, Alemaña
Máis información: https://spacegeneration.org/sgc2018

m) Congreso Aeronáutico Internacional
Datas: do 1 ao 5 de outubro de 2018
Lugar: Bremen, Alemaña
Máis información: http://www.iafastro.org/events/iac/iac-2018/

n) Semana Mundial do Espazo
Datas: do 4 ao 10 de outubro de 2018
Lugar: todo o mundo
Máis información: http://www.worldspaceweek.org/

ñ) Noite Internacional de Observación da Lúa
Datas: 20 de outubro de 2018
Lugar: todo o mundo
Máis información: http://observethemoonnight.org/

o) Fórum Wissenschaftskommunikation
Datas: do 7 ao 9 de novembro de 2018
Lugar: Bonn, Alemaña
Máis información: https://www.wissenschaft-im-dialog.de/en/forum-wissenschaftskommunikation/forum-2018/

p) V Festival Starmus: un paso de xigante
Datas: do 24 ao 29 de xuño de 2019
Lugar: Berna, Suíza
Máis información: https://www.starmus.com/

q) 3º Obradoiro sobre Divulgación e Educación da Astronomía (WDEA III)
Datas: 2 de xullo (Eclipse solar) e do 4 ao 5 de xullo de 2019
Lugar: San Juan, Argentina
Máis información: http://sion.frm.utn.edu.ar/WDEAIII/

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita e Mikako Kuwamura a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;

-Traducións ao galego, pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

-Traducións ao español, elaboradas por:

Emilio Zúñiga, ASAFILE, Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

Basilio Solís-Castillo, estudante de doutorado, Instituto Max Planck de Radioastronomía, Universidade de Bonn: http://astronomia-para-todos.blogspot.de;

Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2018!

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós en 2018! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.