IAU Boletín Blog

Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Setembro 2018 #1

Neste boletín:

0) Nota dos editores
1) Propostas para acoller a Conferencia 2020 “Comunicar Astronomía co Público” (CAP)
2) Posto na IAU: Coordinación de Divulgación Internacional
3) Premio Especial IAU a Carolina Ödman-Govender
4) Gaña un telescopio asinado por astronautas
5) Simulador de ceo escuro
6) Novas do Brasil
7) Únete ás campañas Globe at Night de 2018!
8) Xornal “Space Scoop”: noticias astronómicas para os nenos e nenas, agora tamén dispoñíbel para imprimir
9) Encontros e actividades globais de 2018
10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas
11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2018!

0) Nota dos editores

O noso equipo está de volta no Xapón logo de dúas intensas semanas dándolle a benvida ás persoas de todo o mundo que pasaron polo noso posto da IAU durante a Asemblea Xeral en Viena. Tivemos o pracer de saudar aos colegas, amigos e amigas e volvemos con novas ideas, novas colaboracións, novas amizades, marabillados pola ciencia que se está facendo e coa inspiración que achegan os abraiantes proxectos desenvolvidos en todo o mundo nos campos da divulgación, a educación e o desenvolvemento.

As celebracións do centenario da IAU xa comezaron oficialmente e hai moito en preparación de cara ao ano que vén. Non o perdas! Segue as noticias nas nosas redes sociais e no noso boletín e empeza a prepararte. Fainos saber como vas a celebrar cen anos de astronomía durante 2019.

Neste número, destacamos o concurso IAU100 cun telescopio asinado por astronautas como premio, as campañas de Globe at night, e o simulador de ceo escuro.

E non esquezas que podes unirte ao noso equipo aquí no Xapón! Postula a túa candidatura á Coordinación de Divulgación Internacional até o 15 de outubro de 2018. Estamos desexando darche a benvida!

Desexámosvos unha feliz lectura e ceos despexados!

O equipo da oficina IAU de divulgación astronómica.

1) Propostas para acoller a Conferencia 2020 “Comunicar Astronomía co Público” (CAP)

As conferencias CAP están organizadas pola comisión C2 da Unión Astronómica Internacional co obxectivo de facilitar o intercambio de ideas e boas prácticas no campo da comunicación da astronomía e o espazo, así como a educación informal. A próxima conferencia está marcada para maio de 2020 e o lugar será elixido logo dun período aberto para a recepción de propostas. As institucións interesadas en elevar a comunicación astronómica na súa rexión ao acoller o CAP2020 deben responder un cuestionario inicial e envialo por correo electrónico a cheungszeleung[at]oao.iau.org e osandu[at]partner.eso.org co asunto CAP2020. A data límite para as solicitudes é o 15 de outubro de 2018.

Podes saber máis aquí: https://www.communicatingastronomy.org/cap2020/

2) Posto na IAU: Coordinación de Divulgación Internacional

A Oficina de Divulgación Astronómica (OAO) da Unión Astronómica Internacional é un centro para a coordinación das actividades públicas de divulgación da astronomía en todo o mundo. O obxectivo é facer máis fácil o acceso á información sobre o noso universo e as actividades astronómicas locais e globais ao tempo que se crean redes de apoio e difusión desta información entre as comunidades da astronomía amadora e a divulgación pública. As persoas interesadas deben enviar unha carta de presentación e currículo completo, que inclúa os datos de contacto de polo menos tres referencias, por correo electrónico ao Director Supervisor da OAO IAU, Hidehiko Agata (h.agata[at]nao.ac.jp). O proceso de selección comezará despois do 15 de outubro de 2018.

Máis detalles sobre o proceso, aquí: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann18028/

3) Premio Especial IAU a Carolina Ödman-Govender

Carolina Ödman-Govender foi recoñecida polo seu traballo pioneiro na divulgación astronómica, o desenvolvemento e a educación, cun premio da Unión Astronómica Internacional. O premio, que leva por nome Premio Especial do Comité Executivo para a Divulgación Astronómica, o Desenvolvemento e a Educación, foi entregado na XXX Asemblea Xeral da IAU celebrada en Viena, Austria, en 2018.

Máis información: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann18041/

4) Gaña un telescopio asinado por astronautas

Algunha vez pensaches en ter un telescopio asinado por astronautas? En colaboración coa iniciativa belga Sterren Schitteren voor Iedereen (SSVI) e Universe Awareness (UNAWE), agasallamos dez telescopios refractores Bresser, cada un coa sinatura dun astronauta, para apoiar as actividades educativas coa rapazada en todo o mundo. Estes telescopios serán usados durante o Proxecto Global das 100 horas da astronomía entre o 18 e o 21 de xaneiro de 2019.

Podes ler máis sobre o concurso aquí: https://www.iau-100.org/telescope-competition

5) Simulador de ceo escuro

O simulador de ceo escuro é un proxecto financiado pola Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento co obxectivo de crear un simulador físico baseado en LED que amose os efectos da contaminación luminosa. O simulador consiste nunha placa que simula o ceo estrelado e varias lámpadas LED. A placa simula o ceo nocturno empregando LED de brillo variábel para representar as estrelas de diversas magnitudes e os debuxos das constelacións. O proxecto completou xa un prototipo e todas as instrucións e códigos están dispoñíbeis no seu sitio web.

Podes saber máis sobre o proxecto aquí: http://www.astro4dev.org/blog/category/tf3/open-design-dark-sky-simulator/ e https://darkskysim.com

6) Novas do Brasil

Revista sobre planetarios en portugués

A Associação Brasileira de Planetários (ABP) vén de lanzar o novo número da súa revista “Planetaria”. Planetaria é unha revista de contidos abertos publicada en portugués cada tres meses. Con esta revista electrónica, ABP quere darlle aos profesionais dos planetarios información valiosa na súa área de traballo, para que as e os educadores (principalmente docentes) obteñan o máximo da súa visita ao planetario e amosar que a astronomía é unha ciencia ligada ao día a día cunha forte intención interdisciplinar.

Podes descargar este número de balde aquí ou lelo aquí. Os números anteriores podes atopalos neste enderezo.

7) Únete ás campañas Globe at Night de 2018!

Globe at Night (GaN) é unha campaña internacional de ciencia cidadá que pretende espertar conciencia sobre o impacto da contaminación luminosa convidando á xente a que mida o brillo do ceo e comparta as súas observacións. É doado participar, todo o que precisas é un ordenador ou teléfono. En 2017 houbo en todo o mundo 14753 achegas de datos e no que vai de 2018 van xa 6041! Únete ás campañas e axuda a GaN a conseguir as 15000 medicións este ano!

As datas das campañas no que resta de ano poden atoparse aquí: https://www.globeatnight.org/5-steps.php#d2018

8) Xornal “Space Scoop”: noticias astronómicas para os nenos e nenas, agora tamén dispoñíbel para imprimir

Universe Awareness anunciou o lanzamento do primeiro xornal Space Scoop, que ofrece noticias astronómicas aos nenos e nenas de todo o mundo nun novo formato práctico. Podes descargar e imprimir unha copia para compartila coa rapazada e amosarlles o que comen os buracos negros, a receita para a vida ou simplemente levalos nunha viaxe aos límites do universo. Space Scoop é un servizo de noticias astronómico semanal para a rapazada de máis de oito anos que comparte os últimos descubrimentos de 13 organizacións astronómicas cos nenos e nenas de todo o mundo.

Podes ler máis aquí: http://www.unawe.org/updates/2018-Space-Scoop-newspaper/

9) Encontros e actividades globais de 2018

Podes atopar aquí unha listaxe de eventos e conferencias de divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planifica un ano cheo de acontecementos interesantes!

a) Congreso Europeo de Ciencia Planetaria
Datas: do 16 ao 21 de setembro de 2018
Lugar: Berlín, Alemaña
Máis información: https://www.epsc2018.eu/

b) Conferencia .Astronomy
Datas: do 24 ao 27 de setembro de 2018
Lugar: Baltimore, EEUU
Máis información: https://www.dotastronomy.com/

c) Congreso Xeración Espacial
Datas: do 27 ao 29 de setembro de 2018
Lugar: Bremen, Alemaña
Máis información: https://spacegeneration.org/sgc2018

d) Congreso Aeronáutico Internacional
Datas: do 1 ao 5 de outubro de 2018
Lugar: Bremen, Alemaña
Máis información: http://www.iafastro.org/events/iac/iac-2018/

e) Semana Mundial do Espazo
Datas: do 4 ao 10 de outubro de 2018
Lugar: todo o mundo
Máis información: http://www.worldspaceweek.org/

f) Noite Internacional de Observación da Lúa
Datas: 20 de outubro de 2018
Lugar: todo o mundo
Máis información: http://observethemoonnight.org/

g) Fórum Wissenschaftskommunikation
Datas: do 7 ao 9 de novembro de 2018
Lugar: Bonn, Alemaña
Máis información: https://www.wissenschaft-im-dialog.de/en/forum-wissenschaftskommunikation/forum-2018/

h) V Festival Starmus: un paso de xigante
Datas: do 24 ao 29 de xuño de 2019
Lugar: Berna, Suíza
Máis información: https://www.starmus.com/

i) 3º Obradoiro sobre Divulgación e Educación da Astronomía (WDEA III)
Datas: 2 de xullo (Eclipse solar) e do 4 ao 5 de xullo de 2019
Lugar: San Juan, Argentina
Máis información: http://sion.frm.utn.edu.ar/WDEAIII/

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;

-Traducións ao galego, por Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

-Traducións ao español, elaboradas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2018!

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós en 2018! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.