IAU Boletín Blog

Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Xuño 2017 #1

Neste boletín:

0) Nota dos editores
1) Como compartir os últimos resultados astronómicos co público – sesión especial #APRIM2017
2) Revitalizando a educación e investigación astronómica nas universidades de Myanmar
3) Espazo de contacto da divulgación nacional (NOC): Novas da Arxentina
4) Galileoscope – Kit da eclipse solar
5) Skype cun científico
6) Astronomía para Educación CTEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas)
7) Novos vídeos HD de charlas de astronomía non técnica en Youtube
8) Boletín “Space Awareness”
9) Encontros e actividades globais
10) O boletín de divulgación astronómica da IAU noutros idiomas
11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU

0) Nota dos editores

Para todos os astrónomos profesionais e comunicadores de astronomía que participan no Encontro IAU Rexión Asia-Pacífico (APRIM2017), queremos destacar que haberá unha sesión especial sobre o tema “Como compartir os últimos resultados astronómicos co público” en Taipei, o 7 de xullo.

Neste número, aprenderás máis sobre a plataforma “Skype cun científico”, descubrirás os últimos vídeos das conferencias de astronomía de Silicon Valley e os recursos que Galileoscope dedica á eclipse de agosto.

Por último, mais non por iso menos importante, queremos mandar o noso maior agradecemento aos nosos novos colaboradores que contribúen a maximizar o alcance deste boletín nas comunidades hispanoparlantes. Estendemos o noso agradecemento aos colaboradores que fan posíbel este boletín en xaponés, galego e serbio: os seus esforzos son importantes para chegarmos ás comunidades que non falan inglés polo mundo adiante.

Feliz lectura e ceos despexados!

O equipo da Oficina para a Divulgación da Astronomía da IAU

1) Como compartir os últimos resultados astronómicos co público – sesión especial #APRIM2017

A Oficina IAU de Divulgación da Astronomía (OAO) e o Instituto de Astronomía e Astrofísica da Academia Sínica (ASIAA) uniron forzas para intercambiar ideas arredor do tema “ Como compartir os últimos resultados astronómicos co público”. Na sesión participarán seis poñentes de grupos astronómicos, institucións e medios da rexión Asia Pacífico na vangarda mundial, así como astrónomos profesionais e comunicadores da astronomía que asisten ao Encontro IAU Rexión Asia Pacífico (APRIM2017).

A sesión terá lugar o 7 de xullo. Tedes máis información aquí.

2) Revitalizando a educación e investigación astronómica nas universidades de Myanmar

Este proxecto financiado pola Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento achega a oportunidade de revitalizar a educación e investigación astronómica en Myanmar. Durante 2017, oito persoas vinculadas á universidade de Myanmar visitarán o Instituto Nacional de Investigación Astronómica de Tailandia (NARIT) para xuntos desenvolveren un programa e currículo en astronomía para estudantes de grao. Á súa volta haberá un obradoiro en educación astronómica na Universidade Mandalay con representantes de diferentes universidades de Myanmar convidados para discutir e aprobar o programa e currículo acordado.

Podes saber máis deste proxecto picando aquí.

3) Espazo de contacto da divulgación nacional (NOC): Novas da Arxentina

a) Olimpíadas astronómicas da Arxentina 2017

O Observatorio Astronómico de Córdoba da Universidade Nacional de Córdoba e a Facultade de Ciencias Astronómicas e Xeofísicas da Universidade Nacional de La Plata convidan a profesores, estudantes e persoal educativo a participar nas Olimpíadas astronómicas da Arxentina 2017. A participación dos estudantes nas Olimpíadas é completamente gratuíta e ten o apoio da Olimpíada Física da Arxentina, a Facultade de Matemáticas, Astronomía e Física da Universidade Nacional de Córdoba e o patrocinio da Asociación Astronómica Arxentina. A data límite para inscribirse é o venres 25 de agosto de 2017.

Para resolver calquera dúbida, por favor contactade co Comité Organizador do OAA (olympiadaaa[at]oac.unc.edu.ar), e para máis información visitade o sitio web (en español).

4) Galileoscope – Kit da eclipse solar

O Galileoscope é un telescopio de gran calidade e baixo custo, optimizado tanto para a aprendizaxe da óptica e a observación do ceo, que leva moito tempo sendo un recurso recomendado, primeiro en 2009, como un proxecto central do Ano Internacional da Astronomía (IYA2009) e en época máis recente en 2015, como un programa especial do proxecto IAU Cosmic Light do Ano Internacional da Luz. Este recurso está producido e distribuído por voluntarios e poden obtelo por un custo mínimo os educadores de ciencias en todo o mundo. Arredor de 250 mil kits están hoxe en uso en máis de cen países. Para ter presenza activa nas observacións da eclipse solar de agosto de 2017, Galileoscope preparou un kit especial e recursos adicionais para a observación segura deste agardado acontecemento.

Podes atopar todos os detalles sobre esta edición especial neste enderezo.

5) Skype cun científico

“Skype cun científico” conecta aos científicos coas aulas escolares de todo o mundo a través de Skype nunha sesión de preguntas e respostas de entre 30 e 60 minutos sobre a materia na que traballa ese científico ou como é dedicarse á ciencia. O proxecto pretende darlle aos estudantes a oportunidade de coñecer “científicos de verdade” sen que estes teñan que deixar os laboratorios ou aulas para falar con estudantes de todo o mundo. Na actualidade, máis de 500 científicos están dispostos para conversar, e os profesores e estudantes poden escoller o tipo de científico que poderá responder ás súas preguntas nas clases. Se ti es astrónomo, pensa en unirte a “Skype cun científico”!

Descubre máis deste proxecto nesta ligazón.

6) Astronomía para Educación CTEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas)

Ante a necesidade de mecanismos axeitados para o desenvolvemento da calidade da educación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas en todo o mundo, en especial nas zonas do planeta menos privilexiadas, o Centro Internacional de Formación en Astronomía (ITCA) ofrece o Coloquio “Astronomía para Educación CTEM”. Este encontro, que terá lugar en Bangkok, Tailandia, do 7 ao 11 de agosto de 2017, xuntará a cen profesores e educadores de ciencias en todo o mundo. O ITCA está ao abeiro da UNESCO acollido polo Instituto Nacional de Investigación Astronómica de Tailandia (NARIT).

Máis información, neste sitio web.

7) Novos vídeos HD de charlas de astronomía non técnica en Youtube

As “Conferencias astronómicas de Silicon Valley” inclúen charlas non técnicas sobre novos resultados astronómicos gravadas en vídeo de alta definición e con edición profesional. Entre os vídeos engadidos recentemente podemos ver a Andrea Ghez falando das observacións no buraco negro supermasivo no centro da Vía Láctea, e a Lynn Cominsky sobre o que hai detrás do descubrimento das ondas gravitacionais con LIGO.

Podes atopar todos os vídeos relacionados coas “Conferencias astronómicas de Silicon Valley” aquí.

8) Boletín “Space Awareness”

O boletín “Space Awareness” pretende aumentar o entusiasmo e coñecemento da ciencia e a tecnoloxía entre os nenos empregando as asombrosas posibilidades do espazo e animándoos a proseguir unha carreira relacionada con eses temas. Cada dous meses, Space Awareness informa á comunidade interesada dos últimos acontecementos, publicacións e concursos do proxecto a través deste boletín.

Visita o sitio web para obter máis información deste proxecto e subscribirte ao boletín empregando este formulario.

9) Encontros e actividades globais en 2017

Aquí tes unha listaxe de conferencias e actividades sobre educación e investigación astronómica en todo o mundo. Planifica con tempo un ano cheo de acontecementos interesantes!

Engadido hai pouco

Obradoiro Museos de Astronomía, Centros de Visitantes e Observatorios Públicos
Data: do 27 ao 29 de setembro de 2017
Lugar: Leiden, Países Baixos
Máis información: https://www.communicatingastronomy.org/visitorexperience/

Data importante

Día do Asteroide
Data: 30 de xuño de 2017
Lugar: en todo o mundo
Máis información: http://asteroidday.org/

Próximas actividades

a) Mulleres na Astronomía IV: as numerosas caras das mulleres astrónomas
Data: 9-11 de xuño de 2017
Lugar: Austin, Texas
Máis información: http://bit.ly/2kgLbsL

b) Telescopios Robóticos, conferencia sobre investigación e educación estudantil
Data: do 18 ao 22 de xuño de 2017
Lugar: San Diego, California (EEUU)
Máis información: http://rtsre.org/

c) IV Festival Starmus: a vida e o universo
Data: do 18 ao 23 de xuño de 2017
Lugar: Trondheim, Noruega
Máis información: https://www.starmus.com

d) Semana Europea da Astronomía e Ciencia do Espazo (EWASS)
Data: do 26 ao 30 de xuño de 2017
Lugar: Praga, República Checa
Máis información: http://eas.unige.ch/EWASS2017/about.jsp

e) Día do Asteroide
Data: 30 de xuño de 2017
Lugar: en todo o mundo
Máis información: http://asteroidday.org/

f) Encontro astronómico nacional da Royal Astronomical Society 2017
Data: do 2 ao 6 de xullo de 2017
Lugar: Universidade de Hull, Reino Unido
Máis información: https://nam2017.org/

g) 13º Encontro Rexional Asia-Pacífico (APRIM 2017)
Data: do 3 ao 7 de xullo de 2017
Lugar: Taipei, Taiwan
Máis información: http://www.aprim2017.tw/

h) Simposio Internacional sobre Educación en Astronomía e Astrobioloxía
Data: do 3 ao 8 de xullo de 2017
Lugar: Utrecht, Países Baixos
Máis información: http://ise2a.uu.nl/

i) Big data en astronomía: unha ferramenta potencial de innovación social
Data: 7-11 de agosto de 2017
Lugar: Flic en Flac, Illa Mauricio
Máis información: https://sites.google.com/ska.ac.za/barista/home?authuser=0

l) Conferencia Global Hands-On Universe (GHOU) 2017 + Galileo Teacher Training Program (GTTP) International Workshop 2017
Datas: do 15 ao 21 de agosto de 2017
Lugar: Western Kentucky University, Bowling Green, Kentucky, US
Máis información: http://handsonuniverse.org/ghou2017/

m) Escola de verán de comunicación da ciencia Euro-Mediterráneo e Oriente Medio (EMME)
Data: do 10 ao 15 de setembro de 2017
Lugar: Nápoles, Italia
Máis información: http://www.cittadellascienza.it/emme2017/

n) Congreso Europeo de Ciencia Planetaria 2017
Data: do 17 ao 22 de setembro de 2017
Lugar: Radisson Blu Hotel Latvija, Riga, Letonia
Máis información: http://www.epsc2017.eu/

ñ) 3ª Simposio COSPAR
Data: do 18 ao 22 de setembro de 2017
Lugar: Illa Jeju, Corea do Sur
Máis información: https://cosparhq.cnes.fr/

o) Obradoiro Museos de Astronomía, Centros de Visitantes e Observatorios Públicos
Data: do 27 ao 29 de setembro de 2017
Lugar: Leiden, Países Baixos
Máis información: https://www.communicatingastronomy.org/visitorexperience/

p) Semana Mundial do Espazo 2017
Data: do 4 ao 10 de outubro de 2017
Lugar: en todo o mundo
Máis información: http://www.worldspaceweek.org/theme/

q) Noite Internacional de Observación da Lúa
Data: 28 de outubro de 2017
Lugar: en todo o mundo
Máis información: http://observethemoonnight.org/

r) .Astronomy
Data: do 14 ao 17 de novembro de 2017
Lugar: Cidade do Cabo, Sudáfrica
Máis información: http://dotastronomy9.saao.ac.za/

s) Comunicar Astronomía co Público – CAP2018
Data: do 24 ao 28 de marzo de 2018
Lugar: Fukuoka, Xapón
Máis información: http://www.communicatingastronomy.org/cap2018/

t) 15º Conferencia Internacional de Comunicación Pública da Ciencia e Tecnoloxía (PCST2018)
Data: do 4 ao 6 de abril de 2018
Lugar: Dunedin, Nova Zelandia
Máis información: http://www.pcst2018.org/pcst18

u) Sociedade Planetaria Internacional 2018
Data: do 1 ao 6 de xullo de 2018
Lugar: Toulouse, Francia
Máis información: http://www.ips-planetarium.org/page/IPS2018Toulouse

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

10) O boletín de divulgación astronómica da IAU noutros idiomas

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Traducións ao español, elaboradas por:

Sofía Meneses-Goytia, doutora, investigadora asociada postdoutoral, Instituto de Cosmoloxía e Gravitación, Universidade de Portsmouth: http://bit.ly/2rIqVGe;

Basilio Solís-Castillo, estudante de doutorado, Instituto Max Planck de Radioastronomía, Universidade de Bonn: http://astronomia-para-todos.blogspot.de;

ASAFILE, Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

-Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados aquí: http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html;

-Traducións ao galego, pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

Podes atopar números antigos deste boletín en español traducidos pola Sociedad Española de Astronomía neste enderezo: http://www.sea-astronomia.es/drupal/content/newsletter-iau-noc;

Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós en 2017! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.