IAU Boletín Blog

Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Novembro 2017 #2

Neste boletín:

0) Nota dos editores
1) Boletín #86 da Comisión UAI C1 de Educación e Desenvolvemento da Astronomía
2) Espazo de contacto da divulgación nacional (NOC): Novas de México
3) IAU C1 Exobioloxía – Curso de introdución á astrobioloxía 2018
4) Lanza o teu deseño con CHEOPS
5) DIRECTO: Científicos e científicas na túa aula
6) Arte espacial na Semana Europea da Astronomía e as Ciencias do Espazo (EWASS2018)
7) Escribe para Astrobites e únete ao equipo en español!
8) Atrapa unha estrela
9) Encontros e actividades globais
10) O boletín de divulgación astronómica da IAU noutros idiomas
11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU

0) Nota dos editores

Nas últimas semanas, o noso equipo estivo poñéndose a punto para o obradoiro “Ti es Galileo!” en Myanmar, un proxecto que o NAOJ iniciou no Ano Internacional da Astronomía 2009. Esta edición en Myanmar é unha colaboración co Instituto Nacional de Investigación Astronómica de Tailandia (NARIT), onde o equipo visitante desenvolverá actividades de observación e conferencias públicas para os participantes de todas as universidades de Myanmar. A páxina IAU para o público no sitio web da IAU experimentará cambios significativos nos próximos meses. Incluirá novas e actualizacións das actividades da nosa oficina así como da nosa rede de contactos de divulgación nacional (NOCs). Botádelle un ollo!

Neste número destacamos a sesión Arte Espacial da vindeira Semana Europea da Astronomía e Ciencias do Espazo (EWASS2018), a chamada da ESA para propoñerdes os vosos deseños con CHEOPS e o noso desexo de que tiredes proveito do último boletín da Comisión C1 IAU de Educación e Desenvolvemento da Astronomía.

Novidades interesantes dos nosos colegas do Centro IAU de Corpos Menores. O descubrimento recente dun asteroide interestelar trouxo unha nova serie de nomeamentos de obxectos interestelares. Este obxecto agora recibiu a denominación permanente 1I e o nome “Oumuamua”, de orixe hawaiana, que reflicte como o obxecto parece un enviado ou mensaxeiro enviado desde o pasado para atoparse con nós.

Feliz lectura e ceos despexados!

O equipo da Oficina para a Divulgación da Astronomía da IAU

1) Boletín #86 da Comisión IAU C1 de Educación e Desenvolvemento da Astronomía

O boletín #86 da Comisión IAU C1 xa está dispoñíbel. Nesta publicación da IAU podes atopar actualizacións da Oficina IAU de astronomía para o desenvolvemento, os informes “Mellora da accesibilidade nas publicacións astronómicas”, “Xogos para aprender astronomía, un achegamento innovador, dous casos de estudo”, “Onde vai o New Horizons da NASA” e moito máis. Os editores solicitan a todas as persoas integrantes da IAU que colaboren achegando noticias ou artigos para o próximo número.

Podes ler o boletín aquí: http://iaucc1.frm.utn.edu.ar/?page_id=214

2) Espazo de contacto da divulgación nacional (NOC): Novas de México

a) Noche de las estrellas

O 25 de novembro a organización dun dos maiores festivais de astronomía na América Latina convídavos a gozar dos obradoiros de ciencia, actividades culturais, conferencias de especialistas e observacións con telescopio en máis de 90 localidades por todo o país. Este ano a “Noche de las estrellas” celebra o 60º aniversario do lanzamento do Sputnik 1, que marcou o inicio da gran aventura espacial. As actividades son gratuítas para toda a familia.

Máis información (en español) aquí: http://www.nochedelasestrellas.org.mx/

3) IAU C1 Exobioloxía – Curso de introdución á astrobioloxía 2018

A terceira edición do Curso de introdución á astrobioloxía celebrarase do 4 ao 10 de marzo de 2018 na Reserva Ornitolóxica de Le Teich (Francia). Os cursos están deseñados para estudantes que preparen a súa tese doutoral en astronomía, xeoloxía, química, bioloxía ou historia e filosofía da ciencia ou calquera estudante que desexe adquirir formación interdisciplinar en astrobioloxía para completar a súa aprendizaxe e ser capaz de enfrontar cuestións sobre a orixe da vida, a súa evolución terrestre e a súa distribución no universo. A data límite para as solicitudes é o 15 de xaneiro de 2018.

Para coñecer o programa e información sobre o rexistro, consultade o sitio web: http://www.exobiologie.fr/red/index.php/en/

4) Lanza o teu deseño con CHEOPS

A Axencia Espacial Europea (ESA) está ofrecendo a profesionais do deseño gráfico e artistas unha oportunidade única de incluír o seu traballo no foguete que transporta o satélite CHEOPS. Esta competición é unha excelente oportunidade para estudantes de deseño e artes gráficas, ou artistas nos primeiros anos das súas carreiras e profesionais do deseño que queiran converter o seu traballo nunha parte da historia da ESA. O gañador será convidado a asistir ao lanzamento de CHEOPS en Europa coma convidado da ESA e observar como o seu deseño ascende ao ceo. A data límite para facer propostas é o 31 de xaneiro ás 17:00 GMT (18:00 CET).

Máis información: http://www.esa.int/Our_Activities/Space_Science/Launch_your_design_with_Cheops

5) DIRECTO: Científicos e científicas na túa aula

Que podemos aprender de estudar os cráteres de impacto na Terra? E como podemos evitar o destino dos dinosauros? Únete ao seminario en directo na rede coa doutora Anna Losiak o 28 de novembro de 2017, 14:00 GMT / 15:00 CET, para aprender máis sobre “Cráteres de impacto: os procesos xeolóxicos máis importantes do noso sistema solar”. O webinar, organizado por NUCLIO e Europlanet como actividade mensual con científicos e científicas de toda Europa, dá a benvida a participación do público e das aulas.

Rexístrate en http://galileoteachers.org/live-impact-cratering/

6) Arte espacial na Semana Europea da Astronomía e as Ciencias do Espazo (EWASS2018)

Durante a Semana Europea da Astronomía e as Ciencias do Espazo (EWASS) que se celebrará en Liverpool do 3 ao 8 de abril haberá unha sesión dedicada á “Arte espacial: uso dos medios artísticos para a divulgación, astronomía cultural e comunicación da ciencia en astronomía, física solar e ciencias do espazo”. A sesión “Arte espacial” terá lugar o 4 de abril de 2018 e a organización convida a todas as persoas interesadas en arte, cultura e visualización de datos -unha das áreas máis atractivas da divulgación científica- a que propoñan unha charla. A data límite para as propostas é o 27 de novembro de 2017.

Tedes máis información aquí: http://eas.unige.ch/EWASS2018/session.jsp?id=SS2

7) Escribe para Astrobites e únete ao equipo en español!

Astrobites é un xornal de astrofísica que manteñen desde 2010 un grupo de estudantes de astronomía co obxectivo de presentar un artigo cada día. O xornal preséntase en formato breve accesíbel para estudantes de ciencias físicas que estean interesados na investigación activa. Astrobites busca estudantes interesados en unirse ao equipo español. Aceptan propostas até o 30 de novembro.

Podedes ler o aviso aquí: https://astrobitos.org/2017/11/07/escribe-para-astrobitos-unete-a-nuestro-equipo/

Para ler Astrobites, visita o sitio web oficial aquí: https://astrobites.org/ (inglés) ou https://astrobitos.org/ (español)

8) Atrapa unha estrela

O obxectivo do programa Atrapa unha estrela é animar aos estudantes de secundaria de toda Europa a que expresen a súa creatividade, alarguen e expandan os seus coñecementos e habilidades astronómicas e axuden a difundir as tecnoloxías da información no proceso educativo. O certame Atrapa unha estrela é o resultado da colaboración entre a Asociación Europea de Educación Astronómica (EAAE) e o Observatorio Europeo do Sur (ESO). A data límite é o 20 de decembro de 2017 ás 17:00 CET.

Podes saber máis deste certame aquí: http://www.eaae-astronomy.org/catchastar/

9) Encontros e actividades globais en 2017

Aquí tes unha listaxe de conferencias e actividades sobre educación e investigación astronómica en todo o mundo. Planifica con tempo un ano cheo de acontecementos interesantes!

Engadidos hai pouco

Conferencia Internacional «Novas Perspectivas en Educación Científica»
Datas: 22 e 23 de marzo de 2018
Lugar: Florencia, Italia
Máis información: https://conference.pixel-online.net/NPSE/

Semana Europea da Astronomía e Ciencias do Espazo (EWASS)
Datas: do 3 ao 8 de abril de 2018
Lugar: Liverpool, UK
Máis información: http://eas.unige.ch/EWASS2018/

Próximas actividades

a) Astrobioloxía 2017
Datas: do 1 de novembro ao 1 de decembro de 2017
Lugar: Coyhaique, Chile
Máis información: http://astrobiology2017.org/

b) IFF 2017 – Festival de Cinema Inmersivo
Data: do 1 ao 3 de decembro de 2017
Lugar: Espinho, Portugal
Máis información: http://iff.multimeios.pt/en/

c) 129º Encontro anual ASP – Conferencia de divulgación STEM: “Beyond the Eclipse: Engaging Diverse and Underserved Communities in Astronomy and STEM”
Datas: do 5 ao 8 de decembro de 2017
Lugar: St. Louis, Missouri, EEUU
Máis información: http://bit.ly/2l0ibte

d) Conferencia Internacional «Novas Perspectivas en Educación Científica»
Datas: 22 e 23 de marzo de 2018
Lugar: Florencia, Italia
Máis información: https://conference.pixel-online.net/NPSE/

e) Comunicar Astronomía co Público – CAP2018
Data: do 24 ao 28 de marzo de 2018
Lugar: Fukuoka, Xapón
Máis información: http://www.communicatingastronomy.org/cap2018/

f) Semana Europea da Astronomía e Ciencias do Espazo (EWASS)
Datas: do 3 ao 8 de abril de 2018
Lugar: Liverpool, UK
Máis información: http://eas.unige.ch/EWASS2018/

g) 15º Conferencia Internacional de Comunicación Pública da Ciencia e Tecnoloxía (PCST2018)
Data: do 4 ao 6 de abril de 2018
Lugar: Dunedin, Nova Zelandia
Máis información: http://www.pcst2018.org/pcst18

h) 11º Encontro Internacional de Astronomía e Astronáutica
Datas: do 12 ao 14 de abril de 2018
Lugar: Campos de Goytacazes, Brasil
Máis información: http://bit.ly/2xP8uik

i) Sociedade Planetaria Internacional 2018
Data: do 1 ao 6 de xullo de 2018
Lugar: Toulouse, Francia
Máis información: http://www.ips-planetarium.org/page/IPS2018Toulouse

l) Conferencia Robotic Telescopes, Student Research and Education (RTSRE)  & Cimeira InterNational Astronomy Teaching
Datas: do 22 ao 27 de xullo de 2018
Lugar: Hilo, Hawai’i, EEUU
Máis información: rtsre.org

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

10) O boletín de divulgación astronómica da IAU noutros idiomas

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Traducións ao español, elaboradas por:

Sofía Meneses-Goytia, doutora, investigadora asociada postdoutoral, Instituto de Cosmoloxía e Gravitación, Universidade de Portsmouth: http://bit.ly/2rIqVGe;

Basilio Solís-Castillo, estudante de doutorado, Instituto Max Planck de Radioastronomía, Universidade de Bonn: http://astronomia-para-todos.blogspot.de;

ASAFILE, Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita e Mikako Kuwamura a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;

-Traducións ao galego, pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

Podes atopar números antigos deste boletín en español traducidos pola Sociedad Española de Astronomía neste enderezo: http://www.sea-astronomia.es/drupal/content/newsletter-iau-noc;

Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós en 2017! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.