Rías Baixas de noite

O Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (arquipélagos de Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada) iniciou os trámites para obter a certificación de «Destino Turístico Starlight» coa intención de poñer en valor e protexer a calidade dos seus ceos e promover a contemplación das estrelas coma parte importante dunha oferta valiosa de turismo sostíbel. A obtención da certificación Starlight esixe o cumprimento dun gran número de requisitos, varios deles relacionados coa calidade do ceo (escuridade, transparencia e estabilidade atmosférica), para o cal un equipo coordinado por Ana Ulla (Universidade de Vigo) e Salva Bará (Universidade de Santiago de Compostela) levan máis dun ano realizando diferentes campañas de medición para precisar as zonas do Parque que reúnen as condicións.

A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío apoia a solicitude da declaración Starlight para o Parque das Illas Atlánticas e expresa a súa vontade de colaborar na protección do seu ceo nocturno, así como a difundir os valores naturais do Parque e a participar en actividades de divulgación astronómica e observación do firmamento neste espazo.