O noso compañeiro Ángel D. Rodríguez Arós imparte o xoves 16 e venres 17 de xullo un «Curso básico de astronomía visual e fotográfica» na aula de informática da Facultade de Ciencias, no Campus da Zapateira, A Coruña. O curso é gratuíto e está aberto a todo o colectivo universitario (PDI, estudantes e PAS) até completar a capacidade da sala. A inscrición comeza o 10 de xullo e remata o día 15 e pode facerse por correo electrónico. Nesta actividade colabora a Vicerreitoría de Estudantes, Deportes e Cultura da Universidade da Coruña (Unidade de Divulgación Científica e Cultural) e a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío.

CursoÁngel

Programa do curso

Xoves 16:

16:00 Presentación

16:15 O ceo nocturno: constelacións, planetas, galaxias, nebulosas, cometas…

16:30 Elementos de mecánica celeste: puntos cardinais, cénit, horizonte, liñas ecuatorial, eclíptica…

17:00 Programas planetario para ordenador e móbil: Stellarium

17:45 O noso lugar no tempo e no espazo: Big Bang, inflación, exploración planetaria…

18:00 Quenda aberto de discusión e debate. Fin da sesión

Venres 17:

18:00 Comparativa de equipos de observación: prismáticos e telescopios

18:30 Contaminación lumínica

19:00 Introdución á astrofotografía

19:45 Turismo astronómico (na Terra)

20:00 Invitación para participar nunha observación pública en colaboración coa Agrupación Astronómica Coruñesa Ío. Desprazamento ata o lugar de observación, e observación guiada do ceo de verán, incluíndo o uso dos equipos de observación da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío

Obxectivos do curso

A astronomía é, sen dúbida, unha das ciencias máis antigas cultivadas polos seres humanos… pero antes que ciencia, trátase primeiro dun espectáculo accesible para o noso gozo como especie, desde os tempos en que non tiña competencia de cine, TV ou internet. Fonte de mitos e estímulo da imaxinación e da curiosidade científica durante milenios, a observación astronómica é hoxe en día unha gran descoñecida polo público e, de feito, está ameazada por fenómenos como a contaminación lumínica. Neste Curso Básico de Astronomía Visual, o obxectivo fundamental é recuperar o coñecemento dos ceos nocturnos e estimular o interese das persoas asistentes pola observación astronómica. Ademais, coincidindo con que 2015 é o Ano Internacional da Luz e das Tecnoloxías Baseadas na Luz, queremos informar e concienciar acerca dos prexuízos da contaminación lumínica, así como das medidas que se poden tomar para a combater. Partindo do máis básico, como a localización dos puntos cardinais ou o recoñecemento de constelacións e planetas, trataremos tamén de elementos de mecánica celeste como as fases lunares ou os eclipses, de fenómenos como as auroras, de exploración planetaria, e revisaremos as teorías cosmolóxicas máis aceptadas pola comunidade científica hoxe en día. O curso é teórico e práctico, interactivo en todo caso. Para axudarnos cos contidos do curso, utilizaremos programas planetarios gratuítos para ordenador como o Stellarium e apoiarémonos en numerosos esquemas e gráficos. Tamén informaremos de numerosas aplicacións para móbiles, e visitaremos algunhas web de interese desde o punto de vista astronómico a nivel afeccionado. Comentaremos tamén as posibilidades que ofrece o uso de prismáticos e telescopios, analizando os pros e os contras das distintas opcións. Finalmente, para os amantes da fotografía, tamén comentaremos as posibilidades que hai de combinar as dúas afeccións, dando como resultado a cada vez máis popular disciplina da astrofotografía.

Poñente

Ángel D. Rodríguez Arós é Doutor en Matemática Aplicada e membro numerario da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío e da Asociación Astronómica Sirio de Pontevedra.

Díptico do curso: PDF, 488 KB.