Dentro do ciclo de cinema que organiza a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, esta semana na Sala Fernando Rey do Fórum Metropolitano poderá verse Ultimato á Terra de Robert Wise, un dos filmes fundacionais da ciencia ficción estadounidense. As sesións serán o xoves 21, venres 22 e sábado 23 ás 20:30. Proxectarase unha copia en 35 mm en versión orixinal subtitulada. Na sesión do venres haberá presentación e coloquio co noso compañeiro Marcos Pérez, director dos Museos Científicos Coruñeses.

TheDayTheEarthStoodStill2 LDULTIMATO Á TERRA (THE DAY THE EARTH STOOD STILL, 1951)

EEUU. 92 minutos.
Dirección: Robert Wise
Guión: Edmund H. North a partir dun relato de Harry Bates
Fotografía: Leo Tover (B/N)
Montaxe: William Reynolds
Dirección artística: Addison Hehr e Lyle R. Wheeler
Vestiario: Travilla
Música: Bernard Herrmann
Produtor: Julian Blaustein
Produción: 20th Century Fox
Elenco: Michael Rennie (Klaatu), Patricia Neal (Helen Benson), Hugh Marlowe (Tom Stevens), Sam Jaffe (Profesor Jacob Barnhardt), Billy Gray (Bobby Benson), Frances Bavier (Señora Barley), Lock Martin (Gort).

Incluída no “National Film Registry” da Biblioteca do Congreso dos EEUU en 1995.

“A partir da adaptación que Edmund H. North fixo do relato Farewell to the Master (Adeus ao Amo), Robert Wise creou un filme clásico da ciencia ficción cunha forte mensaxe pacifista que moitos consideran alegórica no seu xeito de tratar o asunto da persecución, morte e resurrección. Enviados por unha federación de planetas para dar un aviso á xente da Terra para que deteñan as probas nucleares antes de que o planeta sexa destruído, o emisario Klaatu (Michael Rennie) e o seu compañeiro o robot Gort aterran a súa nave en Washington, D. C., para desvelar a súa mensaxe aos líderes do mundo, mais son obrigados a tomar refuxio nunha pensión a cargo da cal está Helen Benson (Patricia Neal) e o seu fillo Bobby (Billy Gray). A memorábel banda sonora do filme composta por Bernard Herrmann, que inclúe o son sobrenatural do theremin, foi reutilizada noutras producións de ciencia ficción”.

Texto de presentación do filme no National Film Registry