IAU Boletín Blog

Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Outubro 2018 #2

Neste boletín:

0) Nota dos editores
1) Propostas para a coordinación da divulgación nacional
2) Únete ás celebracións! – Como involucrarte no IAU100
3) “Estrelas que inspiran” en Chile
4) Novas de Marrocos
5) Concurso de ensaio “Científico/a por un día” 2018-19
6) O universo no meu peto
7) Plan de financiamento en favor da participación do público Europlanet 2019
8) NASA Wavelength
9) Encontros e actividades globais de 2018
10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas
11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2018!

0) Nota dos editores

O noso equipo comprácese en anunciar que a rede de tradución astronómica da IAU está chegando aos 300 voluntarios e voluntarias que realizan un traballo incríbel de tradución, revisión e comprobación científica. Os materiais traducidos son recursos valiosos verificados que chegan ás comunidades nos seus idiomas nativos e apoian o traballo en educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Axúdanos a difundir os recursos traducidos entre a túa comunidade.

Neste número, destacamos o evento “Estrelas que inspiran” en Chile, o concurso de textos “Científico/a por un día” e o recurso “o universo no meu peto”.

Se queres unirte á nosa rede, a IAU está na procura de representantes nacionais que desenvolvan a Coordinación da Divulgación Nacional (NOC). Se o teu país aínda non ten un representante nacional, podes solicitalo ou nomear alguén que consideras axeitado para o posto. Temos ganas de colaborar contigo!

Desexámosvos unha feliz lectura e ceos despexados!

O equipo da oficina IAU de divulgación astronómica.

1) Propostas para a coordinación da divulgación nacional

A IAU está na procura de persoas candidatas a desenvolver a coordinación da divulgación nacional (NOC). Os e as NOC xogarán un papel importante na coordinación das actividades do centenario da IAU. Se o teu país ou rexión non ten NOC, e ti tes interese, ponte en contacto con outreach@iau.org ou reenvía esta mensaxe a calquera candidato ou candidata potencial.

A listaxe actual dos NOC está aquí: https://www.iau.org/public/noc/

Máis detalles sobre os NOC, nesta ligazón: https://www.iau.org/public/noc/role/

2) Únete ás celebracións! – Como involucrarte no IAU100

As celebracións do centenario da IAU en 2019 estimularán o interese mundial na astronomía e a ciencia e chegarán á comunidade astronómica mundial: as e os astrónomos profesionais e amadores, xente do ámbito político, docentes e estudantes, familias e público en xeral. Planifica con antelación un ano emocionante e descubre como podes envolverte na celebración global para aproveitala ao máximo.

Máis información: https://www.iau-100.org/how-to-get-involved

3) “Estrelas que inspiran” en Chile

Inspiring Stars (Estrelas que inspiran( é un proxecto global IAU100 deseñado para resaltar, apoiar e promover iniciativas inclusivas que fomenten a igualdade de participación na divulgación e o ensino e a nivel profesional no campo da astronomía. O 19 de outubro o proxecto presentouse en Santiago de Chile, para destacar os numerosos esforzos da comunidade chilena na área da astronomía inclusiva a través do proxecto «Astronomía para todos». Este proxecto nace da cooperación nacional entre institucións astronómicas que axudan a levar a astronomía a todas as persoas dunha maneira accesíbel.

Tes máis información aquí.

4) Novas de Marrocos

Festival de astronomía en Ifrane, 7ª edición

A Universidade Al Akhawayn en Ifrane, Marrocos, organizou a 7ª edición do Festival de Astronomía de Ifrane do 21 ao 25 de setembro de 2018 co tema «A conquista do espazo e a robótica». Esta actividade foi parte dos esforzos da Universidade Al Akhawayn para difundir o coñecemento científico ao público en xeral e promover a ciencia entre a mocidade para estimular o seu interese na ciencia e a tecnoloxía. Este festival é un evento científico e cultural emblemático na rexión de Ifrane e no territorio nacional. Desde a súa primeira edición en 2012, o Festival de Astronomía de Ifrane centrouse en promover a astronomía entre a mocidade, poñendo en valor a disciplina como estímulo para a aprendizaxe da ciencia nas escolas.

Podes atopar máis información sobre o festival aquí: https://sites.google.com/view/astrofestival2018

Grazas a Hassane Darhmaoui por compartir esta noticia connosco.

Obradoiro internacional interdisciplinario sobre contaminación luminosa

O obradoiro internacional interdisciplinario sobre contaminación luminosa terá lugar na Universidade Cadi Ayyad en Marrakech, Marrocos, do 22 ao 26 de outubro de 2018. O obradoiro organízase no marco dun novo proxecto chamado “Atlas Dark Sky Morocco”. O obxectivo do proxecto é crear unha reserva de ceo escuro ao redor do observatorio Oukaimeden en Marrocos. A reserva cubrirá unha grande área que inclúe o Parque Nacional Toubkal e o Observatorio Oukaimeden. Cun radio duns 80 km, converterase na reserva de ceo escuro máis grande do mundo e a primeira no norte de África.

Tes máis información sobre o obradoiro aquí: http://atlasdarksky.com/the-first-atlas-dark-sky-workshop/

Grazas a Benkhaldoun Zouhair, o noso NOC en Marrocos por compartir as noticias connosco.

5) Concurso de ensaio “Científico/a por un día” 2018-19

O concurso de ensaio “Científico/a por un día” desafía aos estudantes de 10 a 18 anos a pensaren como homes e mulleres de ciencia que estudan as lúas de Xúpiter e Saturno. Os participantes examinan tres posíbeis lúas e elixen a cal cren que debería volver a NASA para obter os mellores resultados científicos. Os temas deste ano son os satélites Encélado e Titán de Saturno e Europa de Xúpiter. Logo de investigar as tres opcións, os e as estudantes deben escribir un ensaio de menos de 500 palabras explicando a súa elección. A data límite para as propostas é o 8 de febreiro de 2019. Se queres organizar este concurso no teu país, envía un correo electrónico a scientistforaday@jpl.nasa.gov

Tes máis información sobre a edición de 2018-19 do concurso neste enderezo: https://solarsystem.nasa.gov/scientist-for-a-day/

Grazas a Rachel Zimmerman Brachman, coordinadora do concurso internacional “Científico/a por un día”, por compartir esta noticia connosco.

6) O universo no meu peto

TUIMP (“The Universe In My Pocket”, o universo no meu peto) é un proxecto internacional que quere producir pequenos folletos de astronomía. Os folletos están deseñados para nenos e nenas a partir de nove anos e para calquera persoa que teña curiosidade pola astronomía. Están escritos nunha linguaxe sinxela, veñen amplamente ilustrados e contan con revisión e tradución a cargo de astrónomos profesionais. Estes folletos, que poden encartarse a partir dunha soa folla de papel, poden usarse nas aulas, en conferencias públicas ou durante visitas a observatorios e planetarios.

Acéptanse achegas para a creación e tradución a outros idiomas! Podes empregar o formulario de contacto en http://www.tuimp.org/pages/about/lang:en

Máis información, aquí: www.tuimp.org

7) Plan de financiamento en favor da participación do público Europlanet 2019

Abriu a convocatoria de candidaturas para o plan de financiamento da participación pública Europlanet 2019! Europlanet outorga subvencións de entre 5000 e 15 000 euros para financiar proxectos que envolvan o público na ciencia planetaria. A través deste plan de financiamento, Europlanet pretende fomentar novas formas de levar a ciencia planetaria a audiencias en toda Europa e inspirar á próxima xeración de homes e mulleres nos campos da ciencia e a enxeñaría. A convocatoria pecharase o 31 de xaneiro de 2019.

Máis información sobre como presentar a solicitude, aquí: http://www.europlanet-society.org/outreach/funding-scheme/

8) NASA Wavelength

NASA Wavelength (longura de onda) é unha porta a unha colección dixital de recursos de ciencias da Terra e o espazo para o profesorado de todos os niveis, desde a primaria até a universidade, e tamén programas extraescolares. Estes recursos, desenvolvidos a través do financiamento da Dirección de Misións Científicas da NASA, sometéronse a un proceso de revisión por pares grazas ao cal os profesionais da educación e da ciencia se aseguran de que o contido é preciso e útil para usos educativos. Usa NASA Wavelength para atopar recursos rápida e facilmente, vinculalos a outros sitios web utilizando formatos de redifusión e mesmo compartir os recursos que descubras con outras persoas a través das redes sociais e o correo electrónico.

Para saber máis sobre NASA Wavelength visita o sitio web http://nasawavelength.org/

9) Encontros e actividades globais de 2018

Podes atopar aquí unha listaxe de eventos e conferencias de divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planifica un ano cheo de acontecementos interesantes!

a) Fórum Wissenschaftskommunikation
Datas: do 7 ao 9 de novembro de 2018
Lugar: Bonn, Alemaña
Máis información: https://www.wissenschaft-im-dialog.de/en/forum-wissenschaftskommunikation/forum-2018/

b) V Festival Starmus: un paso de xigante
Datas: do 24 ao 29 de xuño de 2019
Lugar: Berna, Suíza
Máis información: https://www.starmus.com/

c) 3º Obradoiro sobre Divulgación e Educación da Astronomía (WDEA III)
Datas: 2 de xullo (Eclipse solar) e do 4 ao 5 de xullo de 2019
Lugar: San Juan, Argentina
Máis información: http://sion.frm.utn.edu.ar/WDEAIII/

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;

-Traducións ao galego, por Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

-Traducións ao español, elaboradas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

1) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2018!

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós en 2018! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.