IAU Boletín Blog

Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Abril 2018 #2

Neste boletín:

0) Nota dos editores
1) Aberto o prazo para solicitar o apoio oficial para Proxectos Especiais IAU100
2) Primeiro evento “Inspiring Stars” (Estrelas que inspiran) en Austria
3) Dispoñíbel en liña o boletín #20 da Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento
4) Folleto de contaminación luminosa
5) Novas do Xapón
6) Levar as CTEM ás escolas de Puerto Rico
7) Microfichas
8) Convocatoria para planetarios portátiles
9) Vídeos que prestan
10) Encontros e actividades globais de 2018
11) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas
12) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2018!

0) Nota dos editores

Nas pasadas semanas o noso equipo estivo moi ocupado na produción do folleto sobre contaminación luminosa e na posta a punto da celebración do Día Internacional da Luz. Ademais estivemos renovando o noso espazo no sitio web da IAU para os proxectos da oficina, rede e equipo, e envolvidos no primeiro evento oficial “Inspiring Stars” (Estrelas que inspiran) para achegar accesibilidade e igualdade de oportunidades de participación na ciencia.

Neste número queremos destacar o último boletín da Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento, o proxecto Microfichas, e espertar conciencia sobre o proxecto “Levar as CTEM ás escolas de Puerto Rico”, para o cal as vosas contribucións serán decisivas.

Finalmente, queremos dar unha vez máis as grazas aos tradutores que de forma continua fan o esforzo de traducir o boletín ás súas linguas, incrementando o alcance a través das súas comunidades. O idioma pode ser unha barreira e os nosos tradutores actúan coma pontes que nos permiten ir máis lonxe. Queremos darlle as grazas especialmente a Akihiko Tomita, Martin Pawley, Liliana Gracanin, Emílio Zuniga, Basilio Solís-Castillo e outras persoas ao longo dos anos.

Desexámosvos unha feliz lectura e ceos despexados!

O equipo da Oficina para a Divulgación da Astronomía da IAU

1) Aberto o prazo para solicitar o apoio oficial para Proxectos Especiais IAU100

O equipo especial IAU100 lanza unha convocatoria de propostas para Proxectos Especiais en favor dos Obxectivos IAU100. Un Proxecto Especial IAU100 é unha actividade destacada e orientada á astronomía que apoia os obxectivos IAU100 baixo un ou máis dos Programas Centrais IAU100 que se desenvolverán a nivel local e nacional. O equipo especial IAU100 achegará apoio económico até un valor de 2500 € para os Proxectos Especiais IAU100.

Podes saber máis aquí: https://www.iau.org/public/iau100/call-special-projects/

2) Primeiro evento “Inspiring Stars” (Estrelas que inspiran) en Austria

“Inspiring Stars” é unha exposición itinerante internacional promovida pola Unión Astronómica Internacional (IAU) para alentar a participación igualitaria na ciencia a través da astronomía. A exposición estrearase durante a Asemblea Xeral IAU de Austria, do 20 ao 31 de agosto, mais antes tivo un pre-lanzamento o 16 de abril de 2018 en Viena. Este evento anticipado reuniu a 35 persoas tanto da IAU como da Hilfsgemeinschaft, unha organización sen ánimo de lucro que ofrece apoio ás persoas cegas ou con discapacidade visual. Esta primeira iniciativa en Austria servirá como incentivo para que a comunidade do país participe logo no evento principal “Inspiring Stars”.

Podes saber máis deste proxecto nesta ligazón: https://sites.google.com/oao.iau.org/inspiringstars/news

3) Dispoñíbel en liña o boletín #20 da Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento

O boletín #20 da IAU OAD xa está en liña. A Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento lanza trimestralmente este boletín. Entre os aspectos máis destacados deste boletín está o lanzamento da Oficina Rexional Europea de Astronomía para o Desenvolvemento, operada conxuntamente pola Sociedade Astronómica Europea e a Universidade de Leiden; a apertura do prazo para a recepción de propostas da sesión OAD no SciDataCon, e os próximos obradoiros de astrofísica en Nepal, Sudáfrica e Líbano organizados por proxectos con financiamento OAD.

O arquivo de todos os boletíns OAD está dispoñíbel neste enderezo.

4) Folleto de contaminación luminosa

Esta publicación IAU OAO é unha compilación dos descubrimentos relevantes na área da contaminación luminosa e a protección dos ceos escuros. A información do folleto foi compilada baixo o paraugas dos programas Cosmic Light, coordinados pola IAU durante o Ano Internacional da Luz 2015 (IYL2015). O obxectivo deste folleto é incrementar o coñecemento sobre os avances dos últimos anos no estudo da contaminación luminosa, en particular no que se refire ao uso de LEDs, para axudar á comunidade astronómica na difusión de medidas para protexer os ceos escuros e espertar a conciencia pública sobre a investigación neste campo.

Podes descargar o folleto aquí: https://www.iau.org/public/images/detail/light-pollution-brochure/

5) Novas do Xapón

O Encontro de Kagoshima remata con éxito

O 30 de marzo, despois da Conferencia Comunicar Astronomía ao Público (CAP2018) en Fukuoka, arredor de 40 participantes de dez países diferentes reuníronse en Kagoshima para compartir ideas e recursos educativos relacionados coa educación na astronomía. Ademais, o profesorado das escolas do Xapón presentou traballos e materiais orixinais. Un dos asuntos tratados foi o currículum astronómico das escolas de diversos países e a necesidade dun encontro internacional sobre educación astronómica. No segundo día algúns dos participantes gozaron dunha visita guiada ao Centro Espacial JAXA Tanegashima.

Para ter máis información sobre o encontro, por favor visitade a páxina: http://www.wakayama-u.ac.jp/~atomita/Kagoshima/

6) Levar as CTEM ás escolas de Puerto Rico

Astronomía sen Fronteiras busca financiamento para os 20 telescopios OneSky e 20 libros de astronomía en español cos que pretende achegarlle ao profesorado recursos para tratar materias CTEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas) a través da astronomía. A túa doazón achegará recursos a escolas moi necesitadas de rexións desfavorecidas e devastadas de Puerto Rico. Os telescopios levarán o universo aos nenos e nenas do país e axudaranlles a ter un sentido global de unidade neste tempo tan difícil.

Podes apoiar o proxecto aquí: https://www.classy.org/campaign/puerto-rico-stem-education/c178826

7) Microfichas

Microfichas é un proxecto enciclopédico onde a arte e o coñecemento se encontran. Cada colección comprende de 10 a 15 tarxetas que presentan elementos chave dun tema concreto e vai dedicada a asuntos como os volcáns e a microbioloxía, entre outros moitos. Os textos están escritos por un especialista e interpretados visualmente por un artista. O contido textual e visual imprímese en tarxetas e noutros diversos soportes impresos e dixitais. Para facilitar a libre circulación do coñecemento, todo o contido estará dispoñíbel para a súa descarga gratuíta no sitio web do proxecto, en versións en inglés e francés.

Bótalle un ollo ás coleccións aquí: http://microfiches.org/en/

8) Convocatoria para planetarios portátiles

As cúpulas portátiles son unha mostra da educación científica de base na súa mellor forma e chegan aos lugares máis remotos do planeta. Para honrar e animar o excelente traballo feito desde os planetarios móbiles en todo o mundo, a Sociedade Planetaria Internacional (IPS) está promovendo un concurso que outorgará premios aos mellores eventos celebrados durante o Día Internacional dos Planetarios, o 11 de marzo de 2018. Os premios daranse a partir das fotos, vídeos e textos (conta a túa historia!) que lles cheguen. As propostas deben recibirse até o 1 de maio de 2018.

Máis información sobre o concurso, aquí: https://ips-planetarium.site-ym.com/?page=IDP2018

9) Vídeos que prestan

O noso é un boletín xerado polos usuarios e usuarias e coma sempre queremos darlle as grazas á nosa comunidade por compartiren os seus contidos favoritos con nós. Desta volta facemos unha breve compilación de vídeos que recibimos. Non perdas “Unha nova visión da Lúa”, no que un grupo de divulgadores levan un telescopio polas rúas de Los Angeles (EEUU) para ofrecerlle ás persoas que pasan unha mirada de perto a un obxecto familiar como é o noso satélite. E se coñeces a serie Estrelas de Neutróns non quererás perder “Detectives espaciais, o caso das rochas do espazo” de Europlanet e a Oficina de Ciencia. Ademais o mes que vén celebraremos o Día Internacional da Luz e a organización vén de lanzar o seu novo vídeo. Desfrutade deles!

10) Encontros e actividades globais de 2018

Podes atopar aquí unha listaxe de eventos e conferencias de divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planifica un ano cheo de acontecementos interesantes!

Engadido hai pouco

5ª Conferencia Europea de Xornalistas de Ciencia
Data: 8 de xullo de 2018
Lugar: Toulouse, Francia
Máis información: https://www.ecsj2018.eu/

Próximas actividades

a) Día Internacional da Luz
Datas: 16 de maio de 2018
Lugar: todo o mundo
Máis información: https://www.lightday.org/

b) Día do asteroide
Datas: 30 de xuño de 2018
Lugar: todo o mundo
Máis información: http://asteroidday.org/

c) Sociedade Planetaria Internacional 2018
Data: do 1 ao 6 de xullo de 2018
Lugar: Toulouse, Francia
Máis información: http://www.ips-planetarium.org/page/IPS2018Toulouse

d) Campamento Internacional para a Promoción da Ciencia (ISEC)
Data: do 6 ao 22 de xullo de 2018
Lugar: Barcelona, España
Máis información: http://www.isec2018.wordpress.com/

e) 5ª Conferencia Europea de Xornalistas de Ciencia
Data: 8 de xullo de 2018
Lugar: Toulouse, Francia
Máis información: https://www.ecsj2018.eu/)

f) ESOF (EuroScience Open Forum) 2018
Datas: do 9 ao 14 de xullo de 2018
Lugar: Toulouse, France
Máis información: https://www.esof.eu/en/

g) Committee on Space Research – COSPAR
Datas: do 14 ao 22 de xullo de 2018
Lugar: Pasadena, California (EEUU)
Máis información: http://cospar2018.org/

h) Conferencia Robotic Telescopes, Student Research and Education (RTSRE)  & Cimeira InterNational Astronomy Teaching
Datas: do 22 ao 27 de xullo de 2018
Lugar: Hilo, Hawai’i, EEUU
Máis información: rtsre.org

i) Asemblea Xeral da IAU
Datas: do 20 ao 31 de agosto de 2018
Lugar: Viena, Austria
Máis información: http://astronomy2018.univie.ac.at/

l) Congreso Europeo de Ciencia Planetaria
Datas: do 16 ao 21 de setembro de 2018
Lugar: Berlín, Alemaña
Máis información: https://www.epsc2018.eu/

m) Conferencia .Astronomy
Datas: do 24 ao 27 de setembro de 2018
Lugar: Baltimore, EEUU
Máis información: https://www.dotastronomy.com/

n) Congreso Xeración Espacial
Datas: do 27 ao 29 de setembro de 2018
Lugar: Bremen, Alemaña
Máis información: https://spacegeneration.org/sgc2018

ñ) Congreso Aeronáutico Internacional
Datas: do 1 ao 5 de outubro de 2018
Lugar: Bremen, Alemaña
Máis información: http://www.iafastro.org/events/iac/iac-2018/

o) Semana Mundial do Espazo
Datas: do 4 ao 10 de outubro de 2018
Lugar: todo o mundo
Máis información: http://www.worldspaceweek.org/

p) Noite Internacional de Observación da Lúa
Datas: 20 de outubro de 2018
Lugar: todo o mundo
Máis información: http://observethemoonnight.org/

q) V Festival Starmus: un paso de xigante
Datas: do 24 ao 29 de xuño de 2019
Lugar: Berna, Suíza
Máis información: https://www.starmus.com/

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

11) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita e Mikako Kuwamura a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;

-Traducións ao galego, pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

-Traducións ao español, elaboradas por:

Emilio Zúñiga, ASAFILE, Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

Basilio Solís-Castillo, estudante de doutorado, Instituto Max Planck de Radioastronomía, Universidade de Bonn: http://astronomia-para-todos.blogspot.de;

Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

12) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2018!

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós en 2018! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.

1 Comment

  1. marisa castiñeira 29 de abril de 2018 at 19:25 07Sun, 29 Apr 2018 19:25:35 +020035.

    Aproveitaremos esas microfichas e vídeos especialmente para as nosas clases
    (poñeremos o do día Internacional da Luz)
    Moitas grazas