Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Novembro 2018 #2

Neste boletín:

0) Nota dos editores
1) astroEDU da IAU seleccionado como unha das 100 mellores iniciativas de educación de todo o mundo
2) A astrónoma Teresa Lago é a gañadora do Gran Premio Ciência Viva Montepio 2018
3) Dispoñíbel en liña o boletín #22 da Oficina de Astronomía para o Desenvolvemento
4) Anunciada unha nova iniciativa do observatorio de Arecibo
5) Apoio a estudantes africanos para asistir a un obradoiro espacial
6) O podcast «365 días de astronomía» fai 10 anos
7) Nepal acolle a conferencia rexional asiática “Global Hands-On Universe”
8) Constelacións en diferentes culturas
9) Campañas «Globe at Night» en 2019
10) Encontros e actividades globais de 2018
11) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas
12) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2018!

0) Nota dos editores

Alégranos anunciar que as celebracións dos 100 anos da IAU alcanzaron o fito dos 100 eventos rexistrados na nosa plataforma. Isto débese en gran medida ao esforzo das persoas que se encargan da Coordinación de Divulgación Nacional e os Comités Nacionais IAU100 na difusión de información nos seus países para crear conciencia na comunidade. Podedes atopar algúns exemplos das actividades de lanzamento de IAU100 en todo o mundo nas nosas redes sociais.

Queremos destacar catro proxectos globais da IAU que están a xerar moito interese por parte da comunidade, as 100 horas de Astronomía, o Día das Mulleres e as Nenas na Astronomía, as Escolas Einstein e a exposición “Above and Beyond”. Non perdades a oportunidade de facer plans por adiantado e unídevos a nós nas celebracións!

Neste número, destacamos o gran premio obtido pola nosa Secretaria Xeral, a selección de astroEDU como unha das 100 máis importantes iniciativas de educación e o último número do boletín informativo da Oficina de Astronomía para o Desenvolvemento da IAU.

Desexámosvos unha feliz lectura e ceos despexados!

O equipo da oficina IAU de divulgación astronómica.

1) astroEDU da IAU seleccionado como unha das 100 mellores iniciativas de educación de todo o mundo

HundrED é unha organización mundial de educación sen ánimo de lucro que investiga innovacións na educación en todo o mundo e selecciona anualmente as 100 iniciativas máis inspiradoras. As prácticas educativas teñen que cumprir cos criterios de ser innovadoras, impactantes e modulábeis para ingresar na lista. Na listaxe de 2019, HundrED recoñeceu a astroEDU da IAU entre as 100 mellores innovacións. IAU astroEDU é unha plataforma de acceso aberto de actividades de educación astronómica revisadas por pares co obxectivo de que os educadores e educadoras as descubran, revisen, distribúan, melloren e mesturen segundo as súas necesidades culturais e lingüísticas.

Máis información: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann1858/

2) A astrónoma Teresa Lago é a gañadora do Gran Premio Ciência Viva Montepio 2018

O Gran Premio Ciência Viva Montepio distinguiu a Teresa Lago, a nosa Secretaria Xeral da IAU, polo seu destacado labor na promoción da cultura científica como profesora, investigadora, autora e divulgadora no campo da astronomía. Despois de obter o seu doutoramento en astrofísica da Universidade de Sussex, foi fundadora do Centro de Astrofísica da Universidade do Porto e creou o primeiro grao en astronomía en Portugal. Os Premios Ciência Viva Montepio son outorgados anualmente por Ciência Viva e Montepio e celebran a personalidades e institucións que destacan polo seu mérito excepcional na promoción da cultura científica en Portugal. As persoas gañadoras son seleccionadas por representantes das institucións de investigación científica que conforman a axencia Ciência Viva.

Aquí está o anuncio oficial da IAU: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann1856/

3) Dispoñíbel en liña o boletín #22 da Oficina de Astronomía para o Desenvolvemento

O boletín informativo #22 da IAU OAD está xa en liña. Publícao trimestralmente a Oficina de Astronomía para o Desenvolvemento da IAU. Entre os asuntos destacados desta edición temos a Asemblea Xeral da IAU que se celebrou do 20 ao 31 de agosto en Viena, Austria; información actualizada sobre a convocatoria anual de propostas da OAD e o novo libro de grande formato publicado pola OAD.

O arquivo de todos os boletíns de OAD pode consultarse aquí.

4) Anunciada unha nova iniciativa do observatorio de Arecibo

En 1974 o Observatorio de Arecibo fixo historia ao transmitir a mensaxe de radio ao espazo profundo máis poderosa xamais creada. A famosa «mensaxe de Arecibo» foi deseñada polo persoal do observatorio, dirixido por Frank Drake, coa axuda do astrónomo e famoso comunicador científico Carl Sagan. Contiña información sobre a raza humana e aspiraba a ser a nosa tarxeta de visita intergaláctica. No 44º aniversario da mensaxe orixinal de Arecibo, o equipo do observatorio está buscando ideas innovadoras a través da colaboración global.

Tedes máis información aquí. Visitade o sitio web do observatorio para obter máis detalles: http://www.naic.edu/ao/landing.

5) Apoio a estudantes africanos para asistir a un obradoiro espacial

O Consello Consultivo de Xeración Espacial (SGAC), unha organización non gobernamental sen ánimo de lucro, está a recadar fondos para apoiar os e as mellores estudantes e profesionais de África para que asistan ao 2º Obradoiro Xeración Espacial Africana (AF-SGW) que se realizará do 17 ao 18 de decembro de 2018 en Mauricio. Este obradoiro é unha oportunidade única para contribuír ao futuro do espazo africano. Os obradoiros anteriores de SGAC cambiaron literalmente vidas ao facilitar que as persoas asistentes se reunisen con xente que podía ofrecerlles titoría, asesoría e mesmo emprego. As contribucións apoiarán directamente a participación da mocidade no encontro.

Podedes obter máis información sobre o proxecto aquí: https://www.gofundme.com/afsgw2018. Tamén podedes contactar con ramasamy.venugopal[at]spacegeneration.org e hansley.noruthun[at]spacegeneration.org para facer calquera consulta.

6) O podcast 365 días de astronomía fai 10 anos

O podcast diario 365 días de astronomía celebra o seu décimo aniversario en 2019. Para comezar unha nova década, o programa formula un ano de contidos arredor do tema «Conmemorar os descubrimentos a través do tempo e a cultura». O décimo aniversario do podcast cadra coas celebracións do centenario da IAU e o 50º aniversario da aterraxe na Lúa, un fito que nos leva a moitos outros grandes logros de exploración espacial e ciencia espacial. O podcast é unha produción do Planetary Science Institute e inclúe contido achegado por autores e autoras de podcast de todo o mundo.

Podedes escoitar episodios pasados e subscribirvos en http://365daysofastronomy.org.

Máis información neste sitio web: http://www.psi.edu/news/podcast

7) Nepal acolle a conferencia rexional asiática «Global Hands-On Universe»

Global Hands-On Universe (GHOU) convida a docentes, estudantes, investigadores e investigadoras e entusiastas do espazo a rexistrarse na primeira reunión rexional asiática de GHOU que se realizará no campus de Prithivi Narayan, Pokhara (Nepal) do 6 ao 8 de marzo de 2019. O obxectivo desta conferencia rexional é crear unha plataforma para que astrónomos, astrónomas e profesionais da educación se reúnan e compartan aprendizaxe no marco da rede GHOU en áreas de investigación de vangarda. Podedes rexistrarvos aquí.

Máis información sobre o encontro en: https://sites.google.com/view/ghou-asia-rexional-conference/home

8) Constelacións en diferentes culturas

Como situaron as culturas de todo o mundo os seus mitos e lendas nas estrelas? Grazas á creatividade combinada coas historias sobre lendas e mitos locais xurdiu un conxunto diverso de constelacións. Ao longo dos séculos, as persoas atoparon moitas formas diferentes no mesmo ceo, desde humanos, animais e obxectos até conceptos abstractos. O proxecto «Figuras no Ceo», da astrónoma e artista de visualización de datos Nadieh Bremer, recolle as constelacións de diferentes culturas.

Tedes moito por descubrir en http://www.datasketch.es/may/code/nadieh/

9) Campañas Globe at Night en 2019

Globe at Night (GaN) é un proxecto mundial de ciencia cidadá para concienciar sobre os problemas da contaminación luminosa e compilar datos que axuden a controlar o seu estado. Globe at Night dispón dunha aplicación e sitio web multiplataforma desde os cales avaliar facilmente o brillo do ceo nocturno dun lugar concreto (ou a escuridade!). Os teléfonos intelixentes rexistrarán automaticamente a data, a hora e a localización, polo que só se necesita a medición e algúns datos do nivel de nebulosidade. Aínda estás a tempo de participar na campaña que queda este ano de Globe at Night, do 29 de novembro ao 8 de decembro.

10) Encontros e actividades globais de 2018

Podes atopar aquí unha listaxe de eventos e conferencias de divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planifica un ano cheo de acontecementos interesantes!

a) Encontro rexional asiático «Global Hands-On Universe»
Datas: do 6 ao 8 de marzo de 2019
Lugar: Pokhara, Nepal
Máis información: https://sites.google.com/view/ghou-asia-regional-conference/home

b) V Festival Starmus: un paso de xigante
Datas: do 24 ao 29 de xuño de 2019
Lugar: Berna, Suíza
Máis información: https://www.starmus.com/

c) 3º Obradoiro sobre Divulgación e Educación da Astronomía (WDEA III)
Datas: 2 de xullo (Eclipse solar) e do 4 ao 5 de xullo de 2019
Lugar: San Juan, Argentina
Máis información: http://sion.frm.utn.edu.ar/WDEAIII/

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

11) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;

-Traducións ao galego, por Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

-Traducións ao español, elaboradas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

12) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2018!

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós en 2018! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.