Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Marzo 2019 #1

Neste boletín:

0) Nota dos editores
1) Únete ao equipo de divulgación da IAU en Xapón!
2) Nova Coordinadora Internacional de Divulgación
3) AstroVoces, noticias do Comité Executivo da IAU Mulleres na Astronomía
4) Concurso de nomes para as últimas lúas de Xúpiter descubertas
5) Proxectos 2019 da Oficina de Astronomía para o Desenvolvemento da IAU
6) Asinado o convenio internacional do SKA
7) Celebramos o Ano das Linguas Indíxenas (IYIL2019)
8) Mes da Astronomía Global 2019
9) Encontros e actividades globais
10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas
11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU

0) Nota dos editores

Prezados amigos, amigas e colegas,

Nós, o equipo da oficina de divulgación da IAU, desexámoslle todo o mellor ao noso colega Sze-leung Cheung, coordinador de divulgación internacional saínte, e expresámoslle o noso máis sincero agradecemento polos seus importantes servizos para a oficina e a IAU nos últimos cinco anos.
Neste número, queremos destacar o proxecto “Astrovoces” do grupo de traballo da IAU Mulleres en Astronomía; animarvos a participar no concurso de denominación para as lúas de Xúpiter descubertas hai pouco e convidarvos a unirvos ao noso equipo aquí no Xapón postulando para o posto de traballo en concurso.

Queremos darlles as grazas aos nosos coordinadores nacionais de divulgación (NOC, polas súas siglas en inglés) polo seu traballo continuo, especialmente este ano, durante as celebracións do centenario, pois eles e elas son tamén os puntos de contacto IAU100 en cada país e están a impulsar con entusiasmo e de forma continuada as celebracións en todo o mundo.

Desexámosvos unha feliz lectura e ceos despexados!

Lina Canas, en nome do Equipo de Divulgación da Oficina de Astronomía da IAU

1) Únete ao equipo de divulgación da IAU en Xapón!

A Oficina IAU para a Divulgación Astronómica abriu o concurso para un posto no seu equipo, con sede en Mitaka, Xapón, e dá a benvida ás solicitudes de xente entusiasta e dedicada con experiencia en comunicación da ciencia. A IAU e o NAOJ agora buscan unha persoa que se una ao equipo de divulgación da IAU e sirva de apoio ás actividades da oficina.

Máis información: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann19012/

2) Nova Coordinadora Internacional de Divulgación

Lina Canas foi nomeada nova Coordinadora de Divulgación Internacional da Oficina de Divulgación de Astronomía da IAU, que se atopa en Toquio, Xapón. A Oficina IAU para a Divulgación Astronómica (OAO) é un proxecto conxunto da IAU e o Observatorio Astronómico Nacional de Xapón (NAOJ). A súa principal responsabilidade é xestionar as iniciativas de comunicación e accesibilidade da IAU e apoiar a Rede Internacional de Coordinación Nacional de Dvulgación da IAU en máis de 100 países.

Máis información: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann19011/

3) AstroVoces, noticias do Comité Executivo da IAU Mulleres na Astronomía

AstroVoces é un proxecto liderado polo Comité Executivo da IAU Mulleres na astronomía (WG, Women in Astronomy) para o centenario da Unión Astronómica Internacional, e ten como obxectivo crear unha curtametraxe con mulleres astrónomas de todo o mundo que se estreará durante 2019, ano do centenario, para promover a visión da astronomía como unha carreira emocionante e estimular o interese das mulleres e as nenas en todo o mundo.

Aquí tes máis información sobre AstroVoces e as últimas noticias sobre o Comité Executivo da IAU Mulleres na Astronomía: https://www.iau.org/science/scientific_bodies/workinggroups/womeninastronomy/news/

4) Concurso de Nomes para as últimas lúas de Xúpiter descubertas

Na primavera de 2017 un equipo de astrónomos observou os primeiros sinais de doce lúas descoñecidas que orbitaban Xúpiter. Logo de confirmar estes sinais con outras observacións, o descubrimento anunciouse en xullo de 2018 e elevou a 79 o número total de lúas coñecidas de Xúpiter, máis que calquera outro planeta no noso sistema solar. Os nomes de cinco destas novas lúas están agora abertos ás propostas do público global nun concurso de nomes organizado polo Instituto Carnegie co apoio da IAU, responsábel de poñerlle nome aos corpos astronómicos, e o Grupo de Traballo da IAU para a Nomenclatura do Sistema Planetario (WGPSN).

Para saber máis: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann19010/

5) Proxectos 2019 da Oficina de Astronomía para o Desenvolvemento da IAU

O proxecto conxunto Indonesia-Malaisia sobre Educación Astronómica usando imaxes táctiles (IMPACTDome) ten como centro un planetario móbil para persoas con discapacidades visuais. É unha esfera xeodésica en miniatura, formada por segmentos triangulares e hexagonais unidos entre si. Imprimirase con constelacións táctiles en cada lado, para o ceo do norte e o do ceo sur. Os triángulos pódense colocar en calquera segmento da cúpula para así representar os cambios na localización da constelación debido ao paso do tempo e a latitude. O proxecto aspira ademais a establecer colaboracións entre Malaisia e Indonesia a través desta iniciativa.

Podes ler aquí máis información sobre este proxecto.

6) Asinado o convenio internacional do SKA

A Unión Astronómica Internacional felicita ao Observatorio Square Kilometre Array (SKA) pola sinatura do seu convenio internacional. Este convenio establece formalmente o Observatorio SKA, unha colaboración internacional que traballa para construír o radiotelescopio máis grande do mundo. A IAU apoia firmemente e promove a cooperación global en grandes instalacións como esta, que son necesarias para realizar proxectos astronómicos cada vez máis ambiciosos. O SKA outorgará aos astrónomos e astrónomas de todo o mundo novas oportunidades para desentrañar os misterios do Universo, e impulsará ademais solucións innovadoras para os desafíos do “big data” que beneficiarán á sociedade en xeral.

Máis información: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann19013/

7) Celebrando o Ano das Linguas Indíxenas (IYIL2019)

“As Nacións Unidas declararon 2019 Ano das Linguas Indíxenas (IYIL2019) para a posta en valor da rica diversidade cultural do noso planeta e crear conciencia da alarmante cantidade de idiomas que están a desaparecer en todo o mundo. Os idiomas xogan un papel crucial no día a día das persoas, non só como ferramenta para a comunicación, a educación, a integración social e o desenvolvemento, senón tamén como repositorio da identidade, as tradicións culturais e a memoria das persoas”. (Ref. IYIL2019). A Oficina da IAU para a Divulgación Astronómica a través da Rede de Tradución de Astronomía (ATN, polas súas siglas en inglés) uniuse ás celebracións lanzando un desafío á comunidade: traducir dous ou tres recursos de astronomía a idiomas en perigo de extinción para axudar a crear conciencia sobre a diversidade cultural do noso mundo. Os recursos están relacionados coas celebracións IAU100 «Baixo un mesmo Ceo» e a importancia do patrimonio cultural en relación coa protección do ceo nocturno e o ceo escuro.

Se desexas participar no proxecto, comunícate co equipo da ATN en translation@oao.iau.org.

Podes visitar o sitio web oficial da ATN https://translation.iau.org/en/ e descubrir máis información sobre o proxecto.

8) Mes da Astronomía Global 2019

O Mes da Astronomía Global (GAM, polas súas siglas en inglés), organizado cada mes de abril por Astrónomos sen Fronteiras, é unha das celebracións mundiais de astronomía máis grandes do mundo. Cada ano, GAM achega novas ideas e oportunidades para reunir a entusiastas de todo o mundo e celebrar o lema do colectivo, One People, One Sky (Un Pobo, Un Ceo). Podes atopar o programa deste ano aquí e unirte ás celebracións nalgún evento preto de ti.

Para obter máis información: https://astronomerswithoutborders.org/global-astronomy-month-2019.html

9) Encontros e actividades globais

Aquí tes unha listaxe de eventos e conferencias de divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planificade un ano cheo de acontecementos interesantes!

a) 8ª conferencia internacional “Novas perspectivas en educación científica”
Datas: 21 e 22 de marzo 2019
Lugar: Florencia, Italia
Máis información: https://conference.pixel-online.net/NPSE/

b) Noite de Yuri
Data: 12 de abril de 2019
Lugar: todo o mundo
Máis información: https://yurisnight.net/

c) Día da Astronomía Amadora
Data: 13 de abril de 2019
Lugar: Bruxelas, Bélxica
Máis información: https://www.iau-100.org/amateur-astronomers-day​

d) IAUS350: Astrofísica de laboratorio: das observacións á interpretación
Data: do 14 ao 19 de abril de 2019
Lugar: Cambridge, GB
Máis información: http://www.astrochemistry.org.uk/IAU_S350/

e) Semana europea da astronomía e ciencias do espazo
Datas: do 24 ao 28 de xuño de 2019
Lugar: Lyon, Francia
Máis información: https://eas.unige.ch//EWASS/

f) V Festival Starmus: un paso de xigante
Datas: do 24 ao 29 de xuño de 2019
Lugar: Berna, Suíza
Máis información: https://www.starmus.com/

g) Día do asteroide
Data: 30 de xuño de 2019
Lugar: todo o mundo
Máis información: http://asteroidday.org/

h) 3º Obradoiro sobre Divulgación e Educación da Astronomía (WDEA III)
Datas: 2 de xullo (Eclipse solar) e do 4 ao 5 de xullo de 2019
Lugar: San Juan, Argentina
Máis información: http://sion.frm.utn.edu.ar/WDEAIII/

i) IAU100: 50º aniversario da chegada á Lúa – Observemos a Lúa!
Datas: 20 de xullo de 2019
Lugar: todo o mundo
Máis información: https://www.iau-100.org/moon-landing-anniversary

l) Conferencia sobre educación astronómica: Investigación aplicada e práctica
Datas: do 16 ao 18 de setembro de 2019
Lugar: Garching, Múnic, Alemaña
Máis información: http://iau-dc-c1.org/astroedu-conference/

m) IAUS358: Astronomía para a Equidade, a Diversidade e a Inclusión – unha folla de ruta para as accións no marco do centenario da IAU
Datas: do 12 ao 15 de novembro de 2019
Lugar: Toquio, Xapón
Máis información: https://iau-oao.nao.ac.jp/iaus358/

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;

-Traducións ao galego, por Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

-Traducións ao español, elaboradas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

-Tradución ao italiano, feitas por Eleonora Piromalli, AstronomiAmo, de Italia, nesta ligazón: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last

-Tradución ao ruso, elaboradas por Artem Mokhnaktin, do Observatorio Astronómico Central da Academia Rusa das Ciencias en Pulkovo. Podes atopar as últimas traducións do boletín aquí.

-Tradución ao portugués elaborada por Catarina Leote e João Ferreira a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica (o número anterior do boletín está aquí).

Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2019!

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.